Sábado 20 Abril 2024

Un estudo atribúe á B.1.1.7 unha mortalidade 55% maior ca outras variantes do SARS-CoV-2

A análise de máis de dous millóns de probas e 17000 falecementos entre setembro de 2020 e febreiro de 2021 constata a maior gravidade da variante

A mediados de decembro de 2020, o Goberno inglés advertiu de que unha nova variante do SARS-CoV-2, asociada a unha maior capacidade de transmisión, estaba a causar un notable aumento de casos de Covid-19 no país, principalmente no sueste de Gran Bretaña. Posteriores estudos constataron a súa maior contaxiosidade e, nalgúns casos, suxeriron unha maior posibilidade de ter consecuencias fatais. Un traballo publicado este luns en Nature, e dirixido por investigadores da Escola de Hixiene e Medicina Tropical de Londres, analizou os datos de máis de 2.245.264 probas diagnósticas e 17.542 mortes contabilizadas entre setembro de 2020 (cando foi detectada por primeira vez en Kent, no sueste do país) e febreiro de 2021, e chegou á conclusión de que a infección causada pola bautizada popularmente como variante británica asóciase cun 55% mais de mortalidade ca outras variantes do coronavirus neste mesmo período de tempo.

Como exemplo, os autores do traballo explican que, se de 1000 persoas maiores de 60 anos contaxiadas por outras variantes previas, seis adoitan morrer, no caso da B.1.1.7 este número increméntase a nove.

Publicidade

O novo artigo derívase doutro publicado en Science polos mesmos autores a comezos de marzo, no que constataran a maior transmisibilidade: o número reprodutivo básico (indicador do número de contaxios causados por un único caso) incrementábase entre un 43% e un 90%.

Deste xeito, confírmase o maior risco de que a B.1.1.7 esté tamén detrás dun curso máis grave da Covid-19. Esta variante é xa maioritaria en Galicia e España. A última actualización do Ministerio de Sanidad, datada o pasado xoves 12, apuntaba a que xa superaba o 90% das mostras analizadas mediante secuenciación xenómica.

Malia que se constata esta maior gravidade e contaxiosidade da variante, as análises realizadas ata o momento non parecen indicar que inflúa na efectividade das vacinas contra a Covid-19 grave.

Con todo, os autores do artigo publicado este luns destacan que, no marco da actual situación, chaman a manter a prevención contra a transmisión da B.1.1.7, toda vez que a cobertura da vacinación non é suficiente polo momento. Un menor número de contaxios supón, en consecuencia, un menor número de oportunidades de que o virus experimente novas mutacións que compliquen a evolución da pandemia.

O autor principal do traballo, Nick Davies, destaca que “Inglaterra sufriu un enorme número de vítimas por mor da B.1.1.7 nos últimos meses, con 42000 en xaneiro e febreiro de 2021. A pesar dos avances no tratamento da Covid-19, xa vimos máis mortes en 2021 ca nos primeiros oito meses da pandemia en 2020, e o noso traballo axuda a explicar por que”.

Así, Davies apunta que a variante detectada no Reino Unido “é máis transmisible, e a nosa investigación achega probas sólidas de que tamén causa unha enfermidade máis grave. Isto debería servir de advertencia a outros países de que deben permanecer atentos contra a B.1.1.7, que xa se estendeu a 90 países en todo o mundo”.

A vixilancia xenómica amósase, por tanto, como un elemento clave para conter a aparición de mutacións que dificulten a resposta á pandemia. Reino Unido ten activa unha ampla rede de análise e secuenciación, chegando a estudar as trazas da B.1.1.7 en máis de dous millóns de probas diagnósticas. En países como España, a secuenciación é moito menor, o que dificulta o rastrexo das variantes.

Para atopar este vínculo entre a variante detectada no Reino Unido e o risco de mortalidade, o equipo contrastou os datos, coa idade, o sexo, a etnia, o nivel socioeconómico. Otra das autoras principais da análise, a profesora Ruth Keogh, dixo: “Consideramos a posibilidade de que calquera vínculo entre estar infectado coa variante B.1.1.7 e o risco de mortalidade podería deberse a outros factores e non necesariamente a un vínculo causal. Porén puidemos descartar asociacións espurias a través do controlde varias características individuais, así como a zona de residencia e a data das análises, que tivemos en conta para controlar a capacidade asistencial dos hospitais”. Isto desbota, por tanto, a idea de que a mortalidade da nova variante se debía simplemente á saturación asistencial, que impedía atender ás persoas afectadas en condicións, e non tanto á propia gravidade da infección.

Outra das autoras, Karla Díaz-Ordaz, engade que “os nosos achados son sólidos para diferentes decisións de análises; por exemplo, corrixindo a clasificiación errónea da variante ou tendo en conta a información das variantes que non puidemos atopar, ou ben se observamos as mortes entre 28 ou 60 días despois da proba diagnóstica”.

Os autores, con todo, advirten das limitacións do traballo, incluíndo a posibilidade de que haxa outros factores relacionados coa infección da variante B.1.1.7 que non se puideron observar. Porén, conclúen que se tiveron en conta os factores máis importantes que poderían afectar a asociacións erradas. Ademais, os achados están apoiados, segundo lembran, por conclusións semellantes obtidas noutras investigacións.


Referencias:

Increased mortality in community-tested cases of SARS-CoV-2 lineage B.1.1.7 (Publicado en Nature).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta a proteína responsable da sensación de frío

O estudo foi publicado na revista ‘Nature Neuroscience’ e pode axudar a comprender como perciben as temperaturas baixas os seres humanos

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia

Atracción fatal ou confusión? Este é o verdadeiro motivo polo que os insectos voan arredor das bombillas

Estes animais non se dirixen ao foco luminoso, senón que se inclinan cara a el, desvíanse e modifican de forma errática a súa traxectoria

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes