Nestas 29 praias galegas é mellor que non te bañes este verán

O informe da Axencia Europea de Medio Ambiente e os datos da Consellería de Sanidade subliñan a calidade "insuficiente" de case 30 areais e zonas interiores

Como cada ano, coa chegada do verán, a Axencia Europea de Medio Ambiente fixo público o seu informe sobre a calidade das augas de baño en todo o territorio comunitario. Por países, España sitúase un ano máis lixeiramente por riba da media de Europa en canto á calidade excelente das aygas. Un 87% das zonas de baño en territorio español acada a máxima calidade, fronte ao 85,1% do conxunto dos países. E as praias galegas melloran a súa situación respecto a anos anteriores, cunha porcentaxe maioritaria de augas en estado “excelente” ou “bo”. Aínda que se incrementan as zonas de baño con novas entradas no censo, o número de lugares con calidade insuficiente para o baño, cos datos que tamén achega a Consellería de Sanidade, redúcense de 34 a 29. 

Segundo os criterios sanitarios para evitar posibles problemas de saúde, o baño desaconséllase cando os niveis das bacterias Escherichia coli superan o valor de 100 NMP por cada 100 mililitros e/ou os niveis de enterococos intestinais están por riba das 600 NMP/100 mL. A exposición a estas bacterias, na súa maior parte de orixe fecal, debido a problemas no saneamento ou con verteduras de residuos agrogandeiros, pode provocar problemas de saúde, en moitos casos dixestivos, pero tamén respiratorios, coas súas posibles complicacións.

Publicidade

Galicia mellora a súa situación, pero segue habendo case unha vintena de praias excluídas do censo oficial e oito con calidade insuficiente

A clasificación a nivel europeo recolle só oito praias e zonas de baño interiores (ríos ou encoros) nas que a calidade é insuficiente. Non en tanto, hai outros 21 puntos que tamén figuran nunha situación semellante segundo a Dirección Xeral de Saúde Pública do Sergas; ou ben son zonas excluídas do censo por acumular resultados de calidade insuficiente durante cinco anos consecutivos, ou ben se realizaron poucas mostraxes nas últimas tempadas para incluílas na lista europea, pero os datos desaconsellan o baño de forma provisional, por precaución.

As praias galegas melloran, por tanto, a súa situación respecto a anos anteriores co conxunto de España. Cómpre subliñar que no territorio estatal se engadiron nos últimos catro anos 111 novas zonas de baño. E entre elas, 17 (case todas na bacía do río Texo) están clasificadas con calidade insuficiente.

Publicidade

Alén disto, España é o terceiro país nos que unha maior cantidade de zonas de baño melloraron a súa situación de “insuficiente”, con 8, só por detrás de Francia (23) e Italia (11). E tres delas (Estorde, Chamoso e Agrelo) están en Galicia.

Praias galegas e zonas de baño desaconselladas

Calidade insuficiente:

– Praias: A Cabana (Ferrol) e Virxe do Camiño (Muros).

– Áreas fluviais: río Tambre, en Niñáns (Brión), río Furelos (Melide), río Rois, en Seira (Rois), río Parga (Guitiriz), río Neira (Baralla), e río Limia, en Caneiro (Baltar).

Zonas fóra do censo:

– Praias: Penoural (Burela), A Concha (Cariño), A Cabaña (Ferrol)*, Barallobre (Fene), Centroña e Ver (Pontedeume), Regueiro (Bergondo), Santa Cruz-Porto (Oleiros), Ría de Barrañán (Arteixo), Camelle e Area da Vila (Camariñas), A Concha e Lires (Cee), Testal-Taramancos (Noia) e Peralto (Boiro).

– Zonas de baño no interior: Muíño de Pedroso (Narón)*, praia fluvial de Baamonde (Begonte)*, río Saa (Pobra de Brollón), San Clodio (Ribas de Sil), A Bola (zona recreativa do Río Orille), Vilarello (Valga)* e río Arzoá (Vilardevós).

*Clasificación provisional.

Praias galegas e zonas de baño que xa non teñen calidade insuficiente

Por outra banda, na clasificación deste ano obteñen unha mellora respecto á cualificación de “insuficiente” tres zonas. Son Estorde (Cee), onde se realizaron obras de mellora que provocaron que a auga sexa de calidade “excelente”. E en Agrelo (Bueu) e a praia fluvial do río Chamoso, no Corgo, a clasificación nesta temporada é “boa”.


Máis información:

–  Report on European bathing water quality in 2018 (en inglés).

– Mapa de zonas de baño de Galicia.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos