O estudo constata danos severos no fígado derivados do consumo de esteroides.
O estudo constata danos severos no fígado derivados do consumo de esteroides.

Así danan o fígado os esteroides para gañar masa muscular

Científicos de Valencia describen por primeira vez o mecanismo polo cal os anabolizantes causan colestase, unha doenza que altera os niveis de bile

Os esteroides anabólicos, usados de forma habitual polas persoas que buscan aumentar a súa masa muscular, poden provocar unha patoloxía do fígado denominada colestase, pero ata o de agora non se coñecía o mecanismo subxacente. Nesta liña, unha investigación do CIBER de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas (CIBEREHD) do grupo de José Vicente Castell no Instituto de Investigación Sanitaria La Fe de Valencia, demostrou por que o epistane, xa retirado pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), causa danos hepáticos e abre unha nova vía para o estudo das lesións neste órgano causadas por outros tipos de medicamentos.

Os autores, neste estudo publicado en Archives of Toxicology, demostran que o epistane aumenta a síntese de ácidos biliares conxugados, mediante a indución dos niveis dunha encima clave para dita síntese, o CYP8 B1, o que contribúe ao aumento de ácidos biliares no fígado.

Ao complicarse a súa correcta eliminación pola bile provócase a colestase, unha enfermidade caracterizada pola diminución ou a ausencia do fluxo normal da bile desde o fígado ata o duodeno. Así mesmo, os autores tamén demostraron que o epistane pode interferir nas vías reguladoras mediadas por algúns receptores nucleares do fígado.

O consumo dos anabolizantes fomenta a diminución do fluxo normal da bile do fígado ao duodeno

Segundo explica Petar Petrov, primeiro asinante do estudo, “caracterizar fenómenos idiosincráticos, é dicir, que non ocorren en todos os individuos, non é tarefa fácil, xa que o número de casos que aparecen é baixo. Neste traballo, analizamos o perfil dos ácidos biliares de homes novos ingresados no Hospital La Fe con colestase tras consumir epistane, detectando un aumento de máis de 60 veces na concentración de ácidos biliares en sangue, sobre todo primarios (ácido cólico) e diminución dos secundarios”.

Con este punto de partida, os investigadores empregaron hepatocitos humanos tratados con epistane como modelo para caracterizar en detalle os efectos moleculares que estes esteroides provocan nas células do fígado, e demostrouse igual que en pacientes, que o epistane aumenta os niveis de ácidos biliares in vitro, particularmente o ácido cólico, e as tres principais encimas que participan na súa síntese.

Ademais, os esteroides afectaron ao transporte de ácidos biliares, que xunto ao aumento da súa síntese, conduciu á súa acumulación dentro dos hepatocitos. Os ácidos biliares, en concentracións elevadas, teñen efectos tóxicos e causan dano no fígado.

Neste artigo demóstrase por primeira vez a importancia do receptor nuclear de andróxenos do fígado no metabolismo dos ácidos biliares, e así mesmo a ampla variabilidade poboacional dos niveis da encima CYP8 B1 explicaría por que existen persoas con máis risco e por que non todas as que usan epistane desenvolven colestase.

Estímase que un 6% das persoas asiduas ao xinmasio usan esteroides ilegais

Á parte da súa relevancia directa para os usuarios de ximnasios que utilizan de forma ilícita os esteroides para aumentar músculo –estímase que un 6% dos asiduos ao ximnasio, unhas 20.000 persoas en España tómanos-; a investigación do CIBEREHD conta cunha transcendencia maior xa que permite coñecer mellor os mecanismos da colestase inducida por medicamentos, que se observa frecuentemente (35-50% dos casos) nos pacientes que padecen unha lesión hepática tóxica por fármacos.

Segundo explica o investigador do CIBEREHD Ramiro Jover, coordinador do estudo, “abrimos desta maneira unha nova vía para o estudo da colestase inducida por fármacos, que pode prexudicar o funcionamento do fígado ata o punto de que haxa un fallo hepático fulminante e sexa necesario un transplante. Como polo momento non existe unha terapia específica, esta investigación pode axudar ao desenvolvemento de novos tratamentos”.


Referencia: Epistane, an anabolic steroid used for recreational purposes, causes cholestasis with elevated levels of cholic acid conjugates, by upregulating bile acid synthesis (CYP8B1) and cross-talking with nuclear receptors in human hepatocytes (Publicado en Archives of Toxicology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.