Venres 19 Abril 2024

O galego José Tubío, premio Talento Emerxente en Investigación Oncolóxica

O xurado valora a contribución do investigador do CiMUS “en varios dos descubrimentos máis importantes no campo da xenómica do cancro”

Na súa décima edición, o Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal foi concedido ao investigador Carlos Cordón-Cardó, profesor de Patoloxía no Mount Sinai Health System de Nova York. Doutra banda, o compostelán José Tubío, investigador do CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago) recibirá o terceiro Premio a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica.

Nesta edición, á concesión dos premios únese o anuncio dun incremento nas contías dos mesmos, proposta polo mecenas e presidente de Honra do Xurado, o empresario Ramiro Carregal, e aprobada por unanimidade. Deste xeito, o Premio Internacional pasará a estar dotado con 30.000 euros mentres que o III Premio a Talentos Emerxentes pasa a 10.000 euros para continuar traballando na investigación da enfermidade.

Publicidade

Investigador do CiMUS

Na terceira edición do Premio a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica o galardoado foi José Tubío, doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigador do CiMUS, pola “súa contribución en varios dos descubrimentos máis importantes no campo da xenómica do cancro”. Tubío leva máis dunha década en primeira liña do desenvolvemento da xenómica do cancro mediante a xeración e análise de datos de ultrasecuenciación NGS, primeiro no Centro de Regulación Xenómica de Barcelona e despois no Wellcome Sanger Institute e na Universidade de Cambridge (Reino Unido).

“Se investigásemos o cancro tanto como a covid só un ano, dariamos un paso de xigante”

En 2016 creou o seu propio grupo de investigación, Genomes and Disease, no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC para desenvolver ferramentas computacionais capaces de investigar o papel da variación xenómica na enfermidade e, particularmente, no cancro. Entre os seus moitos méritos, o Xurado do Premio Ramiro Carregal destaca a súa capacidade para captar recursos ou o seu recoñecemento como ‘Highly Cited Researcher 2019’ que o situou como un dos científicos máis influentes do mundo en canto á calidade das súas publicacións científicas.

O investigador Carlos Cordón-Cardó

Carlos Cordón-Cardó, nado en Cataluña, obtivo o seu título de médico na Universidade Autónoma de Barcelona e posteriormente trasladouse a Nova York para facer o doutoramento en Bioloxía Celular e Xenética no Medical College da Universidade de Cornell. Desenvolveu a súa carreira como investigador en inmunopatoloxía no Memorial Sloan Kettering Cancer Center, onde traballou máis de 20 anos. En 2006 uniuse á facultade do Colexio de Médicos e Cirurxiáns da Universidade de Columbia e en 2011 converteuse en profesor de Patoloxía da Escola de Medicina Mount Sinai.

Cordón-Cardó é pioneiro da patoloxía molecular oncolóxica como disciplina académica e clínica

Segundo o fallo do Xurado, o Dr. Cordón-Cardó é “pioneiro da patoloxía molecular oncolóxica como disciplina académica e clínica, e da innovadora plataforma de Patoloxía de Sistemas que usa a bioloxía computacional para formar modelos matemáticos da interacción e o comportamento das células cancerosas co obxectivo de determinar un resultado clínico”. Destaca tamén a súa contribución “para establecer unha comprensión máis profunda dos mecanismos dos cancros humanos e novas dianas terapéuticas, optimizando a medicina personalizada” así como “as súas análises de resistencia a múltiples fármacos e alteracións de xenes supresores tumorais no cancro humano que deron lugar a avances extraordinarios, incluíndo os cambios moleculares asociados á progresión de certos tipos de tumores sólidos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T