Venres 19 Abril 2024

A inmunidade protectora contra o SARS-CoV-2 dura, canto menos, oito meses

Unha investigación realizada nos Estados Unidos expón que a gran maioría das persoas infectadas desenvolven defensas contra un novo ataque do virus

A duración da inmunidade fronte á infección do SARS-CoV-2 e, por tanto, ante a enfermidade que causa, a Covid-19, é un dos puntos clave no control da actual pandemia. Xa non só no tempo que pasa despois da infección, senón, coa chegada das vacinas, coñecer aproximadamente o rango de protección que estas ofrecen é un aspecto esencial. Nestes últimos meses xurdiron novas sobre algunhas reinfeccións, pero semella que a meirande parte das persoas que se infectan co coronavirus desenvolven no seu organismo unha defensa contra el. Como é lóxico, e ao tratarse dun virus de recente propagación polo mundo, non hai resultados da inmunidade desenvolvida a longo prazo, pero algúns estudos xa amosan evidencias no tempo no que transcorreu a pandemia. É o caso dunha investigación desenvolvida no Instituto de Inmunoloxía La Jolla, en California (EUA), onde se expón que os pacientes afectados pola Covid-19 desenvolven no seu sistema inmunolóxico unha resposta adaptativa ao SARS-CoV-2, co que poden combater novas infeccións ata, polo menos, oito meses despois do contaxio inicial.

Os achados, publicados na revista Science, analizan as mostras de sangue de 188 pacientes de Covid-19. “Os nosos datos suxiren que a resposta inmune está aí e permanece, expón o profesor Alessandro Sette, do Instituto La Jolla. Outro dos autores do traballo, Shane Crotty, engade que “é o estudo máis grande xamais realizado para calquera infección aguda que mediu os catro compoñentes da memoria inmunolóxica“, isto é, os propios anticorpos, as células T auxiliares, as células T asasinas e as células B de memoria”.

Publicidade

O estudo consolida a evidencia arredor deste aspecto e axuda a aclarar algúns datos sobre a Covid-19 obtidos noutros laboratorios, onde se observaba unha caída importante de anticorpos nos meses posteriores á infección. Estes resultados facían temer que a inmunidade desaparecese e, por tanto, o organismo puidese ser vulnerable de novo.

Alessandro Sette engade que unha diminución dos anticorpos é normal, pero que isto non leva necesariamente a unha perda da inmunidade protectora. “A resposta inmune diminúe co tempo ata certo punto. Ten unha primeira fase de aumento e despois contráese un pouco e chega a un punto estable”.

Con todo, os investigadores atoparon que os anticorpos específicos contra o SARS-CoV-2 quedan durante meses. O organismo dispón tamén das células B de memoria, que están listas ante unha posible nova exposición e son capaces de reactivarse e producir de novo anticorpos.

Para atopar isto, o equipo buscou as células B que eran específicas para a proteína S (‘spike’) do SARS-CoV-2, e atopáronas seis meses despois da infección. Ademais, as persoas que superaron a Covid-19 tiñan tamén un ‘exército’ de células T auxiliares e células T asasinas listas para combater unha reinfección.

Segundo explican os autores, as distintas partes do sistema inmunolóxico adaptativo traballan xuntas, polo que ver os seus diferentes compoñentes meses despois da infección “é un bo sinal”. “Isto implica que hai unha boa probabilidade de que as persoas teñan inmunidade protectora, poli menos contra as formas graves da enfermidade, durante ese período de tempo, e probablemente moito máis alá”, di Shane Crotty.

Con todo, advirten que a inmunidade protectora varía de forma drástica dunha persoa a outra, ata nun rango de 100 veces na magnitude da memoria inmunolóxica. Isto pode significar que as persoas cunha memoria protectora máis feble poden padecer no futuro unha reinfección ou ser propensas a infectar a outras. Do mesmo xeito destacan que “non se poden sacar conclusións directas porque os mecanismos de inmunidade protectora contra o SARS-CoV-2 aínda non están definidos nos seres humanos”.

Vacinas

Outro dos aspectos esenciais é o da vacinación xa en marcha contra a pandemia. Por agora sábese que os antídotos aprobados teñen unha alta eficacia (superior ao 90% na maioría dos casos) nos ensaios clínicos realizados. Mais non se coñece con exactitude a duración desta protección. É posible, por exemplo, que se teñan que producir, como acontece coa gripe, vacinas cada temporada para adaptarse aos posibles cambios do virus.

Con todo, os achados do traballo do Instituto La Jolla parecen ser un bo sinal sobre as vacinas en desenvolvemento. “É posible que a memoria inmunolóxica sexa igualmente duradeira despois da vacinación, pero teremos que esperar a ter os datos”, expón outra das autoras, Daniela Weiskopf. “Meses atrás, os nosos estudos amosaron que a infección natural inducía unha forte resposta inmunolóxica, e este estudo mostra agora que esta resposta é duradeira. Os estudos sobre as vacinas están na súa fase inicial, e ata agora asociáronse tamén cunha protección forte. Estamos esperanzadas en que tamén xurda un patrón semellante nas respostas inducidas polas vacinas”, conclúe Weiskopf.

O traballo continuará durante os vindeiros meses para rastrexar a evolución da resposta inmunitaria. “Estamos facendo tamén análises moi detalladas sobre que partes do virus son recoñecidas polo organismo, polo que planeamos avaliar a resposta non só despois da infección, senón tamén da vacinación”, engade Alessandro Sette. Este mesmo equipo tamén investiga as posibles diferenzas entre as persoas de distintas idades e como isto pode influír na gravidade da Covid-19.


Referencia: Immunological memory to SARS-CoV-2 assessed for up to 8 months after infection (Publicado en Science).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha terapia combinada é eficaz en ratos con linfoma B agresivo

Un equipo da Universidade Complutense de Madrid busca fármacos máis específicos para aumentar a supervivencia dos pacientes

As embarazadas transfiren anticorpos que protexen durante uns meses ao bebé de covid-19

Investigadores españois demostran que a protección diminúe de forma progresiva nos primeiros seis meses de vida

Unha empresa galega alíase cunha biofarmacéutica suíza para desenvolver terapias contra cancros incurables

SunRock Biopharma, participada pola Xunta, e Debiopharm, asócianse para avanzar en anticorpos conxugados a fármacos

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes