Venres 29 Marzo 2024

Aumentan os casos de listeriose, con Galicia por riba da media estatal

A doenza, producida por unha bacteria presente en alimentos crus ou pouco cociñados, cunha mortalidade superior ao 20% en adultos

Un estudo realizado por investigadores do Instituto de Saúde Carlos III e do hospital Ramón y Cajal de Madrid e publicado por Eurosurveillance advirte do aumento da incidencia da listeriose en España. A doenza, causada por unha bacteria presente en alimentos crus ou pouco cociñados, ten un gran risco para os fetos, persoas maiores de 65 e/ou co sistema inmunitario debilitado, causando unha mortalidade global que chega a superar o 20%. E Galicia, segundo este estudo, sitúase no grupo de comunidades con maiores taxas de hospitalización, con 14,82 casos por cada 100.000 habitantes.

Imaxe ao microscopio da  "Listeria monocytogenes".
Imaxe ao microscopio da “Listeria monocytogenes”.

A listeriose está producida pola bacteria Listeria monocyogenes que pode contaminar unha gran variedade de alimentos ou bebidas. Principalmente produce gastroenterite, pero nalgúns casos pode causar septicemia ou meninxite, o que agrava o prognóstico e pode chegar á morte. Por isto é unha das infeccións transmitidas a través dos alimentos que ten unha maior taxa de letalidade e morbilidade en relacións ás secuelas que pode causar. Na actualidade, os brotes de listeriose aparecen sobre todo vinculados a produtos lácteos, como queixos brandos, pero tamén en froitas e verduras, aínda que en décadas anteriores aparecía tamén en embutidos e salchichas mal procesadas.

Publicidade

Para evitar os problemas cos queixos brandos, os expertos recomendan comprobar que na etiquetaxe dos produtos se constate a fabricación con leite pasteurizado e, no caso de froitas como o melón, non deixalo a temperatura ambiente unha vez aberto.

A “punta do iceberg” da listeriose

O traballo agora publicado subliña que entre 1997 e 2015 se produciron en España 5.696 hospitalizacións relacionadas coa doenza. Non en tanto, isto representa “só a punta do iceberg”, advirten os investigadores, “xa que só unha pequena porcentaxe dos casos, os máis graves, require de hospitalización”.

Entre 2009 e 2015 houbo en Galicia unhas 50 mortes vinculadas á listeriose e un aumento do 40% respecto aos casos entre 1997 e 2008

En Galicia, un informe da Dirección Xeral de Saúde Pública (ver PDF) fala de 256 casos rexistrados entre 2009 e 2015, (máis de 35 por ano) o que supón un aumento do 40% respecto ao período anterior (1997-2008). Entre eles, houbo arredor de 50 mortes vinculadas directa ou indirectamente coa listeriose, moitas veces agravada por outras patoloxías. A idade media destes falecementos foi de 74,5 anos, o que denota a avanzada idade da maioría dos casos. Estas taxas altas de hospitalización esténdense polo norte do país, en comunidades como Asturias, País Vasco, La Rioja, Cantabria ou Cataluña.

Este informe incide, do mesmo xeito, no aumento da porcentaxe de positivos por listeriose en mostraxes de moluscos cocidos, refrixerados ou conxelados, debido á capacidade da bacteria para producir biofilms e sobrevivir en ambientes fríos.

Segundo as recomendacións que se tiran do estudo, é preciso “mellorar a vixilancia da enfermidade en animais e humanos, en paralelos ás melloras no seu control e prevención de casos, sobre todo en persoas embarazadas e inmunodeprimidas. O problema tomou pulo recentemente ao dar conta o Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC) dun brote en varios países que afectou a 22 persoas, das que cinco faleceron. Neste senso, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) advirte de que a listeriose podería ser unha enfermidade emerxente en Europa e estar infradiagnosticada. Desde o Instituto de Salud Carlos III lémbrase, do mesmo xeito, que en España non entrou no catálogo de enfermidades de declaración obrigatoria ata 2015.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego impulsa a sustentabilidade do sistema alimentario a través da IA

O proxecto no que participan USC e UVigo acometerá a crise do sector co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’

Desenvolto o mapa máis completo de interaccións para a supervivencia das bacterias

Os resultados revelan detalles ata o de agora descoñecidos destes mecanismos e ofrecen posibles dianas para o desenvolvemento de novos antibióticos

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T