A Xunta engade Pontevedra e Ponteceso ás áreas de risco da Covid-19

Galicia rexistra o maior aumento de casos novos das últimas semans, 332, ao engadir boa parte das infeccións detectadas na residencia de Outeiro de Rei

O comité clínico de expertos sanitarios que asesora á Xunta de Galicia mantivo este mércores unha nova reunión para revisar a situación epidemiolóxica no país, despois das medidas acordadas hai unha semana. Unha das decisións foi a de incorporar aos municipios de e Pontevedra e Ponteceso ás “zonas con especiais restricións” debido ao aumento da incidencia nos últimos días.

Por outra banda, parte da cidade da Coruña, os municipios de Oleiros, Cambre, Culleredo e Santa Comba equipáranse ao resto de Galicia. Na capital provincial, permanecen as medidas de control vixentes nos barrios da Agra do Orzán, Ventorrillo, Sagrada Familia, Vioño, Sardiñeira, Os Mallos e Estación. A limitación exacta das rúas quedará explicada na orde do Diario Oficial de Galicia que se publicará nas últimas horas do mércores, segundo explica Sanidade.

No mesmo nivel da última semana mantéñense os termos municipais de Santiago de Compostela, Ourense, Carballo, A Laracha e Lugo, onde o barrio da Milagrosa se equipara ao resto do concello, dada a evolución nos últimos días despois do control do brote que chegou a afectar a preto de 300 persoas. En Arteixo, que xunto á Milagrosa mantiña as medidas máis estritas, con limitacións das reunións a cinco persoas, tamén se equipara a situación ao resto de concellos mencionados anteriormente.

Unha das novidades da reunión do comité é que se decidiu elevar “do 50% ao 75% os aforos en terrazas naquelas zonas con especial restricións”. Porén, mantéñense o resto de indicacións, como a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde se mantén a prohibición do consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros; a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto, ademais do peche dos centros de día e residencias.

Máscara en todos os ximnasios

Despois dos brotes detectados nalgún ximnasio, o comité tamén acordou a “decisión de estender a toda Galicia o uso obrigatorio de máscara nos ximnasios, que xa se tiña establecido a pasada semana para aquelas zonas con especiais restricións”.

Situación actual

Como todos os días, a Consellería de Sanidade achegou tamén a situación dos casos activos, indicador que utiliza para dar conta da evolución da pandemia da Covid-19. Este mércores sumáronse 332 casos á serie desde o comezo da crise, tras contabilizar 4.637 probas PCR máis. É o maior aumento de casos desde a chamada “desescalada”, ao incorporar os máis de 100 positivos detectados nos últimos días na residencia de Outeiro de Rei, que foi intervida o martes pola Xunta de Galicia. No parte do mércores, a Consellería de Política Social engadiu 14 novos casos (de 4 usuarios e 10 traballadores), co que xa son 166 as persoas afectadas polo coronavirus na residencia.

Publicidade

Hai 193 novas altas, que suman un total de 14.158 persoas curadas, e desde o parte anterior producíronse cinco mortes, que eleva a cifra a 668 falecementos. Destes últimos óbitos, dous son usuarios do centro do Incio e outro do de Outeiro de Rei. Producíronse en Galicia 49 mortes desde o 7 de agosto, e 23 delas correspóndense a usuarios de residencias. Diversas fontes atribúen a que 17 das mortes tiveron lugar na residencia da Fundación San Rosendo no Incio, catro na Orpea de Culleredo e dúas na de DomusVi en Outeiro de Rei, nas aforas de Lugo.

A ocupación nos hospitais baixa lixeiramente ao reducirse en seis (de 187 a 181) o número de casos activos en unidades de hospitalización. Mais a ocupación na UCI sobe de 22 a 25, co que a carga hospitalaria está en niveis semellantes aos de mediados de maio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha obra no río Miño afecta a dúas especies vulnerables e pon en alerta os ecoloxistas

A restauración dun caneiro en Acea de Olga, na cidade de Lugo, obriga a trasladar a dúas poboacións de bivalvos ameazadas

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura