Se nos paramos a pensar, o feito de que o noso corazón poida latir pola súa conta, sen erros en moitos casos, durante decenas de anos, é unha milagre da natureza. Isto é posible, en boa parte, grazas aos cardiomiocitos, unhas células que se contraen de forma espontánea para facer que o órgano bombee o sangue ata o último recuncho do corpo. Este esforzo require dun enorme gasto de enerxía, que se encargan de regular as mitocondrias, orgánulos celulares moi abundantes, por tanto, nos cardiomiocitos. Pero do mesmo xeito que unha caldeira a pleno rendemento ou un coche cun elevado consumo de combustible, este esforzo xera unha importante cantidade de refugallos.
Que facer, entón, para depurar este sistema? Ata agora non se sabía cal era o mecanismo, e acábao de descubrir un equipo de científicos do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC). O achado descríbese nun artigo na recoñecida revista Cell, e explica como os cardiomiocitos son capaces de ‘delegar’ a limpeza dos refugallos mediante a liberación dunhas partículas chamadas exoferas, que son capturadas polos macrófagos, unha rede de células inmunitarias do tecido cardíaco. Estes macrófagos son os que se encargan de eliminalas para evitar que xeren problemas inflamatorios no corazón e, deste xeito, configúrase un sistema de limpeza que é esencial para o bo funcionamento do órgano e o aparello cardiovascular.
O traballo é froito de seis anos de investigación no que xogou un importante papel o biólogo José Ángel Nicolás Ávila (Carballo, 1990), primeiro autor do artigo publicado en Cell. “Os macrófagos son células cunha alta capacidade fagocitaria cuxas funcións foron amplamente estudadas en contextos de inflamación e enfermidade. Con todo, nos últimos anos aprendemos que tamén forman parte da maioría dos tecidos sans e desempeñan labores importantes na súa función cotiá”, explica José Ángel Nicolás.
O estudo é froito da colaboración entre o grupo do CNIC no que traballa Nicolás, dirixido por Andrés Hidalgo, e o equipo de José Antonio Enríquez, xunto a científicos doutros países de Europa, Asia e os Estados Unidos. “A información que achega este descubrimento suxire que a disfunción cardíaca pode, nalgúns casos, emanar de defectos nestas células inmunes residentes en lugar dos cardiomiocitos, un concepto con importantes consecuencias para o diagnóstico e tratamento da enfermidade cardíaca”, explican desde o CNIC.
Novo enfoque
Así, segundo explica Nicolás Ávila, os achados agora descritos poden achegar novos enfoques na investigación de doenzas cardíacas, poñendo o foco dalgunhas patoloxías en posibles erros nos macrófagos que dificultan este sistema de limpeza. “Ata agora buscábanse as causas en xenes e proteínas dos cardiomiocitos, pero agora haberá que prestar atención a estas células; e pode abrirse aporta a estratexias que, modulando o sistema inmune, poidan rexuvenecer a poboación de macrófagos e corrixir os posibles erros”.
Alén do corazón, José Ángel Nicolás avanza a posibilidade de que se produzan procesos parecidos para manter a calidade de células especializadas noutros tecidos, como o cerebro, ou as do sistema músculo-esquelético, cuxas células comparten características similares ás do corazón. “Actualmente estamos a explorar se fenómenos similares ao que describimos no corazón poden acontecer noutros órganos, ou se o proceso se deteriora co envellecemento”.
Neste sentido, Andrés Hidalgo expón que o número de cardiomiocitos que posúe o corazón é limitado e a súa capacidade de dividirse ou rexenerarse en persoas adultas é moi reducida. “É por iso que cremos que este fenómeno de eliminación ‘subrogada’ evolucionou para permitir aos cardiomiocitos latexar en condicións óptimas durante moitos anos, mentres os macrófagos se encargan do seu mantemento”, indica o Dr. Hidalgo. É dicir, engade, “sería algo similar ao sistema de limpeza que hai nas cidades, que pode carecer de glamour, pero é esencial para que a sociedade siga funcionando”.
A influencia do sistema inmune en diversos tipos de doenzas, como lembra Nicolás Ávila, é unha liña de traballo que está adquirindo importancia nos últimos anos, como amosa o avance na inmunoterapia contra o cancro ou as posibles vinculacións entre o Alzheimer e os problemas inmunitarios. Neste caso, o achado dos investigadores do CNIC pode afondar neste enfoque tamén nas doenzas cardíacas.
José Ángel Nicolás é graduado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Bioloxía Molecular. En febreiro, xusto antes do estado de alarma por mor da Covid-19, presentou a súa tese de doutoramento, e agora traballa cun contrato posdoutoral no CNIC, coa previsión de facer algunha estadía nun laboratorio estranxeiro. A liña de traballo que agora se publica na revista Cell xa lle serviu en 2015 para recibir un premio da empresa Inmunotek.
Referencia: A Network of Macrophages Supports Mitochondrial Homeostasis in the Heart (Publicado en Cell).