O equipo de enfermaría que está desenvolvendo a campaña de vacinación contra a Covid-19 nas residencias de persoas maiores en Galicia superou onte o rexistro das 30.000 persoas vacinadas coa primeira dose do antídoto de Pfizer-BioNTech. Deste xeito, máis do 1% da poboación recibiu a primeira das dúas inxeccións coas que quedará inmunizada (a vacina asegura nos ensaios clínicos unha eficacia superior ao 90% para os síntomas graves da doenza).
O ritmo de vacinación en Galicia está a ser dos máis ‘rápidos’ de España, xa que o Servizo Galego de Saúde conseguiu administrar máis dun 80% das vacinas recibidas ata a pasada semana (37.555), e segundo afirmou o presidente da Xunta, o sistema ten capacidade para ir incluso máis rápido. Está previsto que estes días chegue a nova remesa de vacinas, á que se sumará tamén proximamente o primeiro envío do antídoto de Moderna, aprobado a pasada semana pola Unión Europea. O ritmo, por agora, está sendo máis lento do agardado en boa parte de España. En Madrid, por exemplo, só se administrou unha de cada catro doses.
Á lentitude na administración do antídoto súmase a preocupación polo impacto da terceira onda, cuxos rexistros nos últimos días apuntan a unha gravidade maior cá de outubro-novembro. Os casos activos nas residencias de maiores en Galicia (arredor de 400 entre traballadores e usuarios) preocupan tamén á Administración, xa que a inmunización que outorgan as vacinas non se percibirá ata unha semana despois da segunda dose. Deste xeito, o efecto só se verá a finais de febreiro ou comezos de marzo na meirande parte destes centros. Unha vez cuberto este grupo, comezarase a administrar a primeira dose a persoal sanitario en primeira liña, como o caso da atención primaria.
Vacina de Oxford-AstraZeneca
Ás vacinas xa aprobadas pola Axencia Europea do Medicamento (EMA) sumarase nas vindeiras semanas a de Oxford-AstraZeneca. O pasado venres, a EMA anunciou que agarda concluír a avaliación da información solicitada a finais de xaneiro. A Unión Europea reservou 400 millóns de doses desde antídoto, dos que 31,5 corresponderán a España.














