Científicos galegos expoñen que a circulación do aire estratosférico estase acelerando

O grupo Ephyslab, do campus de Ourense, participa nun traballo que recolle o último número da revista "Atmospheric Chemistry and Physics"

“O cambio climático e o burato da capa de ozono teñen feito e farán cambiar a idade do aire na estratosfera do planeta, o que vén a ser con que velocidade se renova e se move”. Esta aceleración da circulación do aire na capa da atmosfera que se estende desde os 12 aos 50 quilómetros desde a superficie terrestre está a ser descrita e analizada por persoal investigador do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab) da Universidade de Vigo, con Juan Antonio Añel á súa fronte.

No último número de Atmospheric Chemistry and Physics, revista científica internacional dedicada á publicación e discusión de estudos de alta calidade sobre a atmosfera da terra e os procesos químicos e físicos subxacentes, o equipo da Universidade de Vigo asina xunto a investigadores e investigadoras de seis países un artigo no que aborda esta cuestión. O artigo, liderado desde Ephyslab, está asinado desde a Universidade de Vigo por Petr Šácha, Juan Antonio Añel e Laura de la Torre, completando o panel de participantes Roland Eichinger, Hella Garny, Petr Pišoft, Simone Dietmüller, David A. Plummer, Patrick Jöckel, Olaf Morgenstern, Guang Zeng e Neal Butchart.

Publicidade

Na gráfica, tendencias na liña de idade do aire de dous anos a 20 quilómetros de altura dende 1960 ata 2100. Fonte: Ephyslab.
Na gráfica, tendencias na liña de idade do aire de dous anos a 20 quilómetros de altura dende 1960 ata 2100. Fonte: Ephyslab.

“Os resultados que obtivemos amosan que para o ano 2100 o aire na baixa estratosfera moverase do ecuador do planeta ata os polos (que é como se move normalmente) moito máis rápido que en 1960“, explica Juan Antonio Añel. Para facerse unha idea, detalla, “en 1960 o aire que estaba na estratosfera nas nosas latitudes tiña uns dous anos. En 2100 atopamos que será moito máis novo e que cumprirá os dous anos cando xa estea a 60 graos norte, chegando á zona polar do planeta”. Isto, recalca o físico do campus de Ourense, “é moi importante porque o cambio de velocidade coa que chega a esas latitudes afecta a toda a circulación atmosférica do planeta, incluíndo o vórtice polar do que tanto se ten falado este ano”.

No marco do proxecto Zexmod

Os resultados recollidos neste artigo están no marco do proxecto Zexmod: circulación estratosférica en modelos: xeración, diagnose e impacto. O proxecto, que comezou a principios de 2016 e está na súa recta final, está financiado a través da convocatoria Excelencia do Ministerio de Economía e Competitividade. “O seu obxectivo é entender mellor o comportamento da estratosfera do planeta baixo os efectos do cambio climático e mellorar a simulación que fan os modelos climáticos desta capa da nosa atmosfera, moi importante para tentar mellorar a predición meteorolóxica a semanas vista”, comenta Juan Antonio Añel. O equipo que o leva a cabo está dirixido por Juan Antonio Añel e formado desde a Universidade de Vigo pola profesora Laura de la Torre; Petr Šácha, investigador posdoutoral, e Michael García, investigador predoutoral. Completan o panel de participantes Rolando García, do National Center for Atmospheric Research de Estados Unidos e Carlos Fernández, do Centro de Supercomputación de Galicia.

Publicidade

Entre os focos de interese deste proxecto investigación, comentan os seus responsables, “está o estudo da idade do aire e o seu uso para caracterizar algúns fenómenos climáticos no planeta cun impacto potencial moi elevado na predición meteorolóxica con varias semanas de antelación”. O aire, comenta Juan Antonio Añel, como calquera outra cousa, “ten unha idade, un inicio” e o proxecto céntrase en estudar a idade do aire na estratosfera polar co obxectivo de analizar se se pode empregar para facer predicións meteorolóxicas estacionais. A elección da estratosfera polar débese, comenta o investigador, ao impacto que teñen estas zonas no conxunto do planeta no que respecta ao clima e á posibilidade de estudo que ofrece polas súas características físicas.

ReferenciaExtratropical age of air trends and causative factors in climate projection simulations (Publicado en Atmospheric Chemistry and Physics)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra 18 mortes en maio asociadas á calor extrema

A provincia da Coruña foi a máis golpeada ao sumar 15 dos falecementos totais do mes, mentres que Ourense non rexistrou ningún

Regresa El Niño, o fenómeno que incrementa (aínda máis) as temperaturas a nivel global

O evento meteorolóxico causa episodios atmosféricos extremos e podería deixar un outono máis chuvioso en Galicia

Congro, ostra e vieira: máis de 60 especies están afectadas polo cambio climático nas Rías Baixas

Unha investigación do Centro de Investigación Mariña analiza o impacto presente e futuro dos episodios meteorolóxicos extremos sobre a fauna mariña galega

A crise da sardiña en Galicia: cae un 90% en 30 anos

O "stock" do Atlántico sufriu un pronunciado descenso na cantidade da súa biomasa debido ao cambio climático e o consecuente quentamento das augas, entre outros factores