É a segunda vez en dous meses e medio que a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) ten que adoptar a prohibición de varios produtos que se vendían como suplementos alimenticios aparentemente inocuos pero que, detrás de supostos beneficios vigorizantes, agochaban compoñentes perigosos: o sildenafilo e o taladafilo, dúas substancias indicadas para corrixir os problemas de disfunción eréctil, usados en medicamentos como a coñecida Viagra, pero que tamén poden causar serios problemas de saúde nalgúns grupos de poboación. Nos últimos anos, segundo os datos da web da Axencia, contabilízanse unha trintena de prohibicións deste tipo de compoñentes.
Este luns, a AEMPS emitiu unha nota informando de que se prohibía a comercialización e se retiraban do mercado varios complementos alimenticios distribuídos pola empresa Marco Cordone Spain, con sede en El Médano (Tenerife). Segundo informacións do Grupo de Consumo, Medio Ambiente e Dopaxe da Policía Nacional, tívose coñecemento da comercialización de produtos con nomes como Bull Extreme, Torexan, Devit Forte ou Bioacvit, cuxa posta no mercado non foi notificada ás autoridades competentes. Algo semellante aconteceu a finais de marzo, cando a AEMPS tivo coñecemento da comercialización de complementos como Augebit, Sweet End, Over-X, Infinitum e Power Up a raíz da información dos Servizos de Inspección dos Servizos Sanitarios de Pontevedra, entre outros grupos.
Unha vez realizadas as análises destes produtos por parte do Laboratorio Oficial de Control da AEMPS constatouse que os produtos conteñen sildenafilo, na maioría dos casos xunto ao tadalafilo, que non aparece declarada nas etiquetas, onde só se indican varios produtos de orixe vexetal.
Tal e como informa a AEMPS, “a inclusión do sildenafilo e o tadalafilo en cantidade suficiente para restaurar, corrixir ou modificar unha función fisiolóxica exercendo unha acción farmacolóxica confire a este produto a condición de medicamento segundo o establecido na Lei de Medicamentos e Produtos Sanitarios”. Uns criterios cos que non cumprían estes produtos.
A función do sildenafilo e o tadalafilo
Estes dous compostos, segundo advirte a AEMPS, están indicados para restaurar a función eréctil deteriorada mediante o aumento do fluxo sanguíneo do pene por inhibición selectiva da fosfodiesterasa 5 (PDE-5). Porén, estes inhibidores da PDE-5 “están contraindicados en pacientes con infarto agudo de miocardio, anxina inestable, anxina de esforzo, insuficiencia cardiaca, arritmias incontroladas, hipotensión (tensión arterial < 90/50 mmHg), hipertensión arterial non controlada, historia de accidente isquémico cerebral (ictus isquémico), en pacientes con insuficiencia hepática grave e en persoas con antecedentes de neuropatía óptica isquémica anterior non arterítica ou con trastornos hereditarios dexenerativos da retina, como a retinite pigmentosa.
Alén disto, o sildenafilo e o tadalafilo “tamén presentan numerosas interaccións con outros medicamentos, podendo ademais aparecer reaccións adversas de diversa gravidade, como as cardiovasculares, xa que o seu consumo se asociou ao infarto agudo de miocardio, anxina inestable, arritmia ventricular, palpitacións, taquicardias, accidentes cerebro-vasculares e mesmo morte súbita cardíaca, que se presentaron en maior medida en pacientes con antecedentes de factores de risco cardiovascular, para os cales están contraindicados”.
Así, tal e como advirte do mesmo xeito a AEMPS, produtos como os que se retiran de novo do mercado “preséntanse como produtos naturais, ocultando ao consumidor a súa verdadeira composición e dando información enganosa sobre a súa seguridade”. Deste xeito, fican en especial risco “aqueles individuos susceptibles de padecer reaccións adversas” que poderían recorrer a estes suplemementos, “pretendidamente naturais, a base de plantas, como alternativa teóricamente segura aos medicamentos de prescripción autorizados”.