O traballo do CSIC en Montefurdo contou con financiaciamento da Xunta de Galicia.

O CSIC desvela os últimos segredos do ouro de Montefurado

A investigación analiza como o río era desviado só durante determinadas épocas do ano para obter o prezado metal

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) vén de concluír o estudo multidisciplinar do túnel de Montefurado, en Quiroga, que permitiu afondar no coñecemento dunha das obras máis representativas da minería do ouro romana.

O estudo, financiado pola Xunta de Galicia cunha achega de 40.000 euros, enmárcase nunha actuación máis ampla dividida en dous grandes bloques: estabilidade estrutural e valor histórico-arqueolóxico. O primeiro dos bloques foi executado polo Instituto Geológico Minero de España e a empresa Terrae Geoconsulting S.L.

O segundo levouse a cabo baixo a dirección de Brais X. Currás e F. Javier Sánchez-Palencia, investigadores do Instituto de Historia do CSIC e membros do grupo de investigación Estrutura Social e Territorio-Arqueoloxía da Paisaxe (EST-AP), que conta cunha longa traxectoria no estudo e posta en valor das paisaxes mineiras da Antigüedad. Contouse tamén con Javier Fernández Lozano, xeólogo da Escola de Minas da Universidade de León.

Un dos principais resultados desta investigación que se alongou durante máis dun ano é que o túnel non é unha realidade illada, senón que forma parte dun conxunto mineiro moito máis amplo. “Durante os dous séculos que durou aproximadamente o desenvolvemento da minaría do ouro no noroeste da Península Ibérica, tras a conquista levada a cabo por Augusto, todo o tramo medio do río Sil foi intensamente explotado”, explican os investigadores. Proba disto, engaden, é que as marxes do río aparecen balizadas por decenas de labores mineiros.

Para documentar estes restos, empregáronse medios de teledetección como a fotografía aérea histórica, voos de dron ou o uso da tecnoloxía LiDAR, que permiten obter un modelo do terreo de alta precisión. Ademais, durante os traballos tamén se conseguiu documentar a rede hidráulica que abastecía de auga ás frontes mineiras, así como identificar con detalle, en colaboración co arqueólogo Santiago Ferrer, o trazado da rede hidráulica que derivaba o río Xares ata as minas situadas xunto ao Montefurado. Tamén se constatou a existencia doutra canle, peor conservada, que levaba as augas do Regueiro de San Martiño, situado nas inmediacións de Seadur.

“O túnel serviu para desviar o Sil do seu leito orixinal, co obxecto de aproveitarestacionalmente as areas auríferas do leito do río. Durante  o inverno pechaba, devolvendo o río ao seu leito orixinal, de tal xeito que o ouro, arrastrado constantemente pola choiva que erosiona os depósitos mineralizados consolidados, se depositaba no  leito. Logo, durante a tempada seca, o río era derivado de volta polo túnel (para así poder recuperar todo o ouro atrapado no fondo do leito deixado en seco”, explican os investigadores do CSIC.

Os traballos complétanse cun estudo documental coa historia do túnel que vai desde as primeiras referencias dos anticuarios humanistas, como Bartolomeu Sagrario de Molina, ata o intento do seu reaproveitamiento con fins mineiros durante o primeiro cuarto do século XX.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.