Venres 1 Decembro 2023

Os escolares galegos fan pouco exercicio e deben alimentarse mellor

Un baixo consumo de lácteos, verduras e froitas xunto cunha inxestión elevada de azucres e pouca actividade física é o cóctel perfecto para o exceso de peso. Para achegar o seu gran de area neste e noutros problemas relacionados, a Universidade de Vigo participou no IV Congreso Mundial do deporte en idade escolar, que se celebrou ata este sábado na Facultade de Ciencias da Educación de A Coruña. E fíxoo poñendo enriba da mesa os resultados da Estimación da actividade física e hábitos alimentarios mediante o test Krece Plus en escolares da provincia de Pontevedra, que conclúe non só que a actividade física realizada pola maioría dos escolares fóra de horario lectivo é “regular ou baixo”, senón que ademais “tres cuartas partes dos estudantes deberían mellorar os seus hábitos de consumo alimentario”.

[box size=”large”]O 22% dos escolares dedica máis de tres horas diarias a ver a televisión[/box]

Collendo como mostra a un grupo de 223 escolares de entre 6 e 15 anos do Colexio Eduardo Pombal de Cangas, avaliouse o nivel de actividade física e o risco nutricional dos participantes e chegouse á conclusión de que o 22% dos rapaces e rapazas dedicaban tres ou máis horas ao día a ver a televisión ou a xogos de ordenador, aspecto que os estudos científicos relacionan de xeito directo con problemas como a obesidade infantil e futuras enfermidades crónicas. As nenas de 6 a 9 anos e os nenos de 13 a 15 amosaron un maior nivel de actividade física.

Mellor os máis pequenos

En canto á alimentación os datos non melloran. O estado nutricional do 51% dos nenos e do 59% das nenas participantes na estimación era medio, pero había tamén unha porcentaxe alta de rapaces e rapazas cun nivel baixo (un 24% delas e un 18% deles). Tamén é salientable que os máis pequenos, os que teñen entre 6 e 9 anos, presentan un mellor estado nutricional. Os aspectos detectados na estimación que se deben corrixir son claros: ademais de facer máis deporte, debe almorzarse e facelo sen doces industriais, hai que introducir unha segunda froita e verdura na dieta diaria destes escolares e ten que evitarse o consumo diario de lambonadas. “Modificar os hábitos de alimentación ou de actividade física nun adulto é moi difícil, nos mozos e mozas pódese pero o mellor é comezar dende que son nenos”, explica Guillermo Santos, coordinador das actividades de Deporte e Saúde do campus de Ourense.

[box size=”large”]O estudo foi feito pola área de Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Ciencias de Ourense[/box]

Nuria Colmenero e Ana Pombo foron as encargadas de expoñer os resultados desta estimación feita polo Servizo de Deportes do campus de Ourense en colaboración coa área de Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Ciencias. Enmarcado no Campus ConVida, con esta avaliación tratábase de pór de relevo “uns datos que se repiten en moitos estudos” para “intentar actuar sobre os futuros universitarios, previr malas condutas antes de que cheguen á universidade ou, polo menos, para atenualas e para ver os posibles cambios a introducir cando entran a formar parte da comunidade universitaria”.

Nos últimos 15 anos o índice de nenos e nenas con obesidade triplicouse, un dato alarmante que pon de relevo a necesidade de inculcarlles dende que son ben pequenos a importancia de seguir unha dieta saudable e practicar exercicio físico diario. “Aínda que xa se están a introducir materias nas que se fala algo de nutrición e moitos médicos xa están dando uns parámetros básicos de alimentación e actividade física, é fundamental que haxa moita información nos propios centros educativos e que se fale cos pais e nais”, salienta Santos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As infeccións de transmisión sexual entre menores de 18 anos medran un 37% en España

O XIV Congreso Nacional GeSIDA celebrado na Coruña reúne a centos de expertos que debatirán sobre os avances e retos no ámbito do VIH

Os Museos Científicos Coruñeses programan do 11 ao 19 de novembro a Semana da Ciencia

Co obxectivo de atender a elevada demanda de visitas, este ano prolónganse durante dúas fins de semana as celebracións da Semana da Ciencia

Os grelos poden previr o cancro? Estudan a dieta atlántica como vía terapéutica

Unha revisión analiza as propiedades farmacolóxicas dos alimentos consumidos no sur de Europa que poderían ter propiedades antitumorais