Forenses da USC participan nun proxecto europeo para identificar criminais

Un grupo do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC participa no proxecto europeo Visage, consorcio financiado con cinco millóns de euros que reúne institucións universitarios, grupos policiais e institucións de xustiza de oito países europeos co fin de deseñar técnicas que permitan determinar as características físicas, ancestrais e idade dun individuo a partir de restos do seu ADN. O grupo da USC coordinado por Ángel Carracedo, María Victoria Lareu e Chris Phillips lidera dentro deste consorcio a investigación no ámbito da ancestralidade. O seu obxectivo será o desenvolvemento de protocolos para a determinación da orixe xeográfica dun individuo, eido no que o grupo da USC xa fora pioneiro polo deseño e utilización de técnicas de análise nos atentados do 11-M. 

Visage, acrónimo de “Visible Attributes Through Genomics”, é un proxecto financiado polo programa H2020 que coordina Manfred Kayser da Universidade de Rotterdam. A finalidade desta liña de traballo é a definición de técnicas que permitan a identificación das características físicas dun individuo como a cor de ollos ou de cabelo, características faciais, idade ou procedencia xeográfica a partir de calquera mostra biolóxica que fóra identificada nunha escena dun crime.

Publicidade

“Cando nun delito non hai sospeitoso non son válidos os métodos tradicionais de análise de ADN, polo que describir as características visibles externas do individuo que o cometeu a través de mostras biolóxicas atopadas na escena do crime axudan á investigación policial”, aclara o coordinador Manfred Kayser. A misión do proxecto será “establecer novos coñecementos científicos, desenvolver prototipos de ferramentas para a análise de ADN e a interpretación estatística, validar e implementar estas ferramentas na práctica forense, investigar as dimensións éticas, sociais e normativas” e a súa posterior difusión.

Os investigadores da USC participaron este martes na Erasmus University Medical Center Rotterdam na xuntanza de lanzamento coa que o proxecto comezou o seu traballo. Ademais da USC participan universidades e institucións forenses e policiais de Polonia, Austria, Alemaña, Reino Unido, Francia, Países Baixos e Suecia.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do proxecto de Carracedo: como poñer nome ás enfermidades raras de galegos sen diagnóstico

A análise do xenoma completo e o uso de tecnoloxías avanzadas permiten detectar mutacións complexas tras máis dunha década de probas sen resultado

Un proxecto liderado por Carracedo resolve os casos de 18 galegos que levaban 10 anos sen diagnóstico

A iniciativa é un dos eixos da Estratexia Nacional de Medicina Personalizada e conta cunha rede de 110 hospitais e máis de 500 expertos de toda España

Un estudo con selo galego identifica variantes de ADN coas que predicir o risco de TOC

A investigación revela relacións xenéticas con outros trastornos psiquiátricos como a síndrome de Tourette, a anorexia nerviosa, a ansiedade e a depresión

Fernando Serrulla: “É incrible que os forenses fagamos gardas de 24 horas toda a semana por 1,40 euros a hora”

O colectivo denuncia que os forenses do Imelga son os que menos cobran e os únicos do Estado que non teñen descanso entre gardas