Venres 19 Abril 2024

Na casa non, nos bares e parques si: o porqué das novas restricións de reunión

A transmisión da terceira onda, vinculada en boa parte a reunións en espazos privados, levou a Goberno e Xunta a restrinxir estes encontros sociais

O encaixe das medidas para conter a transmisión do SARS-CoV-2 é, por definición, controvertido. Conciliar a necesidade dos vínculos sociais despois dun ano moi complicado e o mantemento da actividade económica coa prevención cara a evitar novas vagas resulta un equilibrio que, moitas veces, parece incomprensible para parte da cidadanía. No marco da nova desescalada en Galicia, este venres entrarán en vigor novas medidas, como a ampliación do horario da hostalaría ata as 21 horas e a posibilidade de reunirse ata seis non conviventes no espazo público. Mais, ao mesmo tempo, e baseándose no acordado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde reunido a pasada semana, non se permitirán os encontros en espazos privados, nomeadamente os domicilios, de persoas que non sexan conviventes. Esta limitación, colide, na opinión de moitas persoas, coa maior permisividade na hostalaría e outros espazos, como o transporte público. Pero hai razóns epidemiolóxicas que teñen que ver co aprendido na terceira onda da pandemia, que en Galicia causou, desde comezos de 2021, é dicir, en dous meses e medio, máis de 900 falecementos. A primeira onda da primavera de 2020 provocou, en tres meses, 619 vítimas.

O risco no ámbito privado no Nadal

En Galicia non se adoitan facilitar datos sobre a orixe dos surtos de Covid-19 nas actualizacións sobre a pandemia. Si que se achegan, de cando en vez, nas comparecencias de prensa, algunhas informacións sobre a vixilancia epidemiolóxica dos mesmos. Por exemplo, ao comezo da segunda onda, en outubro, informouse de que o 90% dos brotes se estaban producindo en reunións familiares e de amizade. A comezos de xaneiro, segundo recolleu La Voz de Galicia, en áreas como a de Pontevedra-Salnés, 20 dos 21 brotes detectados estaban vinculados a encontros familiares.

Publicidade

A experiencia do Nadal marcou, sen dúbida, a decisión das autoridades sanitarias cara a inminente ponte de San Xosé e a Semana Santa, cun previsible aumento da mobilidade. Tal e como explicaba hai unhas semanas a GCiencia o profesor emérito da USC Juan Gestal, o relaxamento das medidas no Nadal, unido á maior capacidade de transmisión da variante B.1.1.7, provocou que as reunións do ámbito privado impulsasen un importante aumento de contaxios: “Non se actuou cando todos diciamos que había que tomar medidas restritivas, porque esta é unha enfermidade que se transmite por ‘supercontaxiadores’ e eventos de supertransmisión: reunións en lugares pechados, onde se baixa a garda, se quitan as máscaras, e pode haber persoas asintomáticas que transmitan aos outros”.

Así será a nova desescalada: volta aos catro niveis previos á terceira onda

Para Gestal, as reunións de Noiteboa, Nadal, Fin de Ano ou Aninovo causaron un “tren de eventos de supertransmisión” que estouraron durante xaneiro e febreiro, cun “impacto terrible e gromos que afectaron a familias enteiras con mortes de pais e fillos”.

Aínda que parte destes gromos estiveron tamén vinculados á maior actividade noutros ámbitos, como pode ser a hostalaría, os datos do Ministerio de Sanidad, que si recolle semanalmente a información sobre brotes, dan conta deste aumento de contaxios no ámbito privado. Foi notable o aumento do que se clasifican como brotes “que afectan a membros da mesma familia non conviventes”, que acadaron un cumio entre a primeira e a terceira semana de 2021. Nese tempo superaron mesmo aos definidos como “brotes mixtos”, que segundo o criterio de Sanidad se producen cando a transmisión se estende do “ámbito familiar a outros ámbitos, como o laboral, social ou educativo e en diferentes sentidos”.

Fonte: Ministerio de Sanidad.

Con todo, as limitacións que existen no rastrexo de brotes poden infraestimar a proporción da transmisión do ámbito privado e na hostalaría. Tal e como indica o informe de Sanidad, “exclúense na notificación aqueles que afectan unicamente aos conviventes nun mesmo domicilio”. E ademais, destácase que “o feito de que en certos ámbitos pode ser complicado identificar a fonte da infección e, por tanto, poden estar infraestimados, como por exemplo os brotes asociados a espazos de uso público e eventos ou lugares onde se reúnen persoas descoñecidas, particularmente en interiores”. Do mesmo xeito, o rastrexo “sobredimensiona aqueles ámbitos nos que se pode facer trazabilidade dos casos, como as residencias de maiores ou centros educativos, así como aqueles brotes que se producen entre familiares e persoas que se coñecen”.

Reunións en exteriores

Un dos aspectos que quedou nun segundo plano fronte ao balbordo xerado pola ampliación do horario na hostalaría, foi o aprobado no Consello Interterritorial da pasada semana, co único voto particular negativo da Comunidade de Madrid. O 11 de marzo publicouse no Boletín Oficial do Estado a resolución derivada daquel acordo. Establecía tres medidas de obrigado cumprimento. As dúas primeiras xa estaban vixentes (peche perimetral autonómico, agás Canarias e Baleares, e confinamento nocturno de 23 a 6 horas, que as comunidades poden modificar dentro dun marxe, como o caso de Galicia, que o adianta ás 22 horas).

Pero a terceira incluía novidades, derivadas do aprendido nas vagas previas: o acordo limita a conviventes as reunións en espazos privados, nomeadamente domicilios. Mais, pola contra, relaxábanse as restricións vixentes nos espazos públicos, tanto pechados como ao aire libre. Este aspecto é tamén relevante nun momento no que as condicións do tempo atmosférico son máis acaídas para reunirse no exterior e hai máis horas de luz.

A norma permite as reunións de ata un máximo de seis persoas non conviventes en exteriores (é dicir, nun parque, para pasear ou na terraza dun bar, por exemplo) ou de catro en espazos interiores (o interior dun restaurante). No caso de que os conviventes sexan máis de catro en interiores, ou de seis en exteriores, si estará permitido xuntarse.

O texto da propia resolución xustifica esta medida: “Estas propostas vense apoiadas pola información procedente dos estudos epidemiolóxicos sobre o comportamento da enfermidade, que indican que a maioría das infeccións se producen principalmente por contacto cercano e exposicións prolongadas, e que esta transmisión é moi superior en lugares pechados e con afluencia de moitas persoas, especialmente se non se observan as medidas de distanciamento e hixiene e prevención durante todo o tempo”.

Nesta liña, o maior esforzo de cumprimento das medidas e da vixilancia en sectores como a hostalaría, en aspectos como o uso da máscara en todo momento agás no consumo, así como a limitación de capacidade, permite un maior nivel de prevención ca  nos comportamentos do ámbito privado. Aínda que a meirande parte das persoas manteñan estas medidas, hai máis marxe para condutas de risco nunha porcentaxe dos casos nos domicilios.

Mais tampouco obvia a Xunta a relevancia económica do sector, que se menciona na propia orde do Plan de hostalaría segura, coa que se reforzan as medidas de prevención nestes espazos. “Cómpre considerar a importancia socioeconómica deste sector en Galicia e a súa contribución ao PIB galego e ao mantemento dos niveis de ocupación, tendo en conta que na nosa Comunidade existen case 23.000 restaurantes, bares e establecementos de aloxamento”.

O acordo estatal e a ampliación da Xunta: que di a norma?

O acordo do Consello Interterriorial aborda as festividades de San Xosé (entre o 17 e o 21 de marzo) e Semana Santa (26 de marzo a 9 de abril). É dicir, fóra destas marxes, rexerán as medidas que cada comunidade determine dentro do que permite o actual estado de alarma.

Mais segundo avanzou este mércores o presidente da Xunta, e recolleu posteriormente o Diario Oficial de Galicia, as restricións de reunión estenderanse, como mínimo, ata comezos da Semana Santa, cando serán revisadas en función da evolución epidemiolóxica. É dicir, non se levantarán este domingo 21, e seguirán vixentes durante toda a semana que vén.

Excepcións

Con todo, e a pesar da limitación das reunións nos domicilios, a normativa contempla diversas excepcións:

  • As persoas que viven soas: neste caso, poderán xuntarse con outra persoa que tamén viva soa, formando a chamada “unidade de convivencia ampliada”, que xa rexeu durante a terceira onda, cando non se permitían os encontros entre non conviventes.
  • A reunión de persoas menores de idade cos seus proxenitores, no caso de que estes non convivan no mesmo domicilio.
  • A reunión de persoas con vínculo matrimonial ou de parella cando estes vivan en domicilios diferentes.
  • A reunión para o coidado, a atención, a asistencia ou o acompañamento a persoas menores de idade, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A RAGC e a Xunta convocan os X Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

Cada categoría está dotada con 5.000 euros e o prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de abril

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Científicos galegos afondarán na conformación do Universo nun experimento con neutrinos

O IGFAE participará no deseño dun detector que interceptará feixes destas partículas para intentar explicar a asimetría entre materia a antimateria