O cribado de cancro colorrectal non supera o 50% de participación

O seguemento temperá dos sangrados e a realización dunha colonoscopia pode previr ata nun 90% a aparición de cancro en pacientes

Laboratorio.

O cancro colorrectal é o tumor maligno de maior incidencia no Estado e a segunda causa de morte por cancro. Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior incidencia e na área de Pontevedra detéctanse 1.000 novos casos ao ano. Con todo, o seu cribado non chega a alcanzar o 50% de participación, cando o seu obxectivo é detectar e extirpar pólipos antes de que se convertan nun tumor e evitar que o paciente chegue a ter cancro. O Servizo de Dixestivo do Hospital de Pontevedra fai un chamamento polo Día Mundial do Cancro para participar no cribado e reducir significativamente o risco de contraer a doenza.

En 2021 detectáronse no Estado 40.926 novos casos, dos cales o 60% foron homes e o 40% mulleres. A taxa de supervivencia a cinco anos para as persoas con cancro colorrectal é do 63%, pero detectado en estados precoces a supervivencia aumenta ao 90%. O 80% dos tumores orixínanse a partir dun pólipo, tumor benigno, similar a unha verruga que medra na superficie da mucosa do intestino e que adoita aparecer a partir dos 50 anos. Certos tipos de pólipos, os adenomas, pódense transformar en cancro ata nun 5% dos casos. O adenoma pode tardar uns dous ou tres anos en medrar ata un centímetro, e outros sete ou dez anos en transformarse nun cancro invasivo. Durante eses anos sangra de forma imperceptible.

Se se detecta este sangrado a través dun test de sangue oculto en feces e se somete o paciente a unha colonoscopia para extirpar estes pólipos, pódese previr ata nun 90% a aparición de cancro. No programa do Dixestivo de Pontevedra convídase aos maiores de 50 anos a facer un test de sangue oculto en feces cada dous anos ata os 69 anos. É unha proba moi sinxela e non invasiva que se fai no domicilio e se pode entregar no centro de saúde. Se se detecta sangue, convidarase ao paciente a facer unha colonoscopia na que se extirparán estes pólipos evitando que deriven nun tumor.

Resultados doutros cribados

En Galicia, tendo en conta os últimos datos dispoñibles sobre o “Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal” (resultados 2013 – 2020), a participación global media medida pola entrega total de test foi do 45%, sendo superior sempre entre mulleres (48,33%) que en homes (41,37%). Desde a posta en marcha do programa en Galicia en 2013 e ata 2020, realizouse o test de sangue oculto en feces a máis de medio millón de galegos, e foi positivo nun 6,81% de casos. Neste período realizouse colonoscopia a máis de 29.000 persoas: 5.183 tiñan adenomas de alto risco, 7.232 de risco medio e 6.691 de risco baixo. As taxas de lesión e cancros atopados sempre foron máis altas entre os homes. A escala poboacional o cribado reduce a aparición de cancro colorrectal nun 20% e a mortalidade nun 33%.

Biomarcador de cancro de colon

Recentemente un estudo internacional con participación galega descubriu un biomarcador en sangue que permite detectar o cancro de colon en etapas iniciais. Os investigadores Rafael López, do Insituto de Investigación Sanitaria (IDIS) e Ángel Díaz-Lagares, comentan que é un gran paso para o diagnóstico precoz. “Agora habería que facer ensaios clínicos para ver que proba é mellor, se esta que acabamos de descubrir ou as análises de sangue en feces, que son as que se veñen facendo ata o de agora”, contan. López cre que o novo biomarcador pode ofrecer resultados esperanzadores e presentar maior especificidade e sensibilidade que as probas que habitualmente se empregan para detectar este tipo de cancro.

A proba consistiría na detección da metilación do xene LINC00473 a través da biopsia líquida. Trataríase, así, dun cribado non invasivo do cancro colorrectal en persoas que aínda non presentan síntomas. Inicialmente, o custo desta proba non parece elevado, o que a convertería nunha ferramenta moi apropiada para o diagnóstico precoz. Ademais, e segundo sinalan tamén do Dixestivo de Pontevedra, a detección temperá do cancro supón un aforro para o sistema sanitario. O test de sangue oculto en feces custa uns 2 euros e unha colonoscopia uns 200 euros, fronte aos 27.000 euros que pode alcanzar o tratamento de cancro colorrectal.

1 comentario

  1. Haberia que difundilo mais nos medios informativos,e explicar sisxelamente o que e eo que poderia ser no futuro.
    O que ocurre penso eu que ainda hay moita xente que se guia por estereotipos,e pouca cultura ou fallade informacion,(sen animadversion).
    Eu apunteime o programa e estou mais animado,e tranquilo,e xa se encarga aS.S. de todo,avisos,controles etc.
    Saude a todos,e se algun incredulo lee isto decirlle que unha colonoscopia non e un film e algo moi serio a ter en conta a partir dunha idade.
    J.M.Oti.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.