O sistema inmunitario protexe ás persoas de milleiros de microbios diferentes que intentan invadir os nosos corpos. Todos eles contan cunha aparencia distinta e, moitos, desenvolveron semellanzas coas células humanas, a modo de camuflaxe. Entón, como determina o sistema inmunitario o que debe atacar e o que debe defender? Pois unha das claves son as células T, que evitan que as células inmunes ataquen o propio corpo. Un descubrimento de Mary E. Brunkow, Fred Ramsdell e Shimon Sakaguchi que, este luns, foi galardoado co Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina 2025. Así o decidiu o Instituto Karolinska de Estocolmo (Suecia), por identificar os denominados “gardas de seguridade do sistema inmunitario”.
“Os seus descubrimentos foron decisivos para comprender como funciona o sistema inmunitario e por que non todos desenvolvemos enfermidades autoinmunes graves”, asegura Olle Kämpe, o presidente do Comité dos Nobel. Estes avances teñen a súa orixe en 1995. Naquel momento, moitos investigadores estaban convencidos de que a tolerancia inmune só se desenvolvía mediante a eliminación no timo das células inmunes potencialmente perigosas, a través dun proceso denominado tolerancia central.
Con todo, Sakaguchi fixo unha proposta diferente. Así, demostrou que o sistema inmunitario é máis complexo, polo que descubriu unha clase descoñecida de células que protexen o corpo das enfermidades autoinmunes.
Tres décadas de avances
Mary Brunkow e Fred Ramsdell fixeron o outro descubrimento clave en 2001, cando presentaron a explicación de por que unha cepa específica de rato era particularmente vulnerable ás enfermidades autoinmunes. Descubriran que os ratos teñen unha mutación nun xene ao que chamaron Foxp3. Tamén demostraron que as mutacións no equivalente humano deste xene causan unha grave enfermidade autoinmune, IPEX.
Dous anos despois, Shimon Sakaguchi puido vincular estes descubrimentos. Probou que o xene Foxp3 rexe o desenvolvemento das células que identificara en 1995. Estas, agora coñecidas como células T reguladoras, supervisan outras células inmunes e aseguran que o noso sistema inmunitario tolere os nosos propios tecidos.
As descubertas dos laureados provocaron moitos avances no campo da tolerancia periférica e impulsaron o desenvolvemento de tratamentos médicos contra o cancro e as enfermidades autoinmunes. Isto tamén podería levar a transplantes cunha maior taxa de éxito. Varios destes tratamentos están actualmente en ensaios clínicos.














