Martes 19 Marzo 2024

O risco da Covid-19, do fútbol ás artes escénicas: incerteza ante a volta ao traballo

As obras na chamada "nova normalidade" non manteñen as medidas de prevención por mor da súa excepcionalidade e a falta de concreción dos protocolos

O gomo de Covid-19 que se coñeceu no equipo de fútbol do Fuenlabrada, poucas horas antes do decisivo partido contra o Deportivo da Coruña, provocou unha polémica que aínda se mantén polas implicacións que ten para o futuro do equipo coruñés, agora mesmo descendido a Segunda B máis de 30 anos despois, e o risco para a saúde pública que se desencadeou. A piques de finalizar a temporada, a ocultación dos casos de coronavirus por parte da Liga de Fútbol Profesional e o equipo madrileño e a posterior confirmación de positivos noutros equipos profesionais puxeron no foco das críticas aos responsables da competición. Ata este momento, o protocolo de prevención, que incluía —ademais das medidas de hixiene e, na medida do posible, distancia social fóra do terreo de xogo— probas diagnósticas cada poucos días para garantir que os profesionais non transmitisen o SARS-CoV-2 durante os adestramentos ou os partidos debido ao contacto estreito que mantiñan, fora gabado desde diversas instancias pola súa efectividade.

Porén, o deporte non é o único sector profesional que se está a enfrontar na súa actividade laboral ao risco de infección sen medidas de prevención precisas e normativas explícitas: nas últimas semanas, coa reanudación da actividade no eido audiovisual e a celebración dos primeiros festivais de artes escénicas na chamada “nova normalidade”, parte dos profesionais están a reclamar o desenvolvemento dun marco claro a nivel autonómico para reducir o risco de infeccións. O contacto físico ao que obrigan, en moitos casos, os guions, abren un escenario complexo.

Publicidade

Houbo algúns espectáculos, con todo, nos que se adaptaron obras centenarias, como A Traviata representada estas últimas semanas no Teatro Real de Madrid, na que solistas, coro e músicos gardaron en todo momento as distancias de seguridade, despois dunhas adaptacións que requiriron dun investimento de arredor de 340.000 euros. Este mércores 29, o espectáculo Nova Normalidade de La Fura dels Baus na Cidade da Cultura de Santiago tamén incorporou na meirande parte da obra o uso de máscara, pois trátase dunha peza que fai referencia á pandemia da Covid-19 e incorpora as medidas de protección na posta en escena. 

Os Reis de España, na súa visita ao Festival de Mérida, onde houbo queixas pola inexistencia da distancia de seguridade no público. Foto: Ayuntamiento de Mérida.
Os Reis de España, na súa visita ao Festival de Mérida, onde houbo queixas pola inexistencia da distancia de seguridade no público. Foto: Ayuntamiento de Mérida.

Como están volvendo as artes escénicas?

Nos últimos días estanse a celebrar, tanto en Galicia como no resto do territorio estatal, diversos festivais de teatro ou danza, como os de Mérida, Almagro, Ribadavia ou Cangas. Segundo as imaxes difundidas desde estes certames, na meirande parte das obras non se observan algunhas das recomendacións sanitarias sobre o escenario. E nalgún caso, como as imaxes difundidas no Festival de Mérida, non se garda a distancia social no público, a pesar do uso de máscara. E a situación está a xerar un importante debate no sector, por mor do risco ao que se expoñen os profesionais, que en moitos casos poden participar en distintas producións en poucos días. Ademais, segundo se recoñece desde a Xunta de Galicia, aínda non se dispón dunha norma específica para estas situacións, xa que aínda se está traballando nela co sector.

Ante isto, o criterio médico é claro: “Deben aplicarse as mesmas medidas que en calquera outra situación; distancia de seguridade, uso de máscara e hixiene frecuente de mans, e ademais os locais deben estar ben ventilados”, expón Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. 

Hai normativa e protocolos específicos?

Mentres se traballa nun acordo entre diferentes axentes do sector en Galicia, a medida que rexe actualmente é un manual de boas prácticas a nivel estatal publicado polo Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM). No caso das producións audiovisuais, hai outro documento, desenvolvido a través do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA). Os dous están apoiados polo Ministerio de Cultura.

Por agora, as artes escénicas, entendendo como tales o teatro, a música, a ficción audiovisual, a danza e o circo, estanse a rexer na chamada “nova normalidade” en Galicia, como outras actividades, pola resolución publicada o 13 de xuño no Diario Oficial de Galicia. O texto expón que nas “actuacións ou espectáculos en que non se poida manter a dita distancia de seguridade (1,5 metros), nin o uso de equipamentos de protección adecuados ao nivel de risco, como é o caso daqueles en que interveñan actores e actrices, atenderase a medidas de seguridade deseñadas para cada caso particular a partir dos protocolos e recomendacións das autoridades sanitarias”. A actualización do DOG, publicada dúas semanas despois, establece medidas para coros e agrupacións vocais, e orquestras, bandas e outras agrupacións musicais, mais non para disciplinas como o teatro, a danza ou o circo. Nas actividades nas que se concretan accións de prevención, sempre se insiste nas claves do distanciamento, a hixiene e o uso de máscara. 

A Consellería de Emprego sostén que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da devandita consellería e organismo encargado de xestionar as accións destinadas para diminuír os riscos de saúde no eido laboral, “elaborou un documento sobre Recomendacións preventivas fronte a coronavirus: Artes escénicas, en colaboración co sector, con Escena Galega, a Asociación Galega de Produtoras Independentes e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia”.

Con todo, as versións doutras partes non dan por sólido neste momento o documento que menciona Emprego e que, por outra banda, está pendente da “continua actualización” segundo a nova normativa que vaia xurdindo. Desde a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), expoñen que continúan as reunións entre distintos colectivos asociativos sectoriais para consensuar unha guía propia”, “que se publicará unha vez se chegue a un acordo e sexa validado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria”.

Na mesma liña responde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), apúntase a que a entidade “está a traballar con Escena Galega para procurar un protocolo en Galicia que garanta a seguridade de quen suba a un escenario que deberá estar avalado polas autoridades sanitarias competentes”. Porén, esta entidade lembra que “alertou a finais de xuño dos riscos que se poderían estar a dar na reactivación” a través dun comunicado. Neste punto, a AAAG lamentou que desde a Xunta de Galicia non se ofreceu “avance ningún para achegar un protocolo destas características que salvagarde a saúde da profesión artística mentres que si impulsa con insistencia a programación de funcións e retoma os seus circuítos de distribución”.

Ademais, o devandito documento do ISSGA non é, por agora, público: No seu web, o organismo recolle guías de recomendacións para preto de 30 sectores, entre os que se atopan os “eventos e espectáculos”, entendidos como musicais, e as “producións audiovisuais”, pero non de artes escénicas.

Nos últimos meses, a Xunta de Galicia publicou un Plan de Reactivación dos sectores turístico e cultural. Alén da aplicación de regulacións do ámbito estatal, a Xunta indicaba no plan que estaba a traballar, en coordinación coas autoridades sanitarias e demais axentes para a “elaboración de manuais coas recomendacións e instrucións necesarias neste eido”, que “serán imprescindibles para poder dar unha solución exhaustiva, sistémica e unificada para a adaptación ás novas esixencias hixiénico-sanitarias que demanda a situación actual”. Mais non se desenvolveron ata o de agora no referente ás artes escénicas, que son, precisamente, o sector no que se pode producir unha maior vulnerabilidade pola súa propia natureza.

Establécense excepcións nas artes escénicas?

Si. Aínda que ningún criterio médico pode desaconsellar o uso das medidas de prevención, polo risco de infección que causaría esta actitude, o documento de boas prácticas do INAEM propón “medidas excepcionais”, alternativas á distancia interpersoal de dous metros e o uso de máscara, tendo en conta “tres conceptos fundamentais que artellarán a excepcionalidade do sector escénico e musical”. Así, exponse a distinción “entre elenco artístico e elenco técnico, dado que en moitos casos o contacto físico entre o elenco artístico é inherente á súa actividade”, que “se trate dunha representación ou ensaio” e, no último punto, a “equiparación de unidade de traballo con unidade de convivencia para compañías e colectivos artísticos e musicais”, criterio que se estendería á propia actividade e aos desprazamentos. 

Por outra banda, no caso das agrupacións musicais, por exemplo, permítese, segundo expón o DOG, que os e as vocalistas e os e as intérpretes de instrumentos de vento non leven a máscara no momento das súas intervencións, mantendo a distancia e evitando situarse fronte a outros intérpretes. E no caso dos coros e agrupacións vocais, obrígase en todo caso ao uso da máscara mantendo ademais a distancia de seguridade. Con todo, na danza e no teatro, pola súa propia natureza, ningunha normativa regula, ata o momento, as situacións nas que se produce un contacto físico estreito sen as medidas de prevención marcadas polo criterio médico.

Como se valora a situación no sector?

Hai visións diferentes, condicionadas, en boa parte, pola escaseza de recursos. Por unha banda, hai quen avoga porque as propias representacións asuman de forma íntegra as medidas de prevención, co uso de máscara e/ou distancia social en todo momento.

