A UVigo recibe o Premio Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información

Os galardóns, que outorgan o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, tamén premiaron a Gradiant como Socio de Honra

A UVigo recibe o Premio Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Foto: Duvi.
A UVigo recibe o Premio Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Foto: Duvi.

A súa firme aposta pola transformación dixital e polas novas tecnoloxías fai á Universidade de Vigo merecedora dun dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021. Estes galardóns, que outorgan o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, regresan tras un ano de parón pola pandemia para distinguir o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e empresas.

Xunto coa UVigo, o centro tecnolóxico Gradiant, situado no campus vigués e do que a institución académica é parceira, recibirá outro dos galardóns, que se entregarán o vindeiro día 22 nun acto que terá lugar en Santiago de Compostela coincidindo coa celebración da Noite Galega das Telecomunicacións. Este encontro no que participarán 200 persoas, principalmente representantes de destacadas entidades, organizacións, profesionais e empresas do ámbito TIC, celebra este ano o seu 25 aniversario.

A UVigo, Premio Axians

A Universidade de Vigo recibe nesta convocatoria o Premio Axians 2021 á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación. O xurado valorou para esta distinción a aposta da UVigo polas infraestruturas TIC dentro do seu Plan Estratéxico 2021-2026 para promover a transformación dixital da Universidade, e tivo en conta tamén o esforzo realizado para potenciar a ensinanza virtual, o desenvolvemento da sociedade do coñecemento e a expansión e o emprego das TIC no ámbito da docencia. Mostra disto foi a aposta da institución pola formación en liña durante a pandemia, despregando diferentes recursos que garantiron a continuidade da docencia a través de plataformas telemáticas como Campus Remoto, no que se integrou a plataforma de docencia virtual Faitic e dentro do que se crearon 1600 aulas virtuais, xerando así un “xemelgo dixital” da propia Universidade, con todos os servizos, facultades e escolas e 2700 “despachos virtuais”, que posibilitan ao profesorado a realización de titorías, á vez que os dotan de diferentes opcións para a realización de exames non presenciais. Outra das propostas foi a posta en marcha de Campus Integra, unha contorna que permitiu conxugar o Campus Remoto ou xemelgo dixital da UVigo coa presencialidade nas aulas.

Se ben o Premio Axians 2021 recoñece o traballo da institución no seu conxunto, estes galardóns do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia xa distinguiron en anteriores edicións proxectos, iniciativas ou traxectorias de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo.

Así, en 2019, a aplicación Aperta, deseñada por estudantes da EE de Telecomunicación, recibiu o premio ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais. O seu obxectivo era axudar a combater o acoso nos centros educativos. Un ano antes, en 2018, o proxecto Litter Drone, dirixido polo profesor Fernando Martín, foi galardoado co Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2018, polo seu grao de innovación tecnolóxica na monitoraxe do lixo mariño empregando drones e análise de imaxe.

Anteriormente, en 2012, recibiu o mesmo premio a aplicación móbil Pictodroid Lite, un proxecto de colaboración entre el Centro de Educación Especial Manuel López Navalón e o Grupo de Tecnoloxías da Información centrado na accesibilidade de persoas con discapacidades. Outro dos galardóns que ten recaído na UVigo é do Enxeñeiro do Ano, que en 2015 foi para o profesor da EET José María Pousada; en 2013 para o tamén profesor da UVigo Fernando Vázquez; en 2011 para Fernando Pérez, docente do mesmo centro e, en 2010, para Edita de Lorenzo, naquel momento directora dunha escola que celebraba o seu 25 aniversario. Tamén empresas xurdidas da UVigo, como Sound Of Numbers, teñen sido recoñecidas por estes galardóns.

Premio Socio de Honra a Gradiant

Os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021 tamén contemplan o galardón ao mellor expediente académico do Mestrado de Enxeñería de Telecomunicación, que en Galicia imparte a Universidade de Vigo. Desta volta, o colectivo de enxeñeiros de telecomunicación outorga dous galardóns, o correspondente ao curso 2019-2020 que é para Moisés Rubén Pacheco e o do 2020-2021 para Marcos Martínez.

Nesta edición dos premios, tamén o centro tecnolóxico Gradiant foi distinguido como Socio de Honra, un galardón co que se recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que destaquen pola súa promoción das telecomunicacións na comunidade autónoma galega. O xurado apostou por este centro vigués, no que partillan as tres universidades galegas e as compañías máis importantes deste sector en Galicia, por terse consolidado como un “centro tecnolóxico de referencia en Galicia, pioneiro no desenvolvemento de proxectos de vangarda e con importante representación do colectivo de enxeñeiros de telecomunicación”.

A listaxe de galardóns inclúe tamén o Premio Enxeñeiro do Ano, que nestes 2021 recoñece a traxectoria de María Encarnación Baltar, a primeira muller española graduada como enxeñeira na Universidade de Caracas. Responsable de Eventyam Ingenieros SL. Baltar é “unha referencia nacional no difícil sector de medidas de campos electromagnéticos con traballos pioneiros en toda España”, o que para o xurado foi determinante á hora de lle conceder o galardón. Complétanse as distincións co premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado por Amtega, que recae este ano en Escoita 5G, unha proposta concibida para mellorar problemas de persoas con dificultades sensoriais. 


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.