Venres 19 Abril 2024

Dez preguntas e respostas para informarse mellor sobre o coronavirus

A Axencia SINC consulta a varios expertos sobre as dúbidas máis frecuentes, para evitar a desinformación e alarma arredor da doenza

*Un artigo de Mónica G. Salomone

A epidemia provocada polo novo coronavirus 2019-nCov, iniciada en decembro en Wuhan (China), leva semanas deixando un rego de información oficial mesturada con especulacións. O director da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanon, non dubidou en afirmar que a situación “é preocupante” e “o risco é alto”, sobre todo, polo potencial de diseminación global deste virus.

Publicidade

Maria Van Kerkhove, responsable de Enfermidades Emerxentes da OMS, alertou sobre a “gran cantidade” de bulos e desinformación acerca da epidemia e recalcou a necesidade de que os medios informen responsablemente acudindo a fontes contrastadas. Nesta reportaxe expomos as principais dúbidas que esperta este coronavirus, respondidas por expertos.

Está xustificado preocuparse?

“Por suposto”, declarou en rolda de prensa Michael Ryan, director executivo da OMS, “hai un novo virus que infecta a humanos contra o que non temos tratamento nin vacina”. Pero dixo tamén que, grazas á actitude colaboradora de China, “temos a oportunidade de conter esta epidemia”.

Está a transmitirse máis rápido ca outros virus, como o SARS?

“O novo coronavirus é da mesma familia que o SARS-CoV, que provocou a epidemia de 2002”, di a SINC Isabel Sola, do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC), en Madrid.

A OMS declara a ‘emerxencia sanitaria internacional’ polo coronavirus

Os xenomas dos dous coronavirus son moi similares. Pero nesta ocasión o número de infectados confirmados está a medrar moito máis rápido. En só un mes China declarou máis de 10.000 casos confirmados (215 mortes) e máis de 9.230 sospeitosos, mentres que entre 2002 e 2003, durante toda a epidemia, o SARS afectou en China a unhas 5.330 persoas (349 mortes). “O rápido aumento do número de casos é preocupante”, admitiu Ryan.

Aínda así, parte da diferenza en cifras pode deberse a que nesta epidemia é moito máis fácil e rápido o diagnóstico dos infectados. Expertos chineses e doutros países tardaron moi pouco en envorcar en bases de datos de acceso público información xenética do virus, o que permitiu elaborar en poucas semanas kits diagnósticos.

A OMS apoia a países con menos recursos para acceder a estas técnicas. “Grazas a todo isto estamos a ver en tempo real o comportamento da epidemia”, dixo Van Kerkhove.

Cal é a taxa de mortalidade desta epidemia?

As cifras actuais sitúana arredor do 2% de infectados, pero os expertos da OMS lembran que “é demasiado pronto” para saber a mortalidade real, dixo Van Kerkhove, porque se descoñece como evolucionará a cifra de infectados. “Está a aumentar a vixilancia en China e tamén a escala global, os números poden cambiar”.

Como se transmite?

O virus entra polas vías respiratorias –os infectados emíteno ao esbirraren, por exemplo–. Tamén se transmite por contaxio directo, e sábese que o virus pode quedar en superficies como pasamáns e picaportes durante “curtos períodos de tempo”, segundo Van Kerkhove.

Cales son os síntomas?

Os máis comúns inclúen tose, dor de garganta, febre e sensación de falta de aire. En casos máis graves a infección pode causar pneumonía, dificultade importante para respirar, fallo renal e morte. Os casos máis graves xeralmente ocorren en persoas anciás, que padecen outra enfermidade ou están inmunodeprimidos.

Pode contaxialo un infectado antes de mostrar síntomas?

En Alemaña hai casos a partir dunha persoa procedente de China que só enfermou ao volver ao seu país, o que indicaría que o contaxio se produciu antes de ter síntomas.

Establecer se pode haber contaxio cando a enfermidade se está incubando –o período máximo de incubación estímase en dúas semanas– é importante para as medidas de prevención. Con todo, “é moi difícil identificar os casos de transmisión asintomática nos datos dos informes rutineiros, iso require estudos moi específicos sobre o terreo”, dixo Ryan.

Morcegos, serpes, civetas… Pero de onde saíu o coronavirus?

Cal é a fonte do novo coronavirus?

Non se sabe aínda. Todo apunta a que se trata dun animal salvaxe dunha das moitas especies que se ofrecían para comer no mercado de Wuhan, a miúdo sacrificadas alí mesmo –unha práctica que disemina fluídos con alta carga viral–. No SARS a fonte foi a civeta, e no MERS –o coronavirus que causou a síndrome respiratoria de Oriente Medio (MERS-CoV) en 2012–, un dromedario.

Cando se producirá o pico da epidemia?

Non é posible sabelo aínda. Primeiro, porque falta información: sen saber como se orixinou e amplificó a epidemia en Wuhan “non podemos poñer en contexto a actual dinámica de transmisión”, explicou Ryan.

Non se poden facer predicións e, ademais, a evolución da epidemia dependerá das medidas que se tomen: “O número RO [o número de persoas ao que un infectado pode contaxiar], do que todo o mundo fala, vese afectado positiva ou negativamente polo que facemos, e por tanto debemos decidir colectivamente que facemos agora”, dixo Ryan.

Cal é o risco de contaxio en España?

Representación do coronavirus de Wuhan. Fonte:Center for Disease Control and Prevention.
Representación do coronavirus de Wuhan. Fonte:Center for Disease Control and Prevention.

Información do Ministerio de Sanidade a 29/01: “Non se pode descartar que apareza algún caso importado en España procedente da zona de risco. Se isto acontecese, a probabilidade de que se produzan casos secundarios no noso país estímase baixa neste momento, xa que coa información dispoñible, a transmisión persoa a persoa non é elevada e a instauración temperá de medidas de prevención e control reduciría en gran medida o risco”.

Por todo iso, o impacto para a saúde pública, en caso de detectar un caso importado en España, considérase limitado. Esta avaliación de risco revísase constantemente de acordo coa información dispoñible.

Cando podería haber unha vacina?

Como mínimo entre medio e un ano, con moito optimismo e a pesar de que hai xa numerosos laboratorios en todo o mundo traballando niso. Un é o que dirixe Luis Enjuanes, no CNB, e do que forma parte Isabel Sola.

Cando se produciu a epidemia do SARS (2002-2004) este grupo logrou xerar versións atenuadas deste coronavirus, útiles para unha potencial vacina que finalmente non chegou a ensaiarse en humanos porque a epidemia remitiu con medidas de saúde pública.

Dada a similitude entre o SARS- CoV e o novo coronavirus, os investigadores contan con identificar relativamente pronto os xenes que volven perigoso ao 2019-nCov; son estes xenes os que hai que modificar para obter unha versión atenuada que non provoque a enfermidade, pero que si xere unha resposta defensiva.

Logo hai que probar os virus atenuados en modelos animais. “É un traballo que leva meses”, di Soa a SINC. Despois virían os ensaios en humanos.

Outro grupo que estuda coronavirus en España é o de Júlia Vergara-Alert, investigadora e veterinaria do IRTA- CReSA, en Barcelona. Obtiveron resultados potencialmente útiles para unha vacina baseada en fragmentos dunha proteína da cuberta do virus.


Páxinas para seguir la evolución de la epidemia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o cerebro dos vertebrados é tan complexo? A clave está en virus antigos

Uunha secuencia xenética derivada de primitivos retrovirus resulta esencial para producir mielina, a capa que protexe as fibras nerviosas

Pódcast | Os virus e zoonoses do cambio climático

Neste episodio abordamos o papel da crise climática na propagación de patóxenos que fará que teñamos que afrontar novas enfermidades

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios