A pandemia en novembro: case 280 persoas falecidas por Covid-19 en Galicia

Os últimos datos, aínda co freo de novos casos, amosan que o número de falecementos na segunda onda superará á primeira nos vindeiros días

O vindeiro venres 4 de decembro ás 15 horas, antes do comezo da ponte festiva que se estenderá ata o martes 8 de decembro, conclúe a vixencia da orde coa que hai case un mes a Xunta de Galicia decretou os primeiros peches perimetrais a gran escala na segunda onda da Covid-19, e que nestes días aínda afectan a máis de 60 concellos galegos. É probable que estas medidas se estendan nalgúns casos, ou que o comité clínico, que se reunirá este martes e volverá abordar o venres a evolución epidemiolóxica, acorde novos cambios no mapa de restricións. Na tarde do luns, a Xunta informou, despois dun encontro con representantes da hostalaría, dunha probable ‘desescalada’ centrada neste sector, cunha apertura progresiva en horario e capacidade dos locais. Mais alén da boa tendencia dos últimos días e o descenso xeral da incidencia en Galicia en España, novembro péchase como o segundo peor mes da pandemia en canto ao número de falecementos, cunha suma de 277 notificados ata a noite do luns, último día do mes, polo Sergas, só superado por abril (427). E Galicia está a piques de acumular na segunda onda (594 desde comezos de agosto) máis falecementos cós rexistrados na primeira (619), entre marzo e xuño.


A elevada cifra de falecidos en novembro pon cautela, por tanto, ante a previsible apertura solicitada por algúns sectores económicos cara á campaña de Nadal. Este mesmo luns, o Goberno italiano avanzou que o confinamento nocturno non contemplará excepcións nin en Noiteboa nin en Noitevella, polo que a cidadanía terá que estar nos seus domicilios, agás causas debidamente xustificadas, ás 22 horas. En España, a decisión está pendente do encontro do Consello Interterritorial entre o Goberno central e as comunidades autónomas, nas que hai diverxencias sobre aspectos como o número de persoas que poderán reunirse nos encontros familiares do Nadal e outras cuestións.

Freo lento en Galicia

Este luns, segundo os datos do Ministerio de Sanidad, Galicia mantense por baixo na incidencia acumulada nos últimos sete días respecto á media española (98,39 fronte a 109,19), e tamén nos últimos 14 (236,64 e 275,51). Aínda que este indicador baixa en xeral, o rápido descenso que experimentaron nas últimas semanas a meirande parte das autonomías está a ser máis lento en Galicia. Pero a tendencia é optimista, canto menos cos últimos datos. O Sergas comunicou este luns 238 casos confirmados por PCR e notificou 249 ao Ministerio de Sanidad (cifra que inclúe tamén os tests de antíxenos). Isto supón unha das menores cifras das últimas semanas, tendo en conta, con todo, a menor realización de probas que adoita haber na fin de semana. Pero a taxa de positividade tamén descende ata a contorna do 5%, o que sitúa ao sistema sanitario galego preto dos indicadores que marca a OMS como un dos factores de control da pandemia: unha taxa de probas positivas entre o 3 e o 5%. Así evolucionaron os casos novos desde comezos de outubro en cada área sanitaria:

O descenso de novos casos, sobre todo nas áreas onde é máis notable, como Ourense, Ferrol e Santiago, constátase na ocupación dos hospitais, que descende paseniño desde mediados de novembro. O día 17, o Sergas informaba de máis de 600 persoas hospitalizadas (máis de 100 delas na UCI), mentres que este luns a cifra está por baixo das 500.

O indicador dos casos apunta tamén a unha mellora da situación. Despois de superar os 10.000 a comezos de novembro, a concesión de altas e o menor número de novas infeccións (ademais dos falecementos) fixeron baixar a cifra por baixo dos 8.000 na pasada fin de semana:

O mapa dos concellos

No referente ao mapa municipal de casos, o número de concellos que nos últimos 14 días non rexistraron ningún positivo é de 67. Outros 129 sitúanse no rango de 1 a 9 casos, que facilita a Xunta de Galicia na súa actualización diaria. O resto dos municipios teñen 10 ou máis casos, aínda que con incidencias e situacións moi dispares. Neste mapa podes consultar a situación de cada un premendo sobre o concello que che interese:

Entre os concellos con máis incidencia destaca Beariz, que debido á súa escasa poboación e aos brotes detectado en dous centros de maiores amosa unha taxa de 3.501 casos/100.000 habitantes. Outros municipios cunha alta incidencia, nalgúns casos debida tamén a brotes localizados, son Irixoa, Vilalba ou Gondomar. Por áreas, a Costa da Morte e as contornas de Vigo e Pontevedra son as zonas cunha maior incidencia na meirande parte dos concellos.

Tendo en conta tanto os concellos dos que se coñece o número exacto de casos como os que se sitúan no rango sen detallar que ofrece a Xunta, hai 90 municipios cunha incidencia superior a 250 casos/100.000 habitantes. Mais nalgúns casos trátase de municipios pequenos, con brotes controlados e localizados, nos que hai menos dunha decena de positivos detectados nas últimas semanas.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.