Chega unha aliñación de Xúpiter e Saturno non vista dende a Idade Media

Os dos planetas gasosos van aparecer este Nadal no ceo nocturno máis preto un do outro dende a data do 4 de marzo de 1226

Os planetas Xúpiter e Saturno son xa un dos espectáculos astronómicos do ceo nocturno, nas noites despexadas deste outono. Pero os amantes das estrelas terán unha oportunidade única este Nadal, porque os dous xigantes gasosos van achegarse máis entre si no ceo nocturno da Terra do que estiveron durante os últimos 800 anos.

A sincronización celeste leva en proceso desde o verán, xa que Xúpiter e Saturno estivéronse achegando no ceo nocturno, e entre o 16 e o 25 de decembro estarán separados só por unha quinta parte do diámetro dunha Lúa chea.

Publicidade

Aínda que os planetas non estarán fisicamente preto un do outro, por suposto, parecerán case un só punto de luz brillante para calquera que mire cara ao ceo nocturno, dende a perspectiva da nosa Terra.

“As aliñacións entre estes dous planetas son bastante raras, acontecen unha vez cada 20 anos aproximadamente, pero esta conxunción é excepcionalmente rara debido ao preto que se verán os planetas entre si”, di o astrónomo Patrick Hartigan da Universidade Rice.

Publicidade

“Teriamos que retroceder ata xusto antes do amencer do 4 de marzo de 1226, para ver unha aliñación máis próxima entre estes obxectos visibles no ceo nocturno”. Estamos a falar dunha data na que facía sete anos que morrera o Mestre Mateo, o grande arquitecto da catedral románica de Santiago… e cando estaba a piques de nacer o trobador Martín Códax.

Para obter a mellor experiencia de visualización deste espectáculo, deberíamos estar nalgún lugar preto do ecuador, pero se o ceo está despexado, a aliñación vai ser visible desde case calquera lugar da Terra.

Representación da noite do 21 de decembro de 2020.

O par de planetas aparecerá no ceo nocturno durante aproximadamente unha hora despois do solpor cada noite, segundo os astrónomos. Para botar unha ollada hai que mirar cara ao ceo occidental.

“Na noite de maior aproximación, o 21 de decembro, veranse como un planeta dobre, separados só por unha quinta parte do diámetro da lúa chea”, di Hartigan . “Para a maioría dos telescopios, cada planeta e varias das súas lúas máis grandes serán visibles no mesmo campo de visión esa noite”. “Canto máis ao norte estea un espectador, menos tempo terá para albiscar a conxunción antes de que os planetas se afundan baixo o horizonte”.

Os planetas serán o dabondo brillantes no ceo como para ser visibles no crepúsculo, que podería ser o mellor momento para tentar botarlles unha ollada.

Aínda que este tipo de aliñación non acontece desde a Idade Media, volverá suceder bastante cedo, en marzo de 2080. Despois diso, con todo, Xúpiter e Saturno non se achegarán tanto no noso ceo nocturno ata as 2400. Así que a oportunidade histórica está aí para quen a quera aproveitar…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

En 2025 rexistráronse 14 bólidos sobre o ceo de Galicia

A lista recompilada pola rede de investigación SPMN sinala outubro como o mes con máis observacións

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo

Próxima cita astronómica en Galicia: o 28 de agosto haberá unha eclipse lunar parcial

O evento poderá observarse a simple vista dende toda a comunidade galega sen necesidade de lentes ou aparellos especiais

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns