Sábado 20 Abril 2024

Forestais de Pontevedra investiga novos disolventes non contaminantes

Partindo da síntese de compoñentes químicos de orixe biolóxica e non contaminantes, realizáronse xa as primeiras probas cun éster sintetizado no laboratorio

Os procesos de pintado ou vernizado que se aplican aos produtos xerados pola industria da madeira obrigan ao uso de disolventes, como o hexano ou a acetona, cuxo principal problema é que emiten á atmosfera unha elevada cantidade de compostos orgánicos volátiles (COV). Atopar alternativas de orixe natural coas que xerar disolventes non contaminantes que sexan aplicables aos múltiples procesos de transformación que se levan a cabo nesta industria é o obxectivo dunha liña de traballo impulsada pola profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Ángeles Cancela. “Estamos traballando na obtención de disolventes que poidan ser empregados neste tipo de industrias e que emitan baixa cantidade de COVS”, salienta.

As primeiras probas foron realizadas “mesturando alquilato de aceites naturais obtidos no laboratorio con outras substancias de orixe natural, como pode ser o limoneno ou o ácido láctico” e os produtos resultantes resultaron, sinala a subdirectora da EE Forestal, “máis efectivos que os disolventes tradicionais” na súa aplicación sobre pinturas.

Publicidade

O obxectivo desta liña de traballo, explica Cancela, “é realizar a síntese de disolventes que apenas emitan COVS”, como sería o caso deste éster, e comparalos con disolventes tradicionais” en procesos como a aplicación ou a retirada de pinturas ou vernices sobre a madeira. “O que fixemos foi obter no laboratorio un produto que é a base para a creación dun novo disolvente e comprobar que funciona”, sinala Cancela.

Partindo das probas realizadas inicialmente por esta docente do Departamento de Enxeñaría Química, este produto foi posto a proba pola egresada Carla Martínez no seu traballo de fin de grao, no que comparou a súa efectividade sobre dous tipos de pintura, comparándoa á súa vez coa do hexano e a acetona. Concretamente, explica Cancela, o estudo abrangueu tanto a súa aplicación directa como en combinación “con pequenas proporcións doutras substancias de orixe natural, como limoneno, que se extrae dos aceites das cáscaras dos cítricos, e ácido láctico”.

Seguindo os procesos empregados nas empresas químicas para coñecer o grao de efectividade dun disolvente, que pasan por medir “o tempo que tarda en arrastrar” a pintura, neste caso nunhas probetas realizadas para este estudo no laboratorio de química da escola, o traballo de Martínez Ucha permitiu comprobar como este produto se amosaba “máis efectivo que os disolventes tradicionais”. Das concentracións testadas, explica, “as máis efectivas para a súa aplicación sobre cristal e verniz en húmido son a mestura o 50% de ésteres de ácido láctico con alquilato dun ácido graxo natural o 50 % e a mestura de limoneno o 25 % con alquilato do ácido graxo natural o 75 %”, ambas, explica, cun “promedio de descolgue”, a porcentaxe de pintura retirada, do 100%.

Primeiros resultados, moito traballo por diante

O TFG de Martínez permitiu nese senso realizar as “primeiras probas de laboratorio” con este “disolvente verde”, neste caso, con dous tipos de pintura, unha delas acrílica, así como con vernices que se empregan na industria da madeira. Mais, como lembra Cancela, “hai milleiros de composicións de pintura” neste sector, o que fará necesarias novas probas, así como coñecer tamén “como funciona co resto de substancias e acabados da madeira”.

Do mesmo xeito, esta liña de traballo pasa tamén pola na síntese e posta a proba “de diferentes disolventes verdes”. De feito, un dos traballos de fin de grao propostos para o presente curso na EE Forestal estará centrado no estudo das “microemulsións” como disolvente para pinturas en madeira e vernices. Nese senso, Cancela lembra que, “desde hai tempo estamos intentando facer traballos na escola que teñan que ver coas transformacións químicas da madeira”, de acordo coa liña estratéxica do centro de traballar no desenvolvemento de novos produtos a partires de procesos ambientalmente sostibles. Nesa idea, esta iniciativa, sinala, supuxo “ir un pouco máis aló, mesturando o forestal co químico”, tendo en conta os múltiples tratamentos aos que se somete a madeira nos procesos industriais.

Aquí podes ler a nova no DUVI

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña
00:00:21

A galega Ana Ulla participa no achado do buraco negro estelar máis masivo da Vía Láctea

O denominado ‘xigante durmido’ ten unha masa de case 33 veces a do Sol e está a menos de 2000 anos luz da Terra

A UVigo lanza unha serie de podcast para concienciar sobre as doenzas cardiovasculares

As actividades, organizadas dentro do plan 'Ciencia de ida e volta', inclúen charlas en colexios e institutos

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos