Venres 29 Marzo 2024

Sanidade anuncia novos cambios no mapa de restricións no marco dunha lenta mellora

Cee, Muxía, Dumbría, Ribadumia, Meaño e Meis entran no nivel 3, do que saen Viveiro, Toén, San Cibrao, Vedra, O Pino e Mugardos

O subcomité clínico da Consellería de Sanidade, que cada venres se reúne para avaliar a pandemia da Covid-19 en Galicia, tomou novas medidas que amosan a distinta evolución en Galicia. Deste xeito, seis concellos afectados desde hai semanas polas restricións de mobilidade e o peche da hostalaría, entre outras limitacións (o chamado nivel 3), pasan a igualarse coa meirande parte do territorio. E outros seis municipios fan o camiño inverso.

Nunha comparecencia celebrada este mediodía, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que seis concellos das comarcas de Fisterra e o Salnés entrarán no nivel 3 debido ao empeoramento da situación. No primeiro dos casos, Cee, Dumbría e Muxía quedarán cun peche perimetral conxunto despois de que nos últimos 9 días a incidencia acumulada por cada 100.000 habitantes pasase de 111 a 270 casos en sete días, e de 280 a 381 en 14. Deste xeito, a zona da Costa da Morte queda como unha das áreas con máis limitacións fóra das cidades, xa que se suma o peche individual de Vimianzo e o agrupado de toda a comarca de Bergantiños.

Publicidade

No Salnés, onde xa estaban vixentes limitacións en Sanxenxo, Cambados e O Grove, establécese outro peche conxunto en Ribadumia, Meis e Meaño. Segundo indicou Carmen Durán Parrondo, directora xeral de Saúde Pública, a incidencia medrou de 275 casos a 313 en 14 días. Deste xeito, a meirande parte da costa de Pontevedra, coa excepción de Bueu, queda afectada polo máximo nivel de restricións.

Alén disto, o subcomité clínico mantén unha vixilancia especial, aínda que por agora se mantén o nivel 2, nos concellos de Sarria, Chantada, A Rúa, Petín, Ribeira e Ordes, que se incorpora a esta lista.

Mellora da situación xeral

A mensaxe transmitida na comparecencia deste venres tanto polo conselleiro como polos membros do subcomité clínico é que a pandemia está nunha situación estable, e mesmo descendente, tanto na detección de novos casos como na ocupación hospitalaria. Galicia, con todo, está a amosar un freo máis lento có do resto de comunidades autónomas, e a incidencia acumulada a sete días no territorio (galego), con 122,17 casos/100.000 habitantes, é xa semellante á da media española (124,54), segundo os datos do xoves. A diferenza é maior a 14 días, con 268,57 casos en Galicia fronte aos 325,5 de España.

Esta evolución positiva é máis patente en cidades como Santiago ou Ourense, que chegaron a acadar incidencias elevadas hai semanas e que levaron a instaurar peches perimetrais. Julio García Comesaña suxeriu este venres que a próxima semana poderían relaxarse algunhas medidas en zonas onde a evolución é positiva. Ademais destas dúas áreas, os novos casos estabilízanse en Vigo, Lugo ou Ferrol, mentres que na zona de Pontevedra segue manténdose unha vixilancia estrita polo aumento de casos no Salnés.

Neste sentido, outros seis concellos pasaron ao nivel 2, despois de que na medianoite do mércores ao xoves xa se instaurasen nel outros oito municipios. Ante a boa evolución dos datos, Vedra e O Pino (área de Santiago), Toén e San Cibrao (Ourense), Mugardos (área de Ferrol) e Viveiro, onde rexía un peche individual, sitúanse no nivel 2, onde se permite a apertura da hostalaría e as reunións e ata seis persoas non conviventes.

Carmen Durán expuxo tamén outros indicadores que apuntan cara a mellores perspectivas nas vindeiras semanas: un número reprodutivo instantáneo de 0,9 (o que indica que cada persoa infectada está contaxiando a menos dunha persoa á súa vez) e unha situación asistencial estable. Outros membros do subcomité clínico, como o doutor Pedro Rascado, expuxeron que os datos apuntan a que “as medidas funcionan”, tamén nos grandes concellos, ao tempo que incidiu na necesidade de manter as medidas máis estritas de precaución en todas as contornas sociais.

A preguntas da prensa, o conselleiro de Sanidade avanzou tamén a posibilidade de establecer un limiar para abordar “diferenzas na forma de saída” dos niveis de maiores restricións. Por mor das distintas realidades no territorio, expuxo que probablemente se estableza distinción entre os municipios maiores e menores de 10.000 habitantes á hora desta nova ‘desescalada’.

Así queda por tanto o mapa de restricións, cunhas medidas que, no caso dos concellos afectados polas novidades deste venres, entrarán en vigor na mesma medianoite:

Situación actual

O número de novos casos dos últimos días parece descender de forma lixeira ata a contorna dos 500. Aínda que a notificación diaria de positivos mediante proba PCR está algo por riba dos 400, a revisión da serie, con algúns positivos que se colocan posteriormente no día correspondente de diagnóstico, tal e como indican os protocolos, fai medrar algo estas cifras. Así se reparten os positivos notificados diariamente por cada área sanitaria.

Esta é a situación segundo o indicador de casos activos, que acadaron o máximo xusto antes das medidas aplicadas a 60 concellos o pasado 7 de novembro, precedidas do peche das cidades e algúns municipios a finais de outubro.

 

A taxa de positividade de PCR é outro dos criterios importantes á hora de observar a evolución da pandemia. En Galicia mantense algo por baixo do 9%, unha cifra lixeiramente inferior á da media de España. A cifra de probas realizadas descendeu tamén nas últimas dúas semanas, situándose nunha media semanal dunhas 6.500.

A ocupación nos hospitais mantense estable desde hai semanas, e mesmo cun pequeno descenso. Segundo expuxo o xerente do Sergas, José Manuel Flores, o 94% das persoas que están baixo vixilancia como casos activos están no domicilio:

En canto aos falecementos, notificáronse 70 persoas mortas nos últimos días con Covid-19. A cifra ascende xa a 1.170 en Galicia. Na primeira onda faleceron, entre o 12 de marzo e o 8 de xuño, 619 persoas. E entre o 8 de agosto e o 27 de novembro, foron 570.

 

1 comentario

  1. Paréceme unha información moi detalladae útil. Así ze todo na gráfica dos concellos con peche perimetral, bótanse en falta os códigos de cores. Hai máis de cinco cores distintos e non está claro (ou eu non son quen de identificalo a primeira vista) o significado de cada un deles.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.