Poñer unha terceira dose ou non poñela. Parece que aí está a cuestión. Máis aínda trala pronuncia da Axencia Europea do Medicamento (EMA), que este luns emitiu un comunicado no que abría a posibilidade de administrar unha dose de reforzo a persoas maiores de 18 anos que xa recibiran a vacina de Pfizer. O organismo, que convocou hoxe unha rolda de prensa, asegurou que non hai unha “recomendación estrita, nestes momentos, sobre cando e para quen se debería implementar [a terceira dose]”. A decisión, en todo caso, debería ser tomada en atención aos datos epidemiolóxicos. Polo tanto, a EMA non fai afirmacións categóricas. Tan só recoñece que unha terceira dose sería “segura e eficaz”, mais que teñen que ser os países os que tomen decisións ao respecto.
Diferenza entre dose de reforzo e dose adicional
Outro dos aspectos nos que a EMA fixo fincapé foi na diferenza entre dose adicional (additional dose) e dose de reforzo (booster dose). Mentres que a primeira se administraría a persoas cun sistema inmunitario moi debilitado, a segunda sería unha vacina extra para a poboación xeral. É dicir, que serviría para complementar as doses anteriores e continuar mantendo o nivel de protección fronte á Covid-19. No caso de España, esa dose adicional xa se está administrando a persoas inmunodeprimidas e a maiores que viven en residencias, mais aínda non se tomou unha decisión arredor desa dose de reforzo, que iría destinada ao resto da poboación.
EMA recommended additional doses and boosters for #Comirnaty and #Spikevax. https://t.co/qefPg2kMMO
In this context, see below what the difference between an additional dose and a #boosterdose is. pic.twitter.com/HeyOACbWXm
— EU Medicines Agency (@EMA_News) October 5, 2021
A limitación dos estudos
A comunidade científica acolleu o comunicado da EMA con prudencia, tratando de darlle un contexto. Moitos dos expertos inciden na necesidade de seguir facendo estudos; de que se precisa maior evidencia científica para tomar decisións. Así é como se pronuncian algunhas voces, como o presidente da Sociedade Española de Inmunoloxía, Marcos López Hoyos. Nunha reportaxe da Agencia SINC declaraba que “só hai un traballo que indica un aumento de anticorpos cando se dan seis meses despois da segunda dose e farían falla máis estudos que o avalen”.
A necesidade dunha vacinación global
Unha idea sobre a que tamén insiste o xefe do Servizo de Inmonoloxía do Hospital Clínic, Manel Juan, que afirma o seguinte: “A EMA non di que haxa que poñer unha terceira dose, senón que se pode facer”. E fai fincapé en que “medio mundo” segue sen estar vacinado. Unha visión que tamén defenden outras voces galegas, como a inmunóloga África González ou os médicos Juan Gestal e Federico Martinón. Tres expertos que, en máis dunha ocasión, insistiron na necesidade de que a vacina chegue a todo o mundo. Entre outros aspectos, unha maior cobertura vacinal arredor do globo reduciría as posibilidades de que aparecesen novas variantes que puidesen ser máis letais.
Análise da evidencia, non recomendación
Outra das puntualizacións que recolle a Axencia SINC veñen da man do presidente da Asociación Española de Vacunoloxía, Amós García Rojas. “A EMA é un órgano regulador do medicamento. Non recomenda: regula. O que regulou é que a vacina de Pfizer se pode administrar con seguridade e efectividade nos grupos de 18 anos en adiante”, declarou. Unhas afirmacións que parecen repetirse entre as voces expertas, que lanzan unha mensaxe clara: calma.
Polo de pronto non se tomou decisión algunha sobre a administración dunha terceira dose para a poboación xeral. Tan só sabemos, polo que defende a EMA, que sería segura. Mais necesaria? Aínda non está claro. Precisaranse máis estudos, máis investigacións e máis análises. O debate está sobre a mesa pero, polo de pronto, o único ao que un se debe aferrar é á paciencia.
En España, por agora, para maiores de 70 anos
Horas despois de que a EMA expuxese este martes a súa valoración sobre a terceira dose, o Ministerio de Sanidad español informou de novidades a este respecto: a Comisión de Saúde Pública, que integran Goberno e comunidades autónomas, aprobou a ampliación da do grupo de persoas que recibirán unha “dose de recordo” a todos os maiores de 70 anos. Será coas vacinas de ARNm (Pfizer/BioNTech ou Moderna), sempre que pasasen seis meses desde a segunda dose. Este proceso iniciarase a finais de outubro.
🔴 La Comisión de Salud Pública aprueba ampliar el grupo de personas a las que administrar una dosis de recuerdo de #VacunaCOVID19 ARN-m.
▶️ A mayores de 70 años
▶️ A finales del mes de octubre
▶️ Una vez pasados seis meses de la segunda dosis#YoMeVacunoSeguro pic.twitter.com/WPerULnuTs— Ministerio de Sanidad (@sanidadgob) October 5, 2021
Segundo aclara Sanidad, a decisión susténtase en que a “evidencia científica mostrou que a idade é o principal factor de risco”, polo que o obxectivo desta decisión é “aumentar a protección das personas máis vulnerables”. Neste sentido, El País engade que a administración da terceira dose fronte á Covid-19 farase coincidir coa campaña de vacinación da gripe e que a dose de reforzo se aplicará tamén a partir dos 65 anos, aínda que este grupo de idade se abordará máis adiante.