Venres 19 Abril 2024

Manuel Carreiras: “Traballamos para detectar a dislexia antes da súa aparición”

O psicólogo galego acaba de ser recoñecido co Premio Nacional ‘Pascual Madoz’ de Investigación en Dereito, Ciencias Económicas e Sociais

En 1959 naceu en Castro Riberas de Lea (Lugo) Manuel Carreiras Valiña, un neno que, anos despois, se formaría como psicólogo na Universidade de Santiago de Compostela. Un doutorado na Universidade de La Laguna (Tenerife) e varios anos de colaboración internacional en países como Estados Unidos, Suecia ou Reino Unido enriquecerían a súa traxectoria académica. No ano 2008 comezaba o seu camiño como fundador e director do Basque Center on Cognition, Brain and Language (BCBL), que grazas ao seu labor converteríase nun dos mellores centros do mundo no seu ámbito. O neurocientífico acadou o Premio Euskadi de Investigación 2015; e hoxe, catro anos despois, é galardoado co Premio Nacional ‘Pascual Madoz’ de Investigación, debido ao interese e impacto social do seu traballo, en aspectos como a educación ou o tratamento da dislexia, que o xurado definiu como “extraordinario“.

– No ano 2016 situábase como o mellor investigador do País Vasco e agora da un paso máis nesta traxectoria, a nivel nacional. Que se sinte ao gañar un recoñecemento coma este?

Publicidade

– Supón un acicate moi importante para seguir traballando, e traballando non só eu, senón o equipo. Este é un premio que se singulariza no nome dunha persoa, pero hai moita xente detrás. Entón recibir este premio é un aliciente para seguir traballando pola ciencia e intentando que o que facemos mellore a calidade de vida da xente.

O xurado do Premio Nacional de Investigación destaca o interese e impacto social das súas investigacións; que exemplos pode poñer disto?

– Estamos traballando sobre a dislexia, un trastorno que padece o 10% da poboación; hai moitos nenos pequeños que teñen dificultades á hora de aprender a ler, e estamos investigando nesa dirección.

Outro exemplo é o que facemos cos pacientes con tumores cerebrais en áreas da linguaxe, que veñen facer o preoperatorio aquí. Dependendo do tipo de tumor deseñamos probas específicas para eles; logo vemos cales mostran unha activación arredor do tumor e metemos os datos na tablet. O día da operación dormen ao paciente e, unha vez aberto o cranio, espértano; nós presentamos os estímulos desa proba mentres os cirurxiáns fan o seu traballo, e o paciente ten que facer determinadas tarefas.

Hai unha importante carga de traballo que vén dos nosos coñecementos e da investigación básica, e que fai que estes pacientes saian do quirófano mellor do que entraron.

– No ámbito da saúde hai entón aplicacións que realmente cambian a vida da xente?

– Evidentemente. Hai dous frentes importantes onde temos transferencia á sociedade. Un é a educación, como clínica que creamos para o diagnóstico da dislexia, e obviamente está a saúde. Aquí temos a transferencia dos coñecementos para axudar aos neurocirurxiáns.

“A dislexia, se non é detectada a tempo, pode crear un círculo vicioso”

– E nesta liña, que consecuencias pode ter a dislexia se non é detectada a tempo?

– A dislexia, se non é detectada a tempo, provoca que ese neno pense que é diferente: os demais aprenden a ler, e a el cústalle moito. Nesas idades algúns pequenos son moi crueis, e xa din que ese rapaz “é tonto”; créase un círculo vicioso, e o neno xa non quere seguir lendo nin facer os deberes. Aí hai un caldo de cultivo importante para o fracaso escolar. No que estamos traballando nós é na posibilidade de atopar biomarcadores que axuden a diagnosticar este trastorno antes da súa aparición, mediante unha serie de probas con nenos de prescolar. Así se poden deseñar terapias específicas para que ese pequeno non sufra esta situación.

– Hai xa anos que comezou no proxecto Ikerbasque cunha perspectiva de futuro prometedora, pero que se sente realmente chegando a ser un referente europeo?

– Unha gran satisfacción, porque a xente que hai aquí foi seleccionada cuns estándares profesionais moi altos; e están traballando moi ben e moi a gusto. Vemos que vamos encaixando todo para poder entender os aspectos relacionados coa linguaxe. É un proxecto apaixonante, e ves como xente nova e preparada tira do carro para conseguir que sexa un centro de referencia.

A aprendizaxe doutras linguas

– Vostede é un dos referentes no estudo dos cambios no cerebro cando aprendemos un idioma novo. Que sucede no noso cerebro cando aprendemos outra lingua?

– Evidentemente póñense en marcha os circuítos que soportan a lingua materna, que cambian coa adquisición dunha segunda lingua; e cambian de forma distinta cando se aprende de pequeño ou de maior, ou de se é similar ou non ao idioma que un xa fala. Depende de moitas variables, pero igual que cambia ao adquirir outra habilidade cognitiva, aprender unha segunda lingua provoca cambios importantes no cerebro.

– Unha persoa que sabe castelán e galego está máis preparada para aprender outra lingua?

– Esta é unha pregunta que vexo que me fan moitas veces en conferencias, e agora mesmo estámola abordando. Dentro dun ano estarei en disposición de dicirche se realmente ser bilingüe ten algunha vantaxe á hora de aprender outro idioma.

“Dentro dun ano estaremos en disposición de saber se ser bilingüe ten unha vantaxe para aprender outro idioma”

– Proxecto de futuro, entón. En que outros está involucrado agora mesmo?

– De futuro non, de presente; non é unha pregunta fácil porque hai moitas variables implicadas, pero niso estamos. E hai un montón de proxectos en marcha: estamos dedicando moitos esforzos ao paciente esperto do que falabamos antes e á dislexia. Pero tamén estamos traballando moito co envellecemento: temos un proxecto potente para ver en que medida un adestramento cognitivo de distintas áreas produce cambios importantes no cerebro, e canto tempo duran eses cambios. Basicamente son esas as tres liñas de traballo: a lectura, o bilingüismo e a neurodexeneración.

O galego Manuel Carreiras gaña o Premio Nacional de Investigación

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Moitos adultos sofren TDAH sen sabelo: como detectalo e facerlle fronte

Os estudos apuntan a que a frecuencia do trastorno roldaría o 3%, aínda que a maioría da poboación permanece sen diagnóstico

Os galegos de entre 18 e 34 anos, dos que menos dormen a sesta

Así o conclúe o novo estudo sobre os trastornos do sono en España, que apunta tamén que son os segundos que máis traballan de noite

A galega que deseñou un sistema para predicir xaquecas: “Temos unha taxa de éxito do 75%”

A neuróloga galega Ana Gago acaba de recibir o premio Cefaleas por un dispositivo capaz de predicir unha crise con 30 minutos de antelación

Podemos controlar o que soñamos? Isto é o que di a ciencia

A consciencia de estar soñando é unha experiencia bastante común que incluso se pode adestrar a través de terapias cognitivas