Case todo o mundo fala de Chernóbil nas últimas semanas debido ao éxito da miniserie sobre a catástrofe nuclear de 1986. Pero non tantas persoas poden falar de que estiveron alí recentemente. O científico da Universidad de Oviedo Germán Orizaola, xunto ao seu compañeiro Pablo Burraco e o investigador ucraíno Sergey Gaschak, acaban de percorrer durante varios días a zona de exclusión para estudar o posible impacto da radiación nos anfibios que siguen vivindo alí.
A Orizaola pillouno o éxito da serie en plena campaña anual de investigación en Chernóbil. Desde 2016, visita todos os anos a zona para tomar mostraxes. Esta vez foron catro días completos dentro da zona de exclusión, e catro días en áreas da contorna, en longas xornadas nas que recolleron especies como a ra de Santo Anton oriental (Hyla arborea) ou o sapo de ventre de lume (Bombina orientalis), así como a microbiota que vive adherida a estas especies ou na súa contorna.
“Saíu todo xenial“, explica Orizaola aos poucos días de regresar a Oviedo. “Foi intenso, porque percorremos case 2.000 quilómetros en 10 días, pero conseguimos recoller todas as mostras que puidemos, aínda que iamos xustos de tempo”. Unha das novidades deste ano foi a recollida de mostraxes na comunidade de bacterias que habitan na auga, no solo e nos sedimentos da rexión para observar posibles cambios. E compararon outras mostraxes en lugares onde os investigadores soviéticos recolleron datos pouco despois do accidente, hai xa máis de 30 anos.
Antes de comezar a campaña, publicou en The Conversation un artigo que acadou millóns de lecturas e foi traducido a decenas de idiomas, contando como era a fauna da zona 33 anos despois. “Chernóbil é hoxe un paraíso para a fauna“, afirma Orizaola. “Hai lobos, alces, castores, cervos, osos, máis de 70 especies de aves, etc. Hai que ter en conta que, aínda que o impacto inicial humano foi grave, con exposicións á radiación que logo tiveron consecuencias a longo prazo, hoxe na inmensa maioría destas zonas (alén de lugares como o Bosque Vermello) a radiación non representa ningún problema, e a interacción entre o ser humano e a fauna, como no caso do lobo, desapareceu completamente, e iso foi unha boa noticia para moitas especies”.
Visita á fauna de Chernóbil 33 anos despois do accidente nuclear
Ras máis escuras
Entre algúns dos efectos da radiación na flora e na fauna da zona (ademais dunha menor lonxevidade nalgúns animais) é reseñable algo que pasa coa cor das ras de Santo Antón. “Vimos que estas ras, que normalmente son de cor verde intensa, dentro da zona de exclusión aparecían máis escuras, case negras. Quixemos comprobar no laboratorio se ao saír da zona de maior radiación, a súa cor cambiaba, pero non: os que eran claros seguían sendo claros, e os escuros, escuros. Aínda temos que saber por que”, explica.
No caso dos humanos, a exposición xa non é perigosa na gran maioría dos lugares. “Cando estamos alí durante unha semana, acumulamos uns de 100-200 microsieverts (msv), pero non provoca efectos. Hai que ter en conta que un escáner nun hospital supón arredor de 3.000, e non pasa nada. É moito maior cá noutro lugar do planeta, pero non chega a ser perigosa. Como protección levamos traxes pero non tanto para protexernos da radiación, senón para non levar partículas radiactivas na roupa”.

Chernóbil, atractivo turístico
Ao investigador chamoulle á atención, do mesmo xeito, a beleza da paisaxe. “A maior parte é unha paisaxe bastante bonita: cha, con moitos ríos e regalos, bosques de carballos e bidueiros e, sobre todo, moita tranquilidade”.
E outro dos aspectos reseñables é o atractivo turístico da zona, que recibe uns 70.000 visitantes todos os anos. “Está aberta, mediante axencias que operan na zona, e como está relativamente preto de Kiev, a unhas dúas horas de coche, é habitual que a xente faga a viaxe nun día, sobre todo nos días festivos”. Germán levouse anécdotas ben curiosas: “Unha das veces, coincidiu unha xornada de traballo co día no que se celebraba a vitoria na Segunda Guerra Mundial; había unha liña enorme de coches con familias que ían facer picnics nos cemiterios onde estaban os seus seres queridos, aos que non puideron visitar durante moito tempo”.
Un dos emblemas da zona, aínda que non forma parte da investigación sobre os anfibios, é a cidade de Pripiat, evacuada pouco despois da explosión do reactor. “Ademais de abandonada, é unha cidade saqueada. Cando pasou o risco, houbo xente que volveu polas súas cousas, e outra xente que foi roubar o que puido. Nin asentos no teatro quedan”.