A cápsula Snoopy do Apolo 10 puido ser atopada 50 anos despois

Un equipo da Royal Astronomical Society asegura ao 90% que localizou o módulo lunar perdido na misión previa á chegada do ser humano á Lúa

Apolo 10 foi a misión clave para o éxito da Apolo 11, a que levou a Neil Armstrong a pisar a Lúa en 1969. Dous meses antes da primeira aluaxe humana, outra cápsula da NASA achegouse ao noso satélite ensaiando todas as operacións, pero sen completar a misión. Foi o ensaio xeral do ‘gran paso para a Humanidade‘.

O Apolo 10 levaba un módulo de mando, alcumado ‘Charlie Brown‘ e un módulo lunar denominado ‘Snoopy‘, porque ía cheirar a superficie da Lúa dende unha órbita próxima. Completado o ensaio, Charlie volveu a casa cos astronautas a bordo, pero Snoopy quedou abandonado no cosmos. O módulo lunar foi lanzado a unha órbita arredor do Sol. É a única nave espacial da NASA que nunca volveu ser localizada.

Publicidade

Como unha agulla nun palleiro cósmico, as probabilidades de detectar a cápsula eran aproximadamente de 235 millóns a unha. Pero cincuenta anos despois, no aniversario da misión Apollo 11, os astrónomos están “convencidos ao 98 por cento” de que conseguiron atopar a Snoopy.

Un equipo dirixido polo astrónomo afeccionado Nick Howes, que é membro da Royal Astronomical Society, leva dende 2011 á procura do módulo lunar perdido. Ao longo das décadas, os movementos de Snoopy víronse influenciados pola gravidade do Sol, da Terra e da Lúa. Así que os astrónomos, voluntarios e estudantes tiveron que peneirar incontables terabytes de datos de telescopios nun vasto campo de procura.

Publicidade

O módulo lunar da Apolo 10 sepárase do módulo de mando.

Mesmo agora, despois de todo este traballo, Howes e os seus colegas non poden dicir con certeza se o obxecto que identificaron é realmente a cápsula perdida da NASA. Aínda que esta vez, as probabilidades parecen estar ao seu favor. “Ata que alguén se achegue moito e obteña un perfil de radar detallado, non podemos estar seguros”, dixo Howes aos asistentes ao Festival de Ciencia de Cheltenham no Reino Unido: “Sería un logro realmente fantástico para a ciencia”.

A próxima data para o achegamento máis próximo de Snoopy á Terra será dentro de 18 anos, di Howe, quen fantasea coa posibilidade de recuperar a cápsula: “Como me dixo Eugene Cernan, membro da tripulación do Apolo 10: ‘Fillo, se atopas iso e consegues atrapalo, imaxina as colas no museo Smithsonian!”.

Howe xa comentou en Twitter as dificultades para atrapar e traer de volta a Snoopy a casa. Pero o feito de telo atopado xa é un fito astronómico. Agora mesmo, están ao 98 por cento seguros… e tardaremos 18 anos en comprobar se acertaron co módulo lunar do Apolo 10.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A NASA revela as primeiras imaxes dende a cara oculta da Lúa

A tripulación da misión Artemis II captura fenómenos únicos como a 'posta da Terra', unha eclipse solar e detalles inéditos da superficie lunar

A tripulación de Artemis II pon rumbo á casa tras establecer o récord histórico de distancia coa Terra

A nave Orión atravesa a cara oculta da Lúa e establece unha nova referencia de afastamento de 406.733 quiómetros, superando en 6.000 a Apolo 13

Unha travesía á cara oculta da Lúa: estas son as mellores imaxes da misión Artemis II

A tripulación afronta dez xornadas de voo profundo con fitos históricos, illamento de comunicacións e observacións inéditas do hemiferio non visible do satélite

Fernando Aguado: “A variación do sinal con respecto a Vigo axudará a situar Orion na Artemis II”

O catedrático da Universidade de Vigo cualifica de “soño” a participación do seu equipo no percorrido cara á Lúa na nova misión da NASA