Maréaste após unha resonancia magnética? Un estudo galego explica por que

Un grupo de investigación da Universidade de Santiago evidencia que o campo magnético da máquina despraza o fluído que existe no oído interno

A resonancia magnética de alto campo é unha poderosa ferramenta de diagnóstico pero, nalgúns casos, pode inducir efectos fisiolóxicos non desexados, como vertixe ou mareos. Para explicar que sucede ante esta proba que pode comprometer a comodidade das persoas pacientes, o grupo de investigación de Física Non Lineal da Universidade de Santiago (USC) liderou o deseño dun modelo matemático que evidencia como a clave destes efectos adversos atópase na estimulación do sistema vestibular que se sitúa no oído interno.

A hipótese de partida emerxe da forza de Lorentz, que xorde da interacción entre o campo magnético estático da resonancia e as correntes eléctricas no oído interno. Con todo, esta premisa non lograba explicar completamente os patróns de movemento ocular observados en persoas adultas sas.

Publicidade

Medir movementos oculares

O estudo explora estes efectos e proba se a hipótese da forza de Lorentz explica adecuadamente a estimulación vestibular magnética. Así, a validación experimental implicou medir os movementos oculares de fase lenta (horizontais, verticais e torsionais) en suxeitos sans expostos a diferentes intensidades de campos magnéticos e posicións da cabeza.

O traballo apoia empiricamente a hipótese da forza de Lorentz como unha explicación válida para a estimulación vestibular magnética, ofrecendo novos coñecementos sobre os efectos da resonancia magnética de alto campo no sistema vestibular. Estes achados proporcionan unha base para futuras investigacións e mellores prácticas clínicas. En concreto, os resultados indican que a estimulación inducida pola forza de Lorentz explica a variabilidade nos movementos oculares a través de diferentes intensidades de campos magnéticos e orientacións da cabeza.

Publicidade

“Crear máquinas máis potentes”

Tal e como explican dende o equipo investigador, “dentro do oído existe un fluído que ten unhas propiedades especiais que fan que sexa sensible ao campo magnético”. Cando nos sometemos a unha imaxe de resonancia, “o campo magnético despraza este fluído provocando unha resposta que non concorda coa realidade”. Nas máquinas que se empregan hoxe en día “non é algo prexudicial”, subliñan, “pero o obxectivo é crear máquinas máis potentes” que permitan obter unha mellor calidade na imaxe. “Pola nosa banda, o que pretendemos é que podamos utilizalas no futuro dunha maneira segura”, engaden os autores da investigación publicada en Communications Medicine.

Isto é precisamente o que están a desenvolver diversas empresas internacionais, moitas delas en Estados Unidos, onde xa se utilizan máquinas de resonancia máis avanzadas. O grupo de investigación da USC estableceu unha estreita colaboración coa Universidade de Johns Hopkins, en Baltimore, cuxa facultade de medicina e hospital gozan de amplo recoñecemento internacional no ámbito médico.

Grazas a esta alianza internacional, logrouse validar experimentalmente a capacidade do modelo matemático para explicar o que sucede ao expoñerse a máquinas de resonancia de alto campo magnético. Espérase que, nos próximos anos, esta investigación dea froitos tanto na prevención destes efectos como no desenvolvemento de novas terapias vestibulares.


Referencia: Modeling of magnetic vestibular stimulation experienced during high-field clinical MRI (Publicado en Communications Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos