“Se investigásemos o cancro tanto como a covid só un ano, dariamos un paso de xigante”

O investigador José Tubío, Premio Nacional de Investigación en Cáncer, analiza o impacto da pandemia e reclama máis financiamento no día mundial da doenza

O investigador José Tubío no seu laboratorio do CiMUS. Crédito: Anxo Iglesias
O investigador José Tubío no seu laboratorio do CiMUS. Crédito: Anxo Iglesias

Oxalá non ter nada que conmemorar. Iso significaría que xa non sería preciso recordar que hoxe, 4 de febreiro, é o Día Mundial contra o Cancro. Unha data incisiva detrás da que se esconden números e nomes propios. En 2020, case 10 millóns de persoas morreron a causa do cancro segundo as estimacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Unha cifra mediada pola pandemia, que logrou deter os agarimos pero non o resto de doenzas.

Malia que a realidade sexa crúa, equipos de investigación de todos os puntos do globo tratan de reverter as cifras. Sen ir máis lonxe, o nome de José Tubío resoa con forza. Un experto galego en xenómica do cancro que acaba de gañar o Premio Nacional de Investigación en Cáncer “Doctores Diz Pintado”. Lidera, ademais, o grupo de “Xenomas e Enfermidade” do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Compostela (USC). A súa mensaxe, nun día coma hoxe, é clara: Coidádevos máis e mellor. E non vos esquezades de investir en ciencia.

—Xa ten nas súas mans o Premio Nacional de Investigación en Cáncer “Doctores Diz Pintado”. Como foi recibir o galardón?

—Si, foi un acto moi bonito. É todo un honor entrar nesa listaxe de xente tan relevante na investigación en cancro no noso país. A min xa mo comunicaran hai un mes e naquel momento foi unha sorpresa. Desta vez foi unha gran celebración. Un día moi bonito, para enmarcar. Moi emocionante.

—No discurso de recollida do premio dixo que, en comparación coas cifras da covid, o cancro mata a moitas máis persoas. Que pasaría se, durante un ou dous anos, a investigación mundial se concentrase no cancro e non no coronavirus, como acontece dende 2020?

—É difícil saber que pasaría. Sobre todo, porque a covid é un único inimigo, un único virus. Pola contra, o cancro son moitos inimigos distintos porque non é unha única enfermidade, son máis de 100 doenzas diferentes. Por iso é difícil saber que pasaría. Polo tanto, non focalizariamos todos os esforzos na investigación durante un ano ou dous anos, que foi o que se fixo coa covid, senón que habería que repartir eses esforzos entre varios inimigos. Habería que ver que pasaría pero, como mínimo, teriamos un avance moi importante sobre o coñecemento do cancro e moi probablemente venceriamos algunha das batallas que estamos librando contra el.

De feito, xa somos capaces de curar un 57% dos tumores. Hai datos da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e outras entidade que apuntan a que, se se duplicase o investimento en investigación, nun prazo razoable duns dez anos poderiamos curar ata un 70% de todos os tumores. Iso sería un avance importantísimo. Polo tanto, non sei que pasaría se puideramos dedicar todos os esforzos a loitar unicamente contra o cancro, pero se puideramos facer algo así, parar todas as investigacións e dedicarnos única e exclusivamente á investigación do cancro durante un ou dous anos, obviamente o paso sería impresionante. Non me atrevo a dar números. Pero se nun ano todos os investigadores nos centraramos no cancro, como pasou coa covid, dariamos pasos de xigante.

“A día de hoxe xa somos capaces de curar un 57% de todos os tumores”

—A pandemia desviou demasiado a atención das doenzas graves, como o cancro?

—Moitísimo. Eu non teño os datos exactos, pero hainos que demostran moi claramente que a covid-19 incrementou aínda máis os casos de cancro. A xente que tiña que recibir un diagnóstico nun tempo concreto tivo que recibilo moitísimo máis tarde porque os hospitais pecharon o acceso á xente. E a xente tamén tiña medo. Todo iso provocou un atraso nos tratamentos e nos diagnósticos. Tivo un impacto moi serio na loita contra o cancro e aínda o segue a ter hoxe en día.

—Incluso na investigación básica.

—Si, o meu centro de investigación, coma os outros, pechou. A única persoa que estaba traballando nese centro era eu. Escoitaba os meus propios pasos. Que facía aquí? Cavilar de que maneira podería eu conseguir que abriran o meu laboratorio, traballando en covid obviamente, e ao mesmo tempo proseguir as miñas investigacións en cancro. Eu o que non quería era que pecharan o meu laboratorio porque iso ía ter repercusións moi graves. De feito tívoas porque atrasou publicacións.

Por outro lado, aínda hoxe en día estamos a vivir as consecuencias da covid. Non nos chega o material plástico ao laboratorio e os prezos incrementáronse moitísimo, nun 15% os reactivos e os plásticos. E non chegan porque non se fabrican os suficientes. Os esforzos están postos en nutrir os hospitais. Iso si, seguen sen incrementarse os orzamentos das bolsas ou dos proxectos que nós temos. Cos mesmos cartos que tiñamos antes, temos un 10% ou 15% máis de gastos. Imaxine as consecuencias que tivo sobre a investigación.

“A causa da crise sanitaria, temos un 10% ou 15% máis de gastos, pero co mesmo orzamento de antes”

—Hai quen di que, algún día, o cancro se poderá converter nunha enfermidade crónica. Seremos capaces de erradicalo?

—Antes de nada temos que pensar en como vemos o cancro. Ben como algo individual ou global. No primeiro caso estariamos a falar dunha persoa concreta cun tumor concreto. Aí pódese levar a cabo unha curación completa. Podes facer unha cirurxía, aplicar tratamentos… Agora ben, o cancro como enfermidade sempre vai existir. É unha enfermidade xenética que está moi vencellada ao avellentamento da poboación. Entón, canto máis maiores nos facemos, máis mutacións xenéticamos acumulamos e a probabilidade de ter un cancro é moito maior. Non é como un virus que podes erradicar. O cancro vai estar aí porque xorde das nosas células, que se fan maiores, ou o noso ADN, que muta.

A cuestión é: imos ser capaces de curar o 100% dos tumores algún día? Iso vai ser moi complicado. O cancro, ademais, é un proceso evolutivo que funciona como funcionan as especies. Ti tes un cancro, aplicas un tratamento, e aínda que ese tratamento sexa capaz de eliminar as células canceríxenas, vai haber unha porcentaxe delas que van ser resistentes. Esas células resistentes van poder subsistir e proliferar. Polo tanto, ese cancro pode remitir ou volver expandirse. Ti podes volver aplicar o tratamento, pode remitir, e volver expandirse. Por iso hai tumores que nunca imos ser capaces de curar. Que podemos facer? Converter o cancro nunha enfermidade crónica. Conseguir que, ao cabo do tempo, unha persoa morra doutras cousas, pero non do cancro.

“O cancro, como enfermidade, sempre vai existir porque está vencellado ao avellentamento da poboación”

—E o tipo de tumor? Os cancros de mama teñen unha taxa de supervivencia moi alta, mais non acontece o mesmo cos de páncreas. 

—Si, son dous extremos. O cancro de mama nos anos 70 era practicamente unha sentenza de morte e hoxe en día, pola contra, somos capaces de curar máis do 95% dos tumores. De feito, serían o 99% se se detecta precozmente. Despois hai outro tipo de tumores, como o de páncreas, que cando se detectan adoita ser demasiado tarde. É complicado facer algo porque hai metástase, as células tumorais distribúense polo organismo. Acabas morrendo como consecuencia dese proceso.

Por iso é tan importante o diagnóstico precoz. Chega un momento en que todas as mulleres teñen que facer unha mamografía ou todos nós unha colonoscopia. Iso serve para a detección temperá. Agora hai outras técnicas como a biopsia líquida. Tómase unha mostra de sangue e vese se hai restos dun tumor. Imaxina que tes un cancro medrando no pulmón, por exemplo. Esas células tumorais morren, igual que calquera outra célula do corpo. E o seu material xenético pasa ao sangue para ser eliminado pola orina. Se es capaz de detectar esas células tumorais, pódese detectar de maneira temperá o tumor.

—Parece que imos polo bo camiño, aínda que quede moito por facer. 

—Realmente, os pasos máis importantes que se están dando son o diagnóstico temperá e a mellora dos tratamentos. Por exemplo, a inmunoterapia. Que o noso organismo sexa capaz de vencer o cancro e está funcionando moi ben cos tumores sanguíneos. E tamén a prevención. Por que imos curar con fármacos ou diagnosticar se o que temos que facer é previr? Sábese perfectamente que fumar provoca cancro de pulmón. Entón, por que fumamos? Ademais, o tabaco ten unha historia longuísima co cancro. Primeiro mastigábase, entón causaba cancro de boca. Logo aspirábase polo nariz e causaba cancro de nariz. A principios do século XX a moda foi fumar en pipa e causaba cancro labial. E despois veu o cigarrillo, e o que fai é causar cancro de pulmón. E seguimos fumando.

“É moi importante a prevención. Se sabemos que fumar provoca cancro de pulmón… Por que fumamos?

Canto se aforraría en tratamentos? Canto se reduciría o número de doentes con cancro de pulmón se simplemente deixaramos de fumar? Porque vai ser o primeiro tipo de cancro, se non o é xa, nas mulleres. Por iso a prevención é moi importante. E son poucas cousas as que temos que facer. Primeiro, deixar de fumar. Segundo, non se poñan ao sol no verán. E se o fan, fágano con protección. Moita xente di que é necesario para a vitamina D. É mentira. Un día nubrado, coa radiación solar que poidas ter, xa recibes o suficiente. Non temos que tumbarnos na praia un día de verán. E se o fas, protección solar. Terceiro, coidado coas relacións sexuais porque hai virus que se poden transmitir así e derivar en cancro. Por exemplo, o virus da hepatite B causa cancro de fígado e tamén o virus do papiloma humano, aínda que a día de hoxe xa hai moita xente vacinada. A prevención é o máis doado e o máis barato de facer.

—O estudo das mutacións tamén é clave.

—Si, é o que se denomina “xenómina do cancro”. É importante para a prevención, o diagnóstico temperán e os tratamentos. Para o primeiro, porque os axentes como o tabaco deixan unha marca no ADN e estudar a xenética dos tumores permítenos saber que foi o que o causou. Incluso permite identificar as novas causas do cancro. Pero tamén é importante para o diagnóstico temperán. No noso laboratorio vimos que as primeiras mutacións que causan un tipo de cancro poden xurdir ata 20 ou 30 anos antes, ou incluso 40, de que sexa diagnosticado. E isto é o que nos vai axudar a facer unha detección temperá. Por último, o estudo das mutacións é importante para os tratamentos porque a meirande parte deles o que pretenden é corrixir o que funciona mal. Unha mutación xenética que causa cancro fai que algo non funcione ou non funcione correctamente. Entón, os tratamentos van dirixidos a reverter esa función ou destruír as células. Polo tanto, a xenómica do cancro é a primeira fronte de batalla contra o cancro.

‘Ver’ o cancro de fígado ata con 20 anos de antelación? O gran achado deste equipo galego

—A mensaxe para o Día Mundial contra o Cancro, polo tanto, parece clara: investigar máis e coidarse máis e mellor. 

—Sobre todo coidarse máis. Hai que poñer aí o foco. É o máis barato que existe. É mandar mensaxes pola televisión, desenvolver políticas moi sinxelas que atallen o problema. A cuestión de tomar o sol incorrectamente, de fumar tabaco, de coidar a nosa alimentación, as relacións sexuais… É algo que levamos escoitando moitos anos. É como facer unha condución viaria segura e mire como cambiaron as estatísticas. Educar á poboación nestes problemas e intentar desenvolver políticas axeitadas para concienciar á poboación.

Despois tamén está a investigación. Ti cando vas a un hospital e che detectan un cancro, o que queres é que te curen. Quen te cura? Os médicos. Pero non teñen os tratamentos por arte de maxia. Simplemente son persoas que teñen coñcemento dos tratamentos para aplicalos. Pero os tratamentos desenvólvenos os investigadores. É importantísimo o investimento en investigación básica. Isto depende dos gobernos, pero tamén da xente. Ao final é a xente a que marca o que é prioritario. Deberiamos ter un 3% do PIB en investigación e estamos en menos dun 1,5%. Ao final, o que caracteriza aos países máis riscos é aumentar a proporción do gasto en investigación. O que temos é que aspirar a converter ese 3% e seremos moito máis competitivos. Ademais, a investigación xera emprego e cultura. E, por suposto, riqueza a todos os niveis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.