O gas radon triplica o risco de cancro de pulmón en fumadores

Científicos da Universidade de Santiago publican o maior estudo sobre a incidencia deste gas radioactivo, que ten en Galicia a súa maior incidencia

Investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia, da Facultade de Medicina da USC, acaban de publicar un estudo en Environmental Research, una das revistas máis prestixiosas en epidemioloxía ambiental, no que se observa un aumento do risco de cancro pulmonar asociado á exposición a radon residencial e ademais cunha relación lineal. A particularidade do traballo, liderado polo profesor Alberto Ruano Raviña, reside no tamaño da mostra: 1.842 casos e 1.862 controis, con máis de 3.700 participantes procedentes de varios hospitais e comunidades autónomas, que o sitúa como un dos estudos máis importantes en canto a tamaño sobre radon en cancro de pulmón.

Os resultados indican a existencia dunha relación lineal e estatisticamente significativa na relación entre radon e cancro de pulmón. A maiores, os investigadores identifican igualmente que o tabaco produciría unha importante amplificación do efecto, “así, unha persoa gran fumadora, pode chegar a multiplicar practicamente por 3 o seu risco de cancro de pulmón (xa de por si moi alto) se pasa de estar pouco a moi exposta ao radon no seu domicilio”, aclara Alberto Ruano.

Publicidade

Comproba neste mapa os niveis de radon no teu concello

As persoas expostas a máis de 200 Bq/m3 duplican o risco de cancro de pulmón respecto a aquelas en contextos inferiores a 50 Bq/m3 na súa vivenda. Para o profesor Ruano, “estes resultados indican a importancia do radon como factor de risco do cancro de pulmón e a necesidade da implantación da directiva europea sobre as radiacións ionizantes, que xa debería estar en vigor dende febreiro de 2018 en España”. Subliña tamén a importancia de poñer en marcha iniciativas locais “xa que Galicia é a Comunidade Autónoma máis afectada por este gas de orixe natural”.

O profesor da USC advirte ademais que a magnitude do risco da enfermidade debido a este gas é moito menor que a que asociada ao tabaco. Iso si, a primeira recomendación para alguén con nivel alto de radon no seu domicilio é que non fume “nin esa persoa nin os ocupantes da vivenda, xa que o risco se multiplica”. Para o desenvolvemento do presente estudo, todos os detectores utilizados foron revelados no Laboratorio de Radon de Galicia, da Facultade de Medicina da USC, un dos tres Laboratorios españois acreditados pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para medir este gas en vivendas.

Publicidade

A investigación foi financiada por varios estudos competitivos do Fondo de Investigacións Sanitarias e da Xunta de Galicia e forma parte da tese de doutoramento da primeira autora, María Lorenzo González, tamén dirixida polo profesor Xoan Miguel Barros Dios, director do Laboratorio de Radon de Galicia. O estudo enmárcase no grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia en Epidemioloxía e Saúde Pública, coordinado polo profesor Ruano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova tecnoloxía galega predí a resposta ao tratamento contra o cancro de pulmón avanzado

O proxecto do IISGS anticipa cunha análise de sangue se o paciente cun dos tumores máis frecuentes se beneficiará da inmunoterapia

Pontevedra xa rexistra máis mortes por cancro de pulmón que o de mama en mulleres

No ano 2024, a provincia galega sumou 159 falecementos por tumor pulmonar, fronte aos 146 causados por carcinoma mamario, segundo datos provisionais do INE

O risco de cancro de pulmón por exposición ao radon é maior en homes que en mulleres

Un novo estudo feito en Galicia conclúe que a intensidade da exposición é tan relevante como tempo á hora de acabar padecendo un cancro de pulmón

Identificada unha diana terapéutica para o cancro de pulmón máis frecuente

Un estudo do CSIC revela que a inhibición dunha proteína clave na sinalización do crecemento celular bloquea a progresión tumoral