O coronavirus SARS-CoV-2 é tan novo que, catro meses despois de aparecer, achega novidades científicas día tras día. Aínda non coñecemos con certeza se vai xerar unha inmunidade duradeira aos curados. Tampouco, se haberá unha segunda ondada epidémica. Ou como lle afectarán exactamente as altas temperaturas do verán. Pero as dúbidas científicas xa existen dende os propios síntomas. Porque nas últimas semanas se suceden novos indicios de contaxio que van dende trastornos oculares a lesións na pel que están a ser investigados en laboratorios por todo o mundo.
Cabe lembrar en primeiro lugar que a Organización Mundial da Saúde (OMS) delimita os síntomas que produce o coronavirus: “Os síntomas máis comúns da COVID-19 son febre, cansazo e tose seca. Algúns pacientes poden presentar dores, conxestión nasal, rinorrea, dor de garganta ou diarrea”.
A OMS tamén indica que “arredor de 1 de cada 6 persoas que contraen a COVID-19 desenvolve unha enfermidade grave e ten dificultade para respirar. As persoas maiores e as que padecen afeccións médicas subxacentes, como hipertensión arterial, problemas cardíacos ou diabetes, teñen máis probabilidades de desenvolver unha enfermidade grave. En torno ao 2% das persoas que contraeron a enfermidade morreron. As persoas que teñan febre, tose e dificultade para respirar deben buscar atención médica”.
Ata aquí as certezas na diagnose. Isto é o asentado científicamente. Pero xa o pasado venres, un editorial da prestixiosa revista British Medical Journal apuntaba que hai máis síntomas dos que se consideran oficialmente. E que é urxente investigalos para engadir novos indicios de contaxio polo coronavirus. Entre outros, a revista británica enumeraba como serios candidatos a síntoma os seguintes: perda do gusto e o olfacto (anosmia), que se detectou hai apenas un mes, aos que engade ictus, desorientación, dores de cabeza, miocarditis, trombose e problemas da visión.
Anosmia, ictus, miocarditis, trombose, problemas de visión… son candidatos a síntoma da Covid-19
Segundo recolle o Ministerio de Sanidade, en España os máis frecuentes son febre (69%), tose (68%), dor de garganta (24%), disnea (31%), calafríos (27%), diarrea (14%) ou vómitos (6%) pero cada vez teñen máis forza outros descritos relacionados con distintos órganos e sistemas. E que sorprenden aos propios médicos no exercicio do seu traballo nos hospitais.
Un destes candidatos a síntoma está no eido oftalmolóxico. A conxuntivitis foi unha desas primeiras manifestacións extraoficiais sobre as que se deu a voz de alarma. Oftalmólogos chineses publicaron un estudo que apunta a esta relación, e foron seguidos pola Academia Americana de Oftalmoloxía, que engadía conxuntivitis de tipo folicular, con ollo vermello, molestias oculares, con maior lagrimeo, ausencia ou pouca secreción mucopurulenta indistinguibles das que se poden observar nunha gripe comun, e que poden aparecer ao principio da infección do coronavirus.
Pero non é o único sinal. Así nunha serie de 534 pacientes confirmados en Wuhan entre os síntomas detectaron en 21% ollo seco, 13% visión borrosa, 12% sensación de corpo estraño e 5% conxestión conjuntival (o 0,5% como primeiro sinal).
A perda do gusto e do olfacto, posibles síntomas do coronavirus
A perda dos sentidos do olfacto e o gusto (denominados anosmia e ageusia), son outra das manifestacións non recoñecidas do coronavirus. A Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) xa advertiu sobre isto o 21 de marzo e agora semella que o consenso medra. Un novo estudo publicado na revista ‘European Arquives of Oto-Rhino-Laryngology’ asegura que preto do 80 por cento dos pacientes diagnosticados por COVID-19 refire unha perda total do sentido do olfacto e o 88 por cento algún grao de alteración do gusto.
En total, neste estudo foron analizados 417 pacientes dun total de 12 hospitais de 4 países distintos (España, Bélxica, Francia e Italia). Un dos aspectos destacados da investigación é que un 79 por cento dos pacientes analizados non presentaron síntomas como obstrución nasal ou rinorrea, síntomas comunmente asociados a outras infeccións virais.
Un dos últimos candidatos a síntoma en incorporarse á listaxe foron as afeccións cutáneas. Dermatólogos de todo o país están a detectar a aparición de alteracións dermatolóxicas en calquera zona da pel, coincidentes coa infección Covid-19. Estas manifestacións son moi variadas, desde erupciones tipo rash (principalmente no tronco), urticantes ou vesículosas similares á varicela ou púrpura. E nos dedos de pés e mans tamén se están a observar lesións de pequeno tamaño e en ocasións con bochas, similares a sabañóns, con frecuencia en nenos e adolescentes sen outros síntomas.
Xa está en marcha un estudo en todo o país, coa asesoría da Academia Española de Dermatoloxía e Venereología (AEDV). Polo de agora, a publicación máis exhaustiva foi realizada polo dermatólogo italiano Sebatiano Recalcati, (con datos de 88 pacientes) e o 20% tiña algún tipo de lesión na pel.
Así que novos candidatos a síntomas están a incorporarse ao catálogo de novas e sorpresas do SARS-CoV-2. Un coronavirus tan novo que só hai escasos meses que o coñecemos. Pero os científicos seguen a traballar sen descanso para atopar as claves que nos permitan combatelo.














