Venres 26 Abril 2024

Días clave para conter a pandemia: será a terceira onda peor que a segunda?

O rápido aumento da transmisión do virus en Galicia, España e Europa avanza unha nova escalada de medidas nas vindeiras semanas

Imos pasar semanas complicadas“, expuxo este luns o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón. Día a día, a medida que comezan a agromar os casos de Covid-19 derivados do levantamento de parte das restricións no Nadal, a terceira onda dispárase a máis velocidade. Os datos difundidos este luns polo Ministerio de Sanidad expoñen a gravidade da situación: as novas infeccións acadan máximos mesmo superiores nalgunhas áreas aos de outubro e novembro, ao tempo que os hospitais (13,77% de camas ocupadas por pacientes de Covid-19) e as UCI (26,13%) aínda manteñen unha importante carga asistencial en España.

En Galicia, que se mantén como a autonomía con menor ocupación hospitalaria (7,82% de camas e 14,29% de UCI), e cuxa incidencia volveu ser das máis baixas na segunda onda, parece que a terceira acometida do SARS-CoV-2 podería resultar máis grande cá do outono. Por agora, a ‘curva’ está en ascenso e non chegou ao cumio, pero a base máis alta da que se partía, sen superar totalmente o impacto da segunda onda, podería agravar a evolución nas vindeiras semanas. Hai varios indicadores que así o apuntan:

Publicidade

Casos novos

Nos últimos días (e á espera de que o retraso na notificación dos últimos positivos se engadan á serie), Galicia xa superou dúas veces a cifra dos 700 casos diarios, un dos máximos acadados na onda do outono. E tamén medra a taxa de positividade (o número de casos detectados respecto ao total de probas PCR), que despois dun mes entre o 3 e o 6% (moi preto das recomendacións que establece a OMS), medrou nas últimas xornadas á contorna do 10%.

Os datos que achega o Ministerio de Sanidad, e que reflicten a incidencia acumulada (IA) nos últimos 14 días por cada 100.000 habitantes, seguen sendo máis baixos en Galicia por mor do menor número de casos detectados na última semana de 2020 e a primeira de 2021, pero o aumento podería facer que se superase o nivel do 6 de novembro, cando Sanidad informou de que a IA de Galicia nas dúas semanas anteriores era de 339,06. Este 11 de xaneiro subiu aos 297,86, fronte aos 243,12 do venres 8. En España a IA disparouse de 350,48 a 435,62.

Casos diagnosticados nos 14 días anteriores en Galicia segundo a data de notificación. Fonte: Ministerio de Sanidad.
Casos diagnosticados nos 14 días anteriores en Galicia segundo a data de notificación. Fonte: Ministerio de Sanidad.

A evolucíón é, con todo, distinta en cada área sanitaria. A Coruña e Santiago xa teñen cifras peores que no cumio da onda de outono, mentres que o crecemento é máis contido en Pontevedra, Vigo, Ferrol, Lugo e Ourense. Con todo, é posible que nos vindeiros días este limiar se rache nalgunha área máis.

 

Os hospitais

Unha das preocupacións do persoal sanitario é un aumento da ocupación de camas por mor da Covid-19. No inverno, a carga asistencial adoita ser maior pola complicación de patoloxías crónicas, polo que un incremento rápido de ingresos pola actual pandemia é un aspecto a ter moi en conta.

Os datos do luns reflicten un empeoramento deste indicador, e xa preto de 470 dos casos activos de Covid-19 en Galicia están ingresados. Este valor medra, ademais, cuns días de retraso respecto ao aumento de novos casos, por mor do agravamento de infeccións detectadas previamente.

Falecementos

En último termo, algunhas das persoas que son hospitalizadas por Covid-19 e, nalgúns casos, que son atendidas nas residencias sociosanitarias, sofren un agravamento que acaba conlevando á morte. Son 1454 os falecementos de pacientes infectados co coronavirus desde marzo de 2020.

Casos activos

En atención a esta variante, que indica o número de persoas baixo vixilancia por infección do coronavirus, a liña dos últimos días leva unha tendencia moi semellante á de finais de outubro e comezos de novembro. Naquel momento partíase, con todo, dunha cifra máis baixa cá nase da que se saíu a finais de decembro ata estes días.

Os rexistros acadados noutras partes de Europa incrementan a preocupación sobre a evolución desta terceira onda en Galicia e España. O crecemento exponencial en Irlanda ou Reino Unido e a incerteza que se mantén sobre a posible maior contaxiosidade da variante detectada nas Illas Británicas, xunto a outros factores, impide predicir cal será o impacto da nova vaga do SARS-CoV-2. Con todo, Fernando Simón expuxo este luns que o impacto desta variante na transmisión, canto menos en España, é polo momento “marxinal”.

Volta ao peche da actividade non esencial?

O actual rango de restricións establecido pola Xunta na segunda desescalada a comezos de decembro podería mudar nos vindeiros días. Este martes reúnese o comité clínico, e estarán presentes os datos que evidencian o empeoramento da pandemia. “Non imos pechar o 100% de toda a hostalaría na comunidade autónoma, agora ben, hai cidades con situacións límite de incidencia de coronavirus nas que perigan os actuais horarios da hostalaría”, expuxo este luns o presidente da Xunta de Galicia, que este domingo recoñecía nunha entrevista coa Cadena Ser que “tería sido mellor non celebrar reunións familiares no Nadal“, diante do levantamento das restricións impulsado polo Goberno galego de acordo ao pactado no Consello Interterritorial. Na mesma liña se manifestaba o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha entrevista con elDiario.es. “Asumimos a responsabilidade de non ser máis estritos nas medidas do Nadal”, dixo o responsable da consellería.

Antes disto, nunha entrevista coa Radio Galega, García Comesaña expuxo a posibilidade de volver establecer o coñecido como “modelo O Carballiño, co que a finais de outubro se pechou toda a actividade non esencial neste municipio. Este modelo, que despois rexeu durante un mes nas sete cidades galegas e máis de medio cento de concellos, tivo consecuencia o descenso de casos, pero causa tamén un notable impacto económico. Porén, a evolución negativa nalgunhas áreas e concellos concretos podería acabar impulsando esta decisión, ademais de novos peches perimetrais. Este luns eran xa 93 os concellos galegos con 20 ou máis casos notificados nos últimos 14 días. E moitos municipios, sobre todo na provincia da Coruña, pero tamén no norte de Lugo e o sur de Ourense, superan a incidencia acumulada de 250 casos/100.000 habitantes neste tempo.

Así está o mapa actual de restricións.

Vacina: máis do 1% da poboación recibiu a primeira dose

A terceira onda avanza ao tempo que se estende a vacinación nos grupos prioritarios establecidos na estratexia anunciada por Goberno e Xunta en decembro. Este luns, segundo informou Sanidade, superáronse as 30.000 doses administradas do antídoto, o que supón que máis do 1% da poboación galega (2,7 millóns) xa recibiu a primeira dose. Nun rango de 21 días administrarase a estas persoas a segunda das doses.

O envío da nova remesa permitirá esta semana continuar coa vacinación. A intención da Xunta de Galicia é completar a aplicación da primeira das inxeccións a todos os residentes en centros de maiores a finais de xaneiro. Porén, a inmunización non se acada ata unha semana despois da segunda dose, polo que o risco se manterá neste colectivo, canto menos, ata finais de febreiro. Segundo os datos da Xunta, hai importantes brotes na actualidade en residencias de Vimianzo, Ribeira, A Pastoriza, Ribadeo, Xove, Verín e Tui.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes