Sábado 20 Abril 2024

‘Ver’ o cancro de fígado ata con 20 anos de antelación? O gran achado deste equipo galego

O grupo de "Xenomas e Enfermidade" do CIMUS lidera un estudo que describe unha nova vía de formación de tumores inducida polo virus da hepatite B

Dentro do enorme crebacabezas do xenoma humano, o equipo de investigación en Xenomas e Enfermidade do CiMUS de Santiago, dirixido por José Tubío, procura precisamente iso, marcas presentes no libro da vida que induzan esa peaxe a pagar no gran milagre que é a vida. Algunhas letras dese código teñen erros que favorecen a aparición de enfermidades como o cancro. Nos últimos anos, este mesmo grupo ten un papel moi relevante no proxecto internacional PANCANCER, que este xoves dá un novo froito cun artigo que publica a revista Nature Communications e que toca unha tecla clave na aparición dos tumores de fígado: atoparon o lugar no que o virus da hepatite B (VHB) provoca cambios no xenoma do fígado que acaban favorecendo a aparición do cancro. 

Este achado de investigación básica é un primeiro paso esencial para que, nun futuro, poidan trasladarse á práctica clínica e secuenciar deste xeito os xenomas de posibles pacientes de cancro para anticiparse á aparición destes tumores e por tanto aumentar as posibilidades de supervivencia. O traballo liderado polo CiMUS, no que tamén participan equipos de Inglaterra e Xapón, observou que estes cambios inducidos polo ADN do virus poden aparecer ata dúas décadas antes de que se detecten os tumores. Segundo explica Paula Otero, coautora do artigo e estudante de doutoramento no grupo, “cremos que estes achados poderían facilitar o diagnóstico precoz da enfermidade, e tamén axudar a desenvolver estratexias terapéuticas máis eficaces”.

Publicidade

O papel do virus da hepatite B

Estímase que case 4 de cada 100 persoas no mundo están infectadas polo virus da hepatite B. A enfermidade, no 20% dos casos, agrávase ao deteriorar o tecido hepático, xera cirrose ou cancro de fígado e, finalmente, a morte da persoa infectada. Este problema é coñecido e mesmo se produce noutros virus como os do papiloma humano (VPH) que poden desembocar en cancros de colo de útero ou xenitais. 

Partindo deste proceso, o equipo do CiMUS peneirou durante anos o xenoma de centos de carcinomas de fígado grazas ás tecnoloxías punteiras de secuenciación das que dispón o proxecto PANCANCER, e observou a nivel xenómico o proceso polo cal o VHB introduce o seu material xenético nas células do fígado. 

“Isto é o que lle permite seguir producindo copias de si mesmo e estender a infección. En ocasións, aínda que non sempre, o virus intégrase no ADN para sobrevivir dentro da célula. Isto era algo que xa se sabía. Estas integracións do ADN do virus poden ser prexudiciais per se, pero por si soas non permitían explicar como o VHB promove a formación de tumores”, sostén a primeira autora do artigo, Eva G. Álvarez, que actualmente traballa nunha tese de doutoramento na que analiza a integración de diversos virus no ADN.

E acabaron aparecendo detalles moi relevantes, que amosaban como a inserción de ADN do virus da hepatite B no tecido hepático suprimía determinados xenes que actuaban como barreira para os fenómenos de crecemento descontrolado que causa o cancro. “Desenvolvemos un algoritmo para buscar as secuencias do virus nas mostras de pacientes con cancro de fígado e comezamos a atopar que nalgúns casos isto producíase en zonas relevantes do xenoma. Vimos que se producían unha serie de eventos que poden ser dramáticos para a célula”, apunta Álvarez.

“Comprobamos que, con frecuencia, as integracións do ADN do virus están a mediar alteracións no xenoma das células hepáticas. É dicir, no noso xenoma, adxacentes ao lugar en que se integra o ADN viral, vemos outro tipo de anomalías – como perdas do ADN nativo ou fusións entre cromosomas diferentes – que, en última instancia, fan que se perdan xenes protectores contra o cancro”, engade Paula Otero. Isto é: cando estes xenes están en ‘condicións normais’, evitan a división descontrolada que podería estimular a formación do tumor. 

Cara a un futuro con detección máis precoz?

A detección temperá dos eventos impulsores que causa o virus da hepatite B no tecido do fígado pode axudar a reducir os danos e, por tanto, a incidencia e a mortalidade causada polo cancro hepático. Fonte: CiMUS / tradución de GCiencia.
A detección temperá dos eventos impulsores que causa o virus da hepatite B no tecido do fígado pode axudar a reducir os danos e, por tanto, a incidencia e a mortalidade causada polo cancro hepático. Fonte: CiMUS / tradución de GCiencia.

Os resultados son “de gran relevancia para a sociedade“, segundo destaca José Tubío, líder do grupo. “É un dos poucos tumores nos que se prevé que a taxa de mortalidade continúe aumentando e, de feito, a infección polo VHB é a segunda causa de cancro no mundo despois do tabaquismo”. Ademais, aínda que existe vacina contra o virus da hepatite B, non hai tratamento contra a enfermidade crónica.

Debido ao curso que ten a enfermidade, coñecer con anterioridade os fenómenos que acaban xerando cancro de fígado é unha arma poderosa para minimizar o dano. “Na evolución da hepatite B desde un fígado sen fibrose (o 1º paso do dano no tecido) ata o cancro de fígado, as guías clínicas só recomendan tratamento antiviral cando hai dano hepático. Por tanto, o tratamento non se aplica na etapa temperá, cando a replicación do VHB é maior e están ocurrindo as integracións do virus que poden ser a causa de aparición do tumor. O noso traballo suxire que debería recomendarse adiantar o tratamento fronte ao virus”, explican os autores da investigación, xa que “este tratamento temperán restrinxirá estes eventos impulsores e, como consecuencia, esperamos unha diminución na incidencia e morte causadas polo cancro de fígado”. 

Este traballo marcará, por tanto, o camiño de posteriores investigacións para, por exemplo, analizar como se integra o VHB en tecidos pretumorais para dispoñer dunha visión global do proceso que desemboca no cancro: “Isto permitiranos ver o momento exacto no que estes eventos teñen lugar, caracterizalos e analizar como afectan á estrutura do xenoma. Desta maneira poderemos ter unha visión global do proceso de desenvolvemento tumoral desde un punto de vista evolutivo”, conclúe Eva G. Álvarez. 

Neste camiño vai, precisamente, a investigación que desenvolve Paula Otero. “A miña tese quere dar ese seguinte paso, indo un pouco máis cara a atrás no tempo e ver cales dos eventos se están xa producindo nas células máis ‘normais’“, explica a investigadora predoutoral do CiMUS.


Referencia: Aberrant integration of Hepatitis B virus DNA promotes major restructuring of human hepatocellular carcinoma genome architecture (Publicado en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Yolanda Prezado: “Coa protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos”

A científica galega referente en París incorpórase ao CiMUS para impulsar a investigación en Galicia da terapia con protóns

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde