Galicia afronta unha nova semana da desescalada, na que se poderían tomar medidas para relaxar as restricións causadas pola Covid-19 en sectores como a hostalaría. Este martes, o comité clínico que fai seguimento da pandemia reúnese nun momento no que continúa a tendencia descendente no territorio. Porén, a situación dalgúns concellos e, en especial, a maior incidencia que se mantén na área sanitaria da Coruña, poderían condicionar as decisións.
Desde hai dúas semanas, Sanidade amosa a evolución da Covid-19 a 7 e 14 días na súa actualización diaria. Isto, segundo o avanzado polo presidente da Xunta e responsables da consellería, ten por obxectivo conter de forma precoz a posible transmisión das variantes de especial preocupación, como B.1.1.7, que xa é maioritaria nos novos casos rexistrados. Este indicador, ao tempo, é tamén un sinal de mellora da situación, xa que este luns, máis da metade dos concellos galegos (170 de 313) figuraban sen casos na última semana. Nos últimos 14 días, a cifra descende ata 130. Na outra banda, apenas 22 concellos (entre eles as sete grandes cidades) rexistran máis de 10 casos na última semana.
Así está o mapa, co código de cores indicando a incidencia acumulada nos últimos 14 días:
A peor situación coincide, en boa medida, cos concellos afectados actualmente polos maiores niveis de restricións. En nivel máximo están, desde a medianoite do domingo 14 ao luns 15, os municipios de Boborás, A Mezquita, Vilardevós, Pontecesures e Paradela, e en nivel alto fican Sobrado, Soutomaior, Arteixo e Chantada. Ademais, o comité clínico acordou o venres manter especial vixilancia en Bóveda, Castroverde, Carballeda de Avia, Coles, Leiro e Maside.
A eles hai que sumar Silleda, xa que nunha residencia de maiores da localidade se detectou un brote con 33 usuarios afectados, case todos eles asintomáticos, despois de recibir as dúas doses da vacina. Segundo sinalan desde Sanidade, é de agardar que se produza algún surto, toda vez que a eficacia das vacinas, aínda que moi alta, non chega ao 100%, e a inmunización non evita a replicación do virus nas vías respiratorias superiores, aínda que si é quen de frear as infeccións máis graves na gran maioría dos casos.
Deste xeito, só Vilardevós e Paradela superan a incidencia de 500 casos/100000 hab. a 14 días. Outros nove sitúanse entre 250 e 500. Preocupa a evolución da contorna da Coruña, xa que ademais da elevada incidencia na cidade (case 500 casos no que vai de mes e unha incidencia arredor de 200), Arteixo rexistrou desde o 28 de febreiro máis de 80 novos casos. Porén, obsérvanse mellores evolución en Boborás ou A Mezquita, que xa non rexistran ningún caso, como mínimo, desde o pasado 7 de marzo.
Freo no descenso
Despois de máis dun mes de progresivo descenso en diversos indicadores, como os de novos positivos por Covid-19, a situación parece transitar cara a unha chaira na incidencia. Este luns mantense arredor dos 82 casos/100000 habitantes nos últimos 14 días e sobre os 42 a sete días, o que indica unha leve repunta na última semana.
A situación nos hospitais segue mellorando paseniño, aínda que, como adoita acontecer despois das fins de semana por mor da menor concesión de altas, estabilízase este luns. Porén, a pesar de que a cifra de casos activos é menor que no repunte observado a partir de setembro, os efectos da terceira onda seguen sendo patentes nos hospitais, cunha maior ocupación que a finais de verán, e mesmo por riba da ‘chaira’ entre a segunda e terceira onda. Pode verse nestas dúas gráficas:
O número de falecementos tamén se está a reducir nas últimas semanas, despois dos peores momentos da pandemia acadados nalgunhas xornadas de xaneiro e febreiro.














