Xoves 5 Decembro 2024

Unha nova pista para mellorar a quimioterapia nas afectadas por cancro de mama

Investigadores do IDIS descobren un marcador que predí a resposta ao tratamento da variante triplo negativo deste cancro

Un equipo de científicos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) acaba de publicar na revista Clinical Epigenetics un importante achado para o tratamento do cancro de mama triplo negativo: o descubrimento dun biomarcador que axudará a facer máis precisa a quimioterapia contra este subtipo de cancro, caracterizado pola súa elevada agresividade e mal prognóstico, que presenta unha alta incidencia nas mulleres novas e supón un 15% do total de casos de cancro de mama diagnosticados.

Este biomarcador, formado por dous xenes (FERD3L e TRIP10), pode predicir a resposta das pacientes ao ao tratamento de quimioterapia. Do mesmo xeito, permitirá identificar con maior precisión ás persoas que poden sufrir unha recaída despois do tratamento, podendo así dirixilas a terapias potencialmente máis axeitadas ou en fase de desenvolvemento en ensaios clínicos.

Publicidade

O artigo está asinado como co-primeiro autor por Angel Díaz-Lagares, co-director da Unidade de Epixenómica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e membro do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) e de CIBERONC.

O subtipo do cancro de mama triplo negativo

O cancro de mama triplo negativo recibe este nome porque carece de tres moléculas ou receptores, entre eles HER2, que adoitan estar presentes noutros subtipos de tumores de mama. Por tanto, non se pode tratar con terapias dirixidas contra estes receptores e hai que tratalos con quimioterapia. Cando é posible este tipo de tratamento, adóitase administrar de forma neoadxuvante, é dicir, con anterioridade a realizar a cirurxía do tumor.

Publicidade

Ten unha elevada agresividade e mal prognóstico, ademais o tratamento con quimioterapia presenta unha elevada porcentaxe de pacientes que recaen. Por este motivo, é moi importante identificar de maneira temperá e antes de recibir o tratamento aos pacientes que responderán a esta terapia.

Galicia, pioneira nunha nova técnica para estudar a metástase do cancro de mama

No estudo participaron 54 pacientes diagnosticadas con cancro de mama tripla negativo, das cales se obtiveron mostras tumorais mediante unha biopsia do tumor, procedemento que se utiliza de forma rutineira para o diagnóstico da enfermidade. A partir destas mostras tumorais obtívose o ADN, onde se analizaron en múltiples xenes os niveis de metilación do ADN, que é unha das principais marcas epixenéticas.

“Estas marcas epixenéticas controlan o funcionamento dos nosos xenes actuando como ‘interruptores’ capaces de ‘acender’ ou ‘apagar’ os nosos xenes”, destaca Díaz-Lagares, que explica que “estas marcas epixenéticas poden condicionar o desenvolvemento do cancro e ser útiles como biomarcadores da correcta resposta á terapia”.

“Neste traballo descubrimos que as pacientes con cancro de mama triplo negativo que antes de recibir o tratamento presentan no tumor dous xenes (FERD3L e TRIP10) con elevados niveis de metilación, teñen unha mellor resposta ao tratamento que se lles vai a administrar; este feito pode explicarse debido a que os dous xenes identificados (FERD3L e TRIP10) cando non están metilados funcionan correctamente podendo favorecer o desenvolvemento da metástase e a resistencia á quimioterapia”.

É o primeiro marcador epixenético  capaz de predicir a resposta á quimioterapia previa á cirurxía en cancro de mama triplo negativo

O descubrimento realizado neste traballo representa a primeira firma epixenética capaz de predicir a resposta á quimioterapia neoadxuvante en cancro de mama triplo negativo. “Este estudo supón un avance con respecto a outras ferramentas previamente descritas, xa que ten unha maior capacidade para predicir a resposta á quimioterapia e ademais ten a vantaxe de que se analiza a metilación do ADN, que é unha marca epixenética cunha gran estabilidade, fácil de conservar nas mostras e cuxo análises presenta unha fácil implementación na práctica clínica habitual”.

Este descubrimento deu tamén lugar á xeración dunha patente como método para predicir a resposta á quimioterapia en cancro de mama tripla negativo. Con todo hai que ter en conta que este traballo se realizou nun número limitado de pacientes, polo que sería conveniente ampliar o estudo con máis individuos para confirmar os resultados obtidos. “Sería interesante tamén nun futuro poder estender o estudo desta firma epixenética á análise do ADN que circula no sangue, que se denomina biopsia líquida, para comprobar se é posible predicir de maneira non invasiva cunha análise de sangue a resposta ao tratamento quimioterápico neste tipo de tumor”.

Outro importante campo de estudo podería ser o desenvolvemento de fármacos dirixidos capaces de bloquear ou ‘apagar’ a función destes dous xenes (FERD3L e TRIP10) no tumor para tratar así de incrementar a súa capacidade de resposta á quimioterapia.

A realización deste traballo foi posible grazas á colaboración multidisciplinar de investigadores de diferentes centros, como Ana B. Crujeiras (IDIS e CIBEROBN), Juan Sandoval (IIS A Fe), Manel Esteller (IDIBELL), e Begoña Pineda, Alejandro Pérez-Fidalgo, Ana Lluch e Pilar Eroles do INCLIVA. Este proxecto tamén foi posible grazas ao financiamento de diferentes entidades públicas, como o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII).

Referencias: A two-gene epigenetic signature for the prediction of response to neoadjuvant chemotherapy in triplo-negative breast cancer patients (Publicado en Clinical Epigenetics, 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego atopa unha prometedora vía para predicir a evolución do cancro oral

O investigador da Universidade de Santiago Samuel Rodríguez Zorrilla emprega vesículas extracelulares para prognosticar o progreso dos pacientes de carcinoma e a súa supervivencia despois dunha cirurxía

Alicia Bruzos, talento galego recoñecido no exterior: Premio L’Oréal-Unesco en Francia

A investigadora vén de ser recoñecida co galardón de Novos Talentos da institución no país galo pola súa investigación sobre cancro en berberechos

Nobel de Medicina por un descubrimento fundamental na regulación dos xenes

Victor Ambros e Gary Ruvkun foron os primeiros en vencellar o microARN e coa diferenciación das células, un achado de grande relevancia para entender a evolución dos organismos complexos

Vesículas extracelulares: unha nova arma para frear o envellecemento?

Investigadores do Grupo de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa do CICA explora novas vías para deter e reverter os danos producidos polas células senescentes, asociadas ao envellecemento