O sistema inmune en conxunto restrinxe a evolución dos virus

Un equipo do CSIC e da Universitat de València desvela que non son as defensas específicas as encargadas de limitar a virulencia dos patóxenos

Despois de dous anos de pandemia, unha gran parte da poboación galega xa se infectou de coronavirus. De feito, houbo quen contraeu varias veces a enfermidade. No lado oposto están aqueles que nunca se contaxiaron de SARS-CoV-2. A que se deben estas diferenzas? Un estudo realizado polo Instituto de Biología Integrativa de Sistemas (I2 SysBio), centro mixto do CSIC e da Universitat de València, tratou de dar unha resposta. Os resultados apuntan a que é o sistema inmunitario no seu conxunto, e non as defensas específicas de forma illada, quen restrinxe a diversidade e a evolución viral. A investigación acaba de publicarse na revista Nature Ecology and Evolution.

Ademais, o traballo serve para mellorar a comprensión de como diferenzas xenéticas en poboacións de hóspedes, en canto a resistencia á infección, afectan á evolución da virulencia dos patóxenos virais. Na investigación, ademais dos centros mencionados, tamén colaborou o equipo liderado por Carla Saleh, do Instituto Pasteur, en París.

Publicidade

“En primeiro lugar, observamos como o virus optimizaba a súa capacidade de reproducirse e infectar ao xenotipo do hóspede no que estaba a evolucionar dunha maneira altamente específica, dependendo do roteiro de sinalización e da resposta á infección afectada en cada caso”, explica Santiago F. Elena, científico do CSIC que dirixe o grupo de Virología Evolutiva e de Sistemas do I2 SysBio. “Ademais, vimos que a adaptación ao hóspede ocorría cunha diminución da virulencia, o que suxire que hóspedes inmunodeprimidos exercen unha presión de selección débil sobre as poboacións virais, permitindo que variantes do virus pouco agresivas poidan persistir na poboación”, continúa.

Un modelo experimental

Para levar a cabo o estudo, o equipo empregou un modelo experimental formado pola mosca do vinagre (Drosophila melanogaster) e o seu patóxeno natural, o virus C. Empregando unha colección de xenotipos da mosca con mutacións en distintos roteiros de sinalización e resposta á infección, o equipo de investigación elaborou un experimento de evolución do virus, caracterizando a virulencia, o proceso polo que se desenvolve a enfermidade (patoxénese) e a variabilidade xenética dos virus resultantes. Tamén estudaron que forzas evolutivas (mutación, selección natural e azar) rexen a evolución do virus C en cada xenotipo da mosca.

Publicidade

Predicir a evolución de virus en poboacións

Por último, o equipo observou que a cantidade de variabilidade xenética acumulada polas poboacións do virus, así como as mutacións que acumulaba o virus no seu xenoma, dependían do xenotipo preciso do hóspede. “Globalmente, os nosos resultados indican que é o sistema inmunitario innato no seu conxunto, e non os roteiros de sinalización e defensa específicas de forma illada, quen restrinxe a diversidade e evolución viral”, resume Santiago Elena.

Este achado ten consecuencias para os tratamentos antivirais? Segundo o investigador do CSIC, os fármacos antivirais actúan sobre o propio virus ou sobre a súa interacción coas células (bloqueando a súa entrada, por exemplo), non sobre o sistema inmune. “O noso sistema inmune ten dous compoñentes, o innato e o adaptativo. O que estudamos aquí son os roteiros innatos máis importantes en invertebrados. O noso sistema adaptativo con memoria estimúlase con infeccións naturais e, como é ben sabido, coas vacinas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

Un modelo da UDC simula como se comportará a rótula tras unha operación de prótese de xeonllo

A ferramenta desenvolvida no CITENI permite comparar diferentes escenarios cirúrxicos e adaptados ás características de cada paciente