Máis existen outros factores a ter en conta. A maioría das compañías e grupos, de pequeno tamaño, arrastran xa unha situación complicada por mor da suspensión de actividade a partir do confinamento. E por exemplo, no caso do teatro e a danza, non teñen capacidade económica para realizar probas, nin material, en moitos casos, para reformular os espectáculos adaptándoos á nova normalidade. Parte das persoas descartan o uso da máscara debido á perda de expresividade e contacto co público (á súa vez, tamén con máscara), que desvirtuaría, segundo esta visión, a esencia do teatro. 

A precariedade do sector, agravada pola pandemia, dificulta que se establezan medidas efectivas de prevención

Si se contempla a posibilidade, por exemplo, de realizar probas en caso de que as Administracións ou outras institucións ou organismos as financien e, no caso da posta en escena, contémplase a opción de que as novas obras si incorporen as medidas da “nova normalidade”. 

Desde Escena Galega, a entidade que representa ás compañías de artes escénicas, destácase que “se están cumprindo en todo o momento as recomendacións marcadas polas Administracións e os servizos de prevención de riscos laborais”, expón o seu xerente, Diego Vázquez Meizoso. “Se mañá se inclúe a obrigatoriedade de levar máscara, haberá que asumilo, loxicamente”. Porén, segundo explica, as representacións xa se están adaptando á nova situación, con, por exemplo, “bicos e apertas reducidos na medida do posible“. Con todo, sinala o xerente de Escena Galega que se trata “dun tema complexo”, xa que o sector experimentou meses complicados que, de prolongarse, poderían poñer o punto final a moitos proxectos ou levar á suspensión de actividade e ao ERTE a moitos e moitas traballadoras do sector.

Pola súa parte, a AAAG apunta que “o retorno en ningún caso pode supoñer un risco para a saúde nin dos profesionais nin da sociedade, algo que xulgamos podería estar a acontecer pola precipitación e a escasa conciencia que se pode detectar e que contrasta coa situación que se está a dar no audiovisual, onde consta que os equipos artísticos de diferentes producións volveron ao seu oficio con tests recorrentes, ou noutros ámbitos profesionais no que as medidas xerais de protección non se poden aplicar”, advertindo do “impacto irreparable que suporía que, por mor do inadmisible descoido da saúde nos escenarios, se puidese producir un rebrote e unha nova parálise no sector“.

No sector existe preocupación, ademais, pola participación de grupos de risco, sobre todo no referente á idade, nalgunha das obras que se están a realizar. Saliéntase unha das obras impulsadas polo Centro Dramático Galego, que contrata a Xunta de Galicia a través de Agadic, que está previsto estrear nos próximos meses e que actualmente está inmersa no seu proceso de selección. Nela primarase, segundo as bases, a “intérpretes con dilatada carreira profesional que aparenten preferentemente unha idade superior a 65 anos“.

E estanse a facer probas?

Na maioría dos casos, sobre todo nas compañías e obras con menos capacidade económica, non. As probas quedan reservadas, segundo as ordes marcadas polo Ministerio de Sanidad, para os casos nos que haxa unha prescrición facultativa acorde aos criterios marcados pola autoridade sanitaria. Con todo, existe a posibilidade de que a empresa, se así o considera e ten capacidade económica para facelo, decida realizar probas ao persoal. 

E os protocolos para as artes escénicas e o sector audiovisual coinciden na medida de supervisar a saúde dos traballadores no marco da Covid-19, aínda que con distintos enfoques.

O manual do INAEM recomenda, no caso das persoas nas que “nas medidas de distanciamento social no escenario durante o desenvolvemento do espectáculo non sexan posibles”, a realización de “recoñecementos médicos obrigatorios en relación coa enfermidade” da Covid-19″; aínda que isto apunta á realización de tests diagnósticos, non se explicita. 

No documento do sector audiovisual, afóndase no referente á decisión das empresas. “Na medida na que estes tests estean dispoñibles para o seu uso por parte das empresas, a través dos seus respectivos servizos de vixilancia da saúde ou calquera outro medio igualmente acreditado, poderían presentar varias opcións” para a realización das probas diagnósticas. Pero salienta que “no caso dos actores, e debido a que é o persoal máis exposto ao risco de contaxio, sería altamente recomendable a realización de tests serolóxicos/PCR de forma periódica, e de conformidade co protocolo deseñado polo persoal médico que corresponda”. 

Todas estas indicacións non pasan de recomendacións, e non obrigan, como si acontece noutros sectores que, ademais, establecen en todo caso as tres medidas básicas de prevención: máscara, distancia e hixiene. Ademais, aparecen limitadas por unha capacidade de recursos que, nunha parte importante, o sector non ten. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade