O investigador da Facultade de Ciencias Anxo Carreira. Foto: Duvi.
O investigador da Facultade de Ciencias Anxo Carreira. Foto: Duvi.

Un estudo da UVigo demostra que adelgazar é máis fácil en grupo

Os pacientes con obesidade que acoden a terapias de grupo perden o dobre de peso e seguen mellor os tratamentos que os que son atendidos individualmente. Estas son as conclusións dun estudo desenvolvido con case un centenar de pacientes con obesidade por un equipo no que participou o dietista-nutricionista e investigador da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Anxo Carreira. Os datos “amosan a importancia da motivación e do tratamento integral nun colectivo no que son especialmente elevadas as taxas de abandono do tratamento” apunta o estudo.

Na investigación, desenvolvida desde finais de 2016, participou persoal das diferentes disciplinas da Unidade de Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Ademais de Carreira, participaron María González, Marcos Matabuena, Eva Vázquez, Nuria López, Marcos Pazos, Ana Cantón e Miguel Ángel Martínez.

O estudo analizou o comportamento dos pacientes durante un ano

Os resultados do traballo foron presentados por Anxo Carreira no XXXII Congreso da Sociedade Española de Nutrición Parenteral e Enteral, celebrado en Valladolid do 18 ao 20 de maio. Segundo explica o investigador, o obxectivo do traballo foi comparar a efectividade da terapia grupal fronte á terapia individual no tratamento de pacientes con obesidade ou en risco dela. Para acadalo fíxose un estudo retrospectivo no que se incluíron 96 pacientes de 16 a 82 anos con índice de masa corporal próximo ou maior a 30 Kg/m2, remitidos para iniciar un programa de perda de peso ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. De todos os participantes, 45 foron derivados a terapia grupal e 51 a consulta individual. “Un dos grandes problemas que ten a loita contra a obesidade é que se perden moitos pacientes ao longo do tratamento. Con este estudo quixemos ver con datos esa incidencia e como afecta ou non que a terapia sexa grupal ou individual”, explica Anxo Carreira.

O protocolo de atención aos pacientes participantes incluíu seis visitas ao longo de arredor dun ano. Na terapia grupal as tres primeiras realizáronse e grupos de dez ou menos persoas e as tres seguintes de maneira individual. Nas sesión grupais explicóuselle aos participantes conceptos de educación nutricional, como as características dunha dieta sa ou os alimentos e racións saudables. O intervalo de tempo nas sesións grupais foi de cada tres semanas e nas consultas individuais de dous meses aproximadamente.

Conseguir completar o programa

Sobre as características da mostra dun e doutro grupo de estudo, o investigador salienta que no caso dos participantes na terapia grupal a media de idade foi de 44 anos, a de peso de 105,6 quilos, a de altura de 1,64 m e a de Índice de Masa Corporal (IMC) medio de 39,2. Os participantes abrangueron desde o sobrepeso de grao dous ata a obesidade mórbida. O colectivo que se someteu a terapia individual, a media de idade foi de 46 anos, a de peso de 111 quilos, a de altura de 1,64 m e a de IMC medio de 41,3, abranguendo desde obesidade de grao dous ata obesidade mórbida. En ambos grupos, a maioría dos pacientes foron derivados desde o servizo de atención primaria e en menor medida doutros como traumatoloxía, xinecoloxía ou endocrinoloxía.

No estudo, explica Anxo Carreira, tamén se recolleron as enfermidades asociadas á obesidade, sendo as máis presentes as patoloxías articulares, que padecen máis do 50% dos pacientes participantes; a hiperlipemia, que afecta a case o 50%, e en índices inferiores enfermidades como prediabetes, patoloxía respiratoria, síndrome ansioso depresivo, alteración de tiroides,  ou diabetes tipo 2.

Os resultados analizados, detalla o investigador da Facultade de Ciencias, indican que completaron o programa o 44% e o 27% dos pacientes de terapia grupal e individual respectivamente. Nos pacientes con terapia grupal, á terceira visita chegaron o 71%, cunha media de peso perdida de 2,1 quilos. Na sexta consulta a participación descendeu ao 44% e a perda de peso a 5,3 quilos. No caso dos pacientes de visita individual, na visita tres asistiron o 67%, cunha perda de peso de 2,5 quilos pero na sexta consulta o índice de participación baixou ao 27% e a media de quilos perdidos a 2,3. “Ver que hai xente na túa mesma situación, ver que non es o único que ten ese tipo de problema e como consegue avanzar na loita contra a obesidade amósase como un elemento motivador. A presión do grupo exércese en positivo neste caso”, apunta o dietista-nutricionista.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.