Martes 17 Xuño 2025

O mapa do ruído en Galicia: estas son as cidades e as rúas máis afectadas

A contaminación acústica é especialmente intensa en Vigo e na Coruña, con consecuencias na saúde como problemas cognitivos ou cardiovasculares

Sono. Estrés. Problemas para concentrarse. Son algunhas das consecuencias de vivir en zonas cun alto nivel de ruído. Ao igual que o aumento da presión arterial, un maior risco de hipertensión, de problemas de memoria, demencia e a deterioración da capacidade cognitiva dos nenos e de persoas maiores ou vulnerables, segundo un estudo do Instituto de Saúde Carlos III. A pesar das advertencias, a contaminación acústica polo tráfico das grandes estradas afecta cada vez a máis persoas e xa alcanza a máis de 133.100 galegos, segundo un informe publicado pola Xunta.

A Avenida Alcalde Alfonso Molina, unha das estradas máis afectadas

Unha parte importante da poboación vive nas cidades, onde as grandes avenidas e certas rúas poden ser especialmente sensibles a provocar estes problemas. De feito, o mapa estratéxico da Coruña indica que 55.318 persoas están expostas a un ruído medio diario elevado. Isto é, de máis de 65 decibeis. Algo que, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), pode supoñer un risco elevado para os residentes. Algunhas das zonas con maior contaminación acústica son en Oza, ao redor da estación de trens e algúns edificios próximos á praia de Riazor. Ademais, 1.487 persoas viven con sons superiores aos 75 decibeis. Nestes casos, poden provocar complicacións a longo prazo, como problemas cardiovasculares.

Publicidade

As medicións funcionan de forma logarítmica, polo que un ruído de 75 decibeis percibímolo catro veces máis forte ca un de 55. Para ter unha comparativa, cando se limpa unha casa, moitos aspiradores emiten un son bastante potente. Isto é algo que pode ser molesto e que moitas veces provoca que se fale máis alto, case gritando. Aínda que depende do modelo, este electrodoméstico pode emitir un son de entre 70 e 75 decibeis. É dicir, vivir nunha zona así, podería ser como ter un aspirador acendido ao lado, constantemente. Iso si, sen ter en conta o illamento que podan ter esas residencias.

Noites demasiado ruidosas

Mapa de ruído da zona centro de Vigo.

En Vigo, a situación é similar. Ata 1.400 persoas sofren con ruídos por riba desa franxa durante o día. Ademais, un total do 29% dos vigueses están expostos a niveis superiores aos 65 decibeis. É o caso da avenida Castelao, Gran Vía, Fragoso ou a Rúa Venezuela. Por outra banda, a zona do Castro mitiga estes efectos.

Publicidade

A importancia dunha baixa contaminación acústica é maior polas noites. A OMS considera que é moi importante protexer esta parte do día porque está ligada ao sono. No caso dos vigueses, esa situación é peor, segundo o seu mapa estratéxico. Unhas 79.200 persoas viven con sons durante a noite que son superiores aos 55 decibeis: máis do 27% do total.

Un dos maiores problemas é o ruído viario. Durante as noites, 76.100 vigueses están expostos a este, cunha intensidade de máis de 55 decibeis. Mentres, a OMS é aínda máis estrita nas súas recomendacións. Durante o día, estes valores non deberían pasar de 53. É un limiar que se traspasa en gran parte da cidade e que afecta a máis de dun terzo dos habitantes vigueses (67,7%). No caso da Coruña, 192.473 persoas están expostos a sons do tráfico de máis de 55 decibeis, o que supón que máis de tres de cada catro veciños non estean protexidos segundo as recomendacións internacionais.

Unha medición variable

A dificultade para acadar os obxectivos adecuados non quita que, en moitos casos, as cidades fosen mellorando a súa situación. Especialmente naquelas urbes algo máis pequenas, como Santiago ou Pontevedra. Por exemplo, os rexistros da capital galega indican que, durante o día, os ruídos, polo xeral, non superan os 60 decibeis.

Hai que ter en conta que todos os lugares teñen a súa situación, que tamén afecta aos rexistros. Por exemplo, os datos en San Caetano, en Santiago, tenden a aumentar nas noites de xullo, mentres que na zona do Campus aumentan máis en setembro e outubro, os primeiros meses de curso. En vilas máis pequenas, o ruído é menor, con valores que non superan os 52 decibeis durante o día e que, en moitos casos, están por debaixo dos 50. É o caso das Eiras, en Laza.

Foco de enfermidades

O ruído é o segundo factor máis importante de carga ambiental de enfermidades en Europa, só despois da contaminación do aire. A súa afectación na saúde é múltiple. Por exemplo, un estudo feito en 38 centros escolares de Barcelona, observou que o rendemento e a memoria dos nenos empeoraba segundo a cantidade de ruído rexistrado no lugar.

Estudos científicos indican que a exposición crónica ao ruído pode incrementar o risco de hipertensión e enfermidades cardíacas, ademais de contribuír a trastornos psicolóxicos como ansiedade e depresión. “A contaminación acústica asociada ao tráfico afecta de maneira negativa á saúde cognitiva dos nosos menores”, afirmaba Jon Andoni, director do Centro de Investigación Nebrija en Cognición, para Science Media Centre. Por iso, defende a necesidade de accións para reducir o ruído nas cidades, especialmente pola afectación que estas teñen para a xente moza e adolescente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do paraíso natural á extinción local: cando se perderon todos os esturións do río Miño

Seis décadas despois da desaparición dos sollos en Galicia, as administracións continúan sen aplicar un plan para recuperar a especie

Ter un peso adecuado pode ser máis importante que facer exercicio para evitar o risco de cancro

Un estudo da UVigo apunta a que a actividade física sería insuficiente para contrarrestar os efectos negativos de ter sobrepeso ou obesidade

Os nenos galegos son os que menos usan as pantallas durante a semana

Dificultades para concentrarse, para durmir ou para ler e escribir son algunhas das consecuencias da exposición temperá a novas tecnoloxías

Galicia prevé acabar coa hepatite C en 2026, catro anos antes da meta establecida pola OMS

O cribado galego implantado en xullo de 2023 permitiu a detección de 372 casos de infección activa e a realización de máis de 280.000 probas