Precisarase unha segunda dose da vacina de Janssen?

Os datos preliminares do novo ensaio da filial Johnson & Johnson informan dun aumento da protección fronte ao coronavirus

O debate sobre a administración dunha dose de reforzo volve estar sobre a mesa. Agora tócalle á vacina de Janssen, da filial Johnson & Johnson, que ata o de agora era unha inxección monodose. Mais o panorama comeza a cambiar. Os resultados preliminares do novo ensaio clínico da compañía “mostraron que a protección contra Covid-19 aumenta cando se administra unha dose de reforzo“. Así o sinalou Johnson & Johnson nunha nota de prensa publicada recentemente.

Máis polo miúdo, a administración dunha dose de reforzo aos dous meses de recibir a primeira “proporcionou un 94% de protección fronte ao coronavirus”. En relación aos niveis de anticorpos, estes “aumentaron de catro a seis veces máis que os observados despois da inxección única”. Amais disto, a compañía tamén afirma que cando esa dose de reforzo se administra seis meses despois, os niveis de anticorpos aumentaron nove veces durante a primeira semana e chegaron a doce veces máis ás catro semanas de recibir dita inxección de reforzo. Nos ensaios clínicos, que se desenvolveron nos Estados Unidos, todos estes incrementos nos anticorpos foron rexistrados “independentemente da idade”.

Publicidade

Datos preliminares

Segundo os expertos consultados pola Axencia SINC, hai que manter a cautela. O investigador do King’s College de Londres e o Covid-19 Vaccine Media Hub, José Jiménez, insiste en que se tratan de datos preliminares compartidos por nota de prensa e que aínda non foron revisados por pares. “Parece estar claro que, aínda que unha dose protexe, dúas doses o fan mellor. Polo tanto, o debate agora está en se esa mellora na protección xustifica a administración dunha segunda dose ou non”, apunta.

Outro dos aspectos que se salientaban na nota de prensa de Johnson & Johnson foi o da “protección sólida e duradeira” da vacina, aínda cando só se administra unha dose. Segundo os datos achegados pola compañía, “demostrouse unha efectividade estable do 79% para infeccións relacionadas con Covid-19 e do 81% para hospitalizacións relacionadas” coa enfemidade. Así mesmo, inclúen que “non houbo evidencia” dunha efectividade reducida —durante o estudo— incluso cando a variante delta “se volveu dominante en Estados Unidos”.

Publicidade

Máis de 120.000 doses en Galicia

A vacina monodose de Janssen tamén foi administrada en Galicia, aínda que en menor cantidade que o resto de inxeccións, como Pfizer —a máis numerosa—, Moderna e AstraZeneca. Segundo os datos do último informe de vacinación, o Ministerio de Sanidade entregou a Galicia 122.700 doses da vacina de Janssen. En canto ao panorama xeral de vacinación na comunidade autónoma, xa hai máis de dous millóns de persoas coa pauta completa e 23.335 con doses adicionais —administradas a persoas de alto risco ou que viven en residencias—.

Terás que vacinarte cunha terceira dose? Estas son algunhas das claves

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona