A enxeñeira galega Carmela González Troncoso (Vigo, 1982), líder dun proxecto internacional que naceu co obxectivo de desenvolver un protocolo de rastrexo de contaxios de Covid-19 respectando a privacidade da cidadanía, acaba de ser nomeada entre as 40 personalidades menores de 40 anos máis relevantes no eido da Tecnoloxía pola revista Fortune, do grupo editorial Time.
Troncoso, que actualmente é investigadora na Escola Politécnica Federal de Lausana, en Suíza, coordinou a un equipo de máis de 20 persoas de distintas institucións académicas europeas que puxo en marcha un sistema descentralizado de rastrexo, co nome de DP3T, no que se garantía a privacidade e a seguridade das persoas que usasen a aplicación para o control de posibles brotes de Covid-19.
No texto que acompaña o nomeamento de Carmela Troncoso, Fortune expón que a investigadora viguesa “axudou a liderar o impulso para construír” o sistema DP3T, que asumiron posteriormente Google e Apple. “A pandemia de coronavirus desencadeou un impulso para as aplicacións para as aplicacións dixitais de rastrexo de contactos, que utilizan os teléfonos intelixentes para trazar a exposición viral das persoas, un traballo que normalmente usan os profesionais sanitarios”. Ante os posibles problemas de privacidade derivados de compartir datos delicados de cada usuario, a revista expón que o proxecto liderado por Troncoso axudou a abordar o conflito, “almacenando datos temporais e anónimos no teléfono do usuario, en lugar dun servizor central, o que dificulta os ataques ou o uso indebido”.
7 months ago, when #DP3T started, I wrote this tweet. Our efforts helped embedding privacy in digital contact tracing worldwide 🌍🌎.
Today this happened https://t.co/RygKJm6GBL
Humbled to be in such a list 🙏😳
Thanks @FortuneMagazine for recognizing the importance of privacy! https://t.co/iAWOXy54Jn— Carmela Troncoso (@carmelatroncoso) September 2, 2020
Carmela Troncoso graduouse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e realizou o seu doutoramento sobre o deseño e análise de métodos para tecnoloxías da privacidade na Universidade Católica de Lovaina. Traballou no Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e no Instituto Madrileño de Estudos Avanzados (IMDEA) antes de chegar á Escola Politécnica Federal de Lausana, onde dirixe na actualidade o grupo SPRING (Security and Privacy Engineering Laboratory).