A exposición ao radon é a primeira causa de risco de cancro de pulmón en persoas nunca fumadoras.
A exposición ao radon é a primeira causa de risco de cancro de pulmón en persoas nunca fumadoras.

Confirman o risco de cancro de pulmón polo radon en persoas nunca fumadoras

Científicos galegos protagonizan un dos maiores estudos realizados para analizar a exposición ao gas radiactivo como causa deste cancro

As investigacións previas xa o apuntaban: a exposición a elevados niveis de gas radon (un gas radiactivo moi presente en Galicia debido ao seu solo granítico) provoca un notable risco de cancro de pulmón. É unha relación notable, xa que se estima que está detrás de entre un 15 e un 25% do total deste tipo de cancro, sendo o segundo factor máis importante no mundo despois do tabaquismo; e o primeiro en persoas que nunca foron fumadoras. Neste sector da poboación, sobre o que había pouca información, centrouse un estudo no que participaron científicos galegos, cunha mostraxe de 1.415 persoas, e que acaba de ser publicado na revista Environmental Research. “É un dos estudos con maior mostraxe realizados ata agora no mundo con persoas nunca fumadoras”, explica Alberto Ruano, do equipo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, e autor principal do traballo.

É un traballo de envergadura, que pon fin a un proxecto de investigación que comezou en 2010, e que intentaba solucionar unha das eivas sobre a investigación da exposición ao gas. “Queriamos saber como o radon inflúe na aparición de cancro de pulmón en non fumadores cunha mostraxe máis limpa, onde o tabaco non tivese tanta presencia e puideramos analizar de forma máis clara o efecto en xente que nunca fumou”, conta Alberto Ruano.

Alberto Ruano é profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. Foto: USC.
Alberto Ruano é profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. Foto: USC.

Así, durante a investigación, que forma parte da tese de doutoramento de María Lorenzo, púxose o foco en 523 casos de cancro de pulmón en persoas que nunca fumaran, a maioría mulleres debido aos seus menores índices de tabaquismo, en hospitais de Galicia, Asturias, León e Madrid. Nestes casos mediuse a súa exposición a radon residencial a través do Laboratorio de Radon de Galicia.

Límite de risco

E as conclusións son tamén claras: o radon residencial é un claro factor de risco para diversos subtipos de cancro de pulmón nas persoas non fumadoras, e tamén no adenocarcinoma, o tumor máis frecuente neste tipo de cancro. “Os resultados confirmaron o que xa sospeitabamos: hai un efecto en non fumadores que se pon de manifesto sobre todo a partir de concentración de 200 Bq/m3” en comparación cos expostos a menos de 100 Bq/m3“, afonda Alberto Ruano. E do mesmo xeito, “atopamos unha relación clara de dose-resposta; é dicir, que canto máis aumenta a concentración de radon, máis aumenta a probabilidade de padecer cancro de pulmón”.

Con todo, Ruano aclara que “do mesmo xeito que non todos os fumadores desenvolven cancro de pulmón, non todas as persoas con radon elevado na súa casa o terán”. O doutor da USC advirte ademais que a magnitude do risco da enfermidade debido a este gas é moito menor que a que asociada ao tabaco. Iso si, a primeira recomendación para alguén con nivel alto de radon no seu domicilio é que non fume, xa que o risco se multiplica.

Estes datos manifestan, por tanto, a necesidade dun consenso en canto aos límites aceptables de radon residencial que vén reclamando a comunidade científica: despois de décadas con límites heteroxéneos en Europa, a OMS reduciuno en 2009 a un nivel diana de 100 Bq/m3 nun informe no que participou Ruano, xunto ao tamén profesor da USC Juan Miguel Barros Dios. Este informe indica que en ningún caso deberíanse superar os 300 Bq/m3.

En febreiro de 2018 expirou a data límite para a entrada en vigor da nova directiva europea que estabelece o límite en 300 Bq/m3. Para Ruano este é un umbral “bastante alto para marcar o punto a partir do cal hai que actuar para reducir a concentración deste gas, sobre todo tendo en conta que dende 1988 a Axencia de Protección Ambiental norteamericana considera 148 Bq/m3 como nivel de referencia, a metade que en Europa. Non en tanto, dada a falta de lexislación actual tanto no ámbito residencial como no laboral, esta nova lexislación “é benvida”, expón Ruano.

Por tanto, segundo advirte o investigador galego, é aconsellable un criterio único neste limiar para evitar que, dentro da legalidade, se poidan dar situacións de risco para as persoas.

O radon en Galicia

Unha importante parte dos solos sobre os que se asenta o territorio galego está composta por granito. A través dun proceso natural, o uranio presente nesta rocha descomponse e dá lugar ao radon, un gas radioactivo que é incoloro, inodoro e insípido. Desde o subsolo, este gas ascende á superficie e acábase diluíndo na atmosfera, sen maior incidencia. Porén, cando este gas se filtra dende o chan dos edificios e se acumula en espazos cerrados, pode haber un risco grave para a saúde.

A través do sistema respiratorio, o radon accede aos pulmóns. Alí descomponse e produce partículas alfa radioactivas que se impactan nas células do tecido pulmonar e poden causar mutacións. No peor dos casos, desenvólvense finalmente cancro de pulmón.

O  Laboratorio de Radon de Galicia, cuxo traballo é recoñecido a nivel internacional, realiza desde hai anos un gran volume de medicións en Galicia. Froito do seu traballo viu a luz o mapa do radon de Galicia, presentado en 2016, que sitúa a máis de 200 concellos galegos en zonas de risco (niveis de máis de 200 bq/m3 en máis do 10% das medicións realizadas).

Referencias (só abstract):Lung cancer and residential radon in never-smokers: a pooling study in the Northwest of Spain (Publicado en Environmental Research).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.