O desastre de Chernóbil convertido en obxecto de humor ou do coleccionismo máis morboso. Imáns de neveira, postais ou chaveiros están á venda xunto con pezas reais da época, como as medallas concedidas aos bombeiros ‘liquidadores’, por un prezo de menos de 30 euros. Mentres a serie de HBO amosa a magnitude da traxedia, a realidade volve demostrar a sentenza clásica: traxedia máis tempo é igual a comedia. É a catástrofe en versión Mortadelo e Filemón, que de feito xa existe: foi publicada por Francisco Ibáñez no ano 2011, no 25 aniversario da catástrofe, no álbum “Chernóbil: Que cuchitril!”
Nos portais de coleccionismo é posible atopar hoxe todo tipo de memorabilia relacionada co accidente de 1986. Destacan as medallas concedidas aos ‘liquidadores‘, os máis de 600.000 bombeiros, mineiros, enxeñeiros, científicos ou militares que participaron no selado do reactor nuclear en 1986. En webs como todocoleccion.com atopamos estas condecoracións por prezos entre os 22 e os 33 euros, incluíndo os gastos de envío.

Tamén están á venda medallas conmemorativas de sobremesa e outras editadas cos sucesivos aniversarios da catástrofe.

En Ebay, podemos atopar diversos obxectos relacionados co desastre nuclear, que se venden como ‘auténticas pezas de Chernóbil‘. Entre eles hai contadores geiger ou traxes anticontaminación utilizados polos liquidadores para limpar a zona contaminada. Un contador geiger presuntamente datado en 1964 ten un prezo de 60 euros e o traxe coa máscara, por 58, envío non incluído.
Ademais do coleccionismo, Chernóbil tamén ten os seus ‘souvenirs’ para turistas. Que inclúen chaveiros e mesmo imáns de neveira a diversos prezos. Mesmo están á venda camisetas co logotipo de Hard Rock Café e a localización na planta nuclear.

Existe, polo tanto, certa banalización do desastre, que ao longo das décadas foi tamén inspiración para o humor. Concretamente, a través das historietas de Francisco Ibáñez, quen no ano 2011, coincidindo cos 25 anos da catástrofe, publicou o seu álbum ‘Chernóbil: Que cuchitril!”, protagonizado por Mortadelo e Filemón.

Os dous axentes da TIA son enviados polo Súper a Ucrania para investigar un gas que volve saír da central nuclear de Chernóbil. Alí atopan que a xente de Pripiat se volveu moi belixerante e un maligno personaxe quere armala para conquistar o mundo. Mortadelo e Filemón resolven o misterio e, á súa volta a Madrid, serán condecorados polo presidente José Luis Rodríguez Zapatero.

Así que todo demostra o dito: a traxedia máis tempo sempre é igual a farsa. Ou a comedia. Ou a que unha catástrofe como a de Chernóbil poida converterse en obxecto de humor, turismo ou coleccionismo.