Domingo 28 Abril 2024

O Pindo, do mar á Moa: un camiño cativador con recompensa

O ascenso á mole de granito, de máis de 600 metros de altura, desde o nivel do mar, amosa espazos de grande interese xeolóxico e biolóxico

Para chegar á Moa, o cumio do mítico Monte Pindo, en Carnota, existen varios camiños que desde hai séculos percorre a xente da volta e os visitantes. Hai rutas desde as aldeas de Quilmas ou Panchés na vertente sur do macizo, que permiten descubrir paraxes como o Chan das Lamas, unha extensa chaira que hoxe os cabalos seguen aproveitando como pasto. Tamén desde O Fieiro, no norte, a carón do encoro de Santa Uxía, que permite acadar máis rápido o cumio e achegarse a enclaves como a Cova da Xoana ou o castelo de Penafiel. Porén, outro dos traxectos habituais, e que se amosa nestas liñas, é o que leva ao camiñante desde o nivel do mar, na parroquia do Pindo, ata o cumio do monte, a 627 metros de altitude sobre a baía de Corcubión, abrigada polo cabo Fisterra, e a praia de Carnota, a máis extensa de Galicia.

Lagarto das silvas. Foto: Dgilperez/CC BY-SA 4.0.
Lagarto das silvas. Foto: Dgilperez/CC BY-SA 4.0.

O camiño parte de preto da igrexa parroquial e entra nunha zona frondosa, sucada e regada por un dos regatos que caen do cumio. Neste primeiro tramo é moi visible aínda o impacto do incendio de 2013, que arrasou miles de hectáreas no monte e causou un importante dano ambiental, poñendo en perigo a supervivencia de especies vulnerables no macizo, como o carballo anano Quercus lusitanica. A medida que o camiño deixa atrás esta zona verde, vaise descubrindo a pedra núa, na súa meirande parte granito, que domina as zonas altas do monte. E aparecen, ademais, outras compañeiras: constantemente, desde aquí e ata o cumio, crúzanse especies de lagartas. Se hai sorte, mesmo pode atoparse a Lacerta schreiberi, ou lagarto das silvas, unha especie vulnerable no macizo. Nesta área tamén aparece á dereita do camiño, interpoñéndose na vista ao cabo Fisterra, o pico do Pedrullo co castelo de San Xurxo, que hoxe son só restos dunha fortaleza medieval que acadou no seu tempo unha importante posición de dominio na zona.

Publicidade

Neste punto, onde se estende diante dos ollos o Chan das Lamas, o camiño xira á esquerda para enfiar o ascenso, nun dos tramos de máis desnivel. Ao avanzar poden observarse as caprichosas figuras que a erosión debuxou no granito, ata que nos atopamos de fronte co Xigante da Mina. A continuación, falta por superar outro treito máis duro, de novo nunha área máis mesta de carballos, ata chegar á Moa, onde as pías dan conta, de novo, do incansable pulido da natureza na mole.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses