Martes 23 Abril 2024

Lidia Senra sostén que a xornada suspendida en Vigo non era antivacinas

O MARCO de Vigo xa adiantara, por medio do Concello, a decisión de cancelar a xornada organizada por Lidia Senra na que ía participar a presidenta dun colectivo que esixe a retirada da vacina contra o virus do papiloma humano. E este mediodía, ás 13.21 horas, o museo comunicou á oficina da eurodeputada a suspensión da xornada “Mulleres e saúde” que ía ter lugar este sábado.

Ao coñecerse a decisión, o equipo de Senra fixo público un comunicado no que cualifica o sucedido como “unha grave vulneración do dereito á liberdade de expresión impropia dunha democracia”, polo feito de que “as presións exercidas por un medio de comunicación sobre un Concello deriven en que este obrigue a un museo a cancelar unha xornada informativa sobre saúde e mulleres”.

Publicidade

“É falso que sexa unha xornada antivacinas”

No comunicado, Lidia Senra sostén que “é falso que a xornada ‘Mulleres e Saúde’ sexa unha xornada antivacinas”, xa que aborda “aspectos referidos especificamente ca saúde das mulleres: María Luísa Lores e Carmiña Mosqueira foron convidadas para falar sobre o tratamento das mulleres; Alicia Capilla para falar da Vacina do Virus do Papiloma Humano e Elena Gil e Iria Pinheiro da violencia obstétrica”.

A polémica xurdiu, porén, no referente á intervención de Alicia Capilla, presidenta da Asociación de Afectadas pola Vacina do Papiloma (AAVP). Esta entidade reivindica “a retirada da vacina VPH, xa que non existe xustificación algunha para que mozas sas sufran riscos innecesarios, cando se dispón de medidas preventivas, eficaces e seguras, como a citoloxía, o preservativo e a educación sexual”.

A asociación que preside Alicia Capilla esixe na súa web a retirada da vacina contra o VPH.

Sobre este punto, Senra di que “Alicia Capilla é unha nai que vacinou á súa filla ca vacina do papiloma. Resulta obvio, polo tanto, que non é unha persoa que estea en contra das vacinas. Foi convidada para explicar a súa experiencia ao respecto“. Engade a eurodeputada que “a vacina do papiloma só se aplica a mulleres”, o “motivo polo cal a palestra foi incluída na xornada “Mulleres e saúde”.

Non é a primeira situación polémica na que se ve envolta a eurodeputada galega. O ano pasado, presentou unha pregunta escrita dirixida á Comisión Europea, na que afirmaba que as vacinas “teñen efectos colaterais, contraindicacións e moitos efectos secundarios e adversos que poden aparecer despois da vacinación, chegando nalgúns casos a provocar a morte”. Naquel momento, tanto Anova, como En Marea como Esquerda Unida desmarcáronse da postura defendida por Senra.

Durante a actual lexislatura, Senra xa fora criticada pola súa postura respecto a outros temas polémicos como os transxénicos ou o virus zika. E, en marzo deste ano, ao denunciar os ataques contra a liberdade de expresión en España, comparou a situación empresarios Josep Pàmies ou Xavier Uriarte, coñecidos voceiros antivacinas, coa do xornalista Nacho Carretero ou o dramaturgo Carlos Santiago.

“Non somos antivacinas, somos vítimas”

Este domingo, a propia Alicia Capilla publicou unha carta dirixida aos medios de comunicación. “Non somos antivacinas, somos vítimas”, di Capilla. A carta cualifica de “gran mentira” a actuación dos servizos sanitarios españois, dos que denuncian “un trato vexatorio e denigrante” e sosteñen que son un colectivo “ignorado”. Do mesmo xeito, Capilla adianta que “a xornada parece ser que se realizará noutro municipio”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que teñen tanto éxito os discursos anticientíficos?

O 'terraplanismo', os 'movementos antivacinas' e o 'negacionismo climático' son conceptos que se popularizaron nos últimos anos

A vacina do virus do papiloma humano en nenos: un gasto necesario?

O anuncio do futuro presidente da Xunta de incluír a ambos sexos no calendario vacinal abre o debate científico sobre a súa pertinencia

A loita contra o cancro de colo de útero: debería implantarse a vacinación masculina?

A xinecóloga Efigenia Arias sinala as claves do Virus do Papiloma Humano e ofrece algunhas estratexias para a prevención das consecuencias máis graves

“Son un atentado violento e perigoso”: os argumentos dos antivacinas no século XIX

Un estudo conclúe que o discurso apenas evolucionou e os movementos contrarios ás vacinas seguen a lanzar as mesmas mensaxes na pandemia actual