Venres 19 Abril 2024

Tres galegos, no maior proxecto europeo sobre o mexillón de auga doce

Só podemos conservar o que coñecemos. Esta é unha das principais premisas das que parte o proxecto Confremu, unha iniciativa europea que involucra 80 científicos e científicas de 25 países unidos para “comprender e frear a crise de biodiversidade que afrontan os mexillóns de auga doce”. Entre eles está o investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Noé Ferreira-Rodríguez, que lembra que este é “un dos grupos de animais máis ameazados a nivel mundial”.

O proxecto, que conta co financiamento do programa europeo COST-European Cooperation in Science and Technology e ten un orzamento anual que ronda os 125.000€ para os próximos catro anos, botou a andar en outubro, pero este xoves e venres os seus socios están reunidos en Bruxelas para pór en marcha as accións específicas dos diferentes grupos de traballo. Ferreira-Rodríguez explica que anteriormente xa se desenvolveron outros proxectos en Europa centrados na conservación e recuperación dalgunha especie de mexillón de río en particular ou tratando de cuantificar o impacto dalgún dos múltiples factores de ameaza, non obstante, “este é o primeