Investigan en Galicia a compra de fármacos para a eutanasia

A Policía Nacional contactou con cinco persoas por comprar a través de internet pentobarbital, un barbitúrico usado nos países onde a práctica é legal

A Policía Nacional ten en marcha nos últimos meses investigacións que afectan alomenos a cinco persoas por comprar a través de internet o pentobarbital sódico, un fármaco que adoita usarse para a eutanasia nos países nos que esta práctica está permitida. Así o confirma o diario Faro de Vigo, citando fontes da asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD), que sosteñen que axentes da policía visitaron as vivendas de enfermos que terían pedido o medicamento para morrer. Hai unhas semanas, o xornal El País apuntaba que se estaba investigando a decenas de persoas en España ao detectar envíos do fármaco procedentes dos Estados Unidos.

Despois da publicación da noticia no diario madrileño, Dereito a Morrer Dignamente publicou un comunicado recoñecendo que varias persoas, algunhas delas socias da entidade, estaban sendo investigadas, producíndose incautacións en países como Francia de frascos de Nembutal, un dos nomes comerciais do composto. Ante esta situación, DMD informaba ás persoas investigadas que non estaban obrigadas a entregar o produto en caso de que non o solicite un xuíz, e salientaba que a posesión de pentobarbital “non é delito”.

Publicidade

“Constatamos que segue habendo persoas que están nunha situación desesperada e que quixeran que a lei da eutanasia estivera aprobada”, declarou a Faro de Vigo Ascensión Cambrón, presidenta de DMD en Galicia, que apuntou que a entidade “informa das posibilidades que hai de adquirir un fármaco a través da internet baixo a súa responsabilidade (dos enfermos) se queren tomalo e morrer así; informa simplemente dunha dirección onde pedilo, pero non participa”. O pentobarbital sódico é a substancia que lle foi subministrada a María José Carrasco, unha muller que solicitara a eutanasia e que faleceu o ano pasado, nun dos últimos casos mediáticos de debate sobre esta práctica en España, e que provocou a detención do seu marido.

Segundo denuncia DMD, o pentobarbitol é o “último recurso” que teñen moitas persoas ante a falta dunha lei que regule a eutanasia en España. Esta mesma semana, o Parlamento de Galicia debateu unha proposta, rexeitada pola maioría do Partido Popular, para remitir ao Congreso español unha proposición de lei para despenalizar a práctica. O novo Executivo estatal manifestou a súa vontade de aprobar a norma en canto sexa posible.

Publicidade

Eutanasia: cando a política está por riba da liberdade individual

Que é o pentobarbital?

O pentobarbital sódico, con fórmula C11H18N2O3, Eé un barbitúrico con propiedades sedantes e/ou hipnóticas, que en España só se utiliza na actualidade de forma legal no eido veterinario para eutanasiar animais. Provoca a depresión do sistema nervioso, e en países onde a eutanasia está regulada, como Suíza ou Holanda, úsase en combinación con outros fármacos para levar a cabo esta práctica. O prezo dun frasco a través da internet pode superar os 600 euros por 6,5 gramos de fármaco.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño