Venres 19 Abril 2024

OMS e UE advirten dun inminente empeoramento da pandemia e instan a tomar máis medidas

O ECDC pide priorizar a dose de reforzo en persoas maiores de 40 anos e a OMS avisa de que podería haber 700.000 mortes ata a primavera

A península ibérica, con Portugal e España no vagón de cabeza as coberturas de vacinación, mantense nun escenario menos preocupante diante da nova vaga da pandemia da Covid-19 respecto a países veciños. Pero o certo é que cada vez se acenden máis alarmas nas institucións comunitarias e sanitarias. Nas últimas horas, dúas mensaxes, emitidas polo Centro Europeo de Control de Enfermidades (ECDC) e a oficina rexional da Organización Mundial da Saúde (OMS) para Europa, incrementan a preocupación por mor dos escenarios de empeoramento da pandemia que manexan.

Este martes, nunha alocución pública, o director da OMS para a área europea, Hans Kluge, advertía que as novas estimacións baseadas na transmisión crecente do SARS-CoV-2 na rexión (que atinxe 53 países do continente), elevaban a 700.000 o número de falecementos ata a primavera de 2022 en caso de continuar a tendencia actual. Na actualidade, destacou Kluge, a Covid-19 é a primeira causa de morte en Europa e Asia Central. Este escenario levaría a unha carga “alta ou extrema” nas camas de hospitais de 25 países, e o mesmo nivel de tensión nas UCIs de 49 dos 53 países da área. Cualificou deste xeito a situación de “moi grave”.

Publicidade

O alto voceiro da OMS destacou tres factores que explican a alta transmisión do SARS-CoV-2: a maior infectividade da variante Delta, a relaxación das medidas non farmacolóxicas (uso de máscara, distancia e hixiene) nun momento no que as actividades en interiores son máis frecuentes, e unha parte relevante da poboación que aínda non está vacinada. 

A alta vacinación está a evitar unha nova vaga máis grave: estes son os datos

“A medida que nos achegamos ao final de 2021, fagamos todo o posible para vacinarnos e tomar medidas de protección persoal, para evitar o último recurso de peches de escolas e confinamentos. Sabemos, por amarga experiencia, que estas medidas teñen importantes consecuencias económicas e un impacto negativo xeral na saúde mental, facilitan a violencia interpersoal e son daniñas para o benestar e o aprendizaxe dos nenos”, comentou Kluge.

A oficina da OMS para Europa advirte igualmente que no conxunto da rexión apenas o 53,5% das persoas teñen a pauta completa dalgunha das vacinas contra a Covid-19, o que deixa case a metade da poboación exposta ao virus. “É esencial que aumentemos as taxas de vacinación na poboación diana, recoñecendo e abordando as razóns polas cales a xente non recibiu a vacina ata agora”, di o comunicado.

Neste mesmo sentido, e diante da evidencia crecente de que a protección inducida pola vacina está a reducirse en determinados grupos de poboación, a OMS establece como prioridade a dose de reforzo nos colectivos vulnerables.

“Carga moi alta” en decembro e xaneiro

Este mesmo mércores, o ECDC advertía que os modelos desenvolvidos polo seu equipo de expertos indican unha “carga moi alta” da Covid-19 nos meses de decembro e xaneiro, “a menos que se apliquen agora medidas de saúde pública combinadas con esforzos continuos para aumentar a cobertura vacinal”, dixo nunha mensaxe a directora da institución, Andrea Ammon.

Deste xeito, os datos dispoñibles expoñen que “hai subpoblacións e grupos de idade nos que a cobertura segue sendo inferior á desexada, mesmo en países que acadaron unha boa cobertura de vacinación xeral”, o que mantén moitas persoas “en risco de infección grave”. A recomendación (xa que as informacións que transmite o ECDC non son vinculantes para os países membros) é clara: “Pechar de forma urxente a fenda da inmunidade, ofrecer doses de reforzo a todos os adultos e reintroducir medidas non farmacolóxicas“.

O ECDC insiste en que os niveis de vacinación actuais en boa parte da UE son “insuficientes” para limitar os casos graves de Covid-19 durante o inverno. No caso das doses de reforzo, a valoración do organismo é que a prioridade debe darse a maiores de 40 anos, “para aumentar a protección debido á diminución da inmunidade, o que podería reducir potencialmente a transmisión comunitaria e previr hospitalizacións e mortes engadidas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Europa prorroga 10 anos o glifosato, o herbicida “canceríxeno” usado masivamente en Galicia

É o produto fitosanitario máis eficaz contra as malas herbas, pero numerosos artigos científicos atribúenlle efectos nocivos na saúde das persoas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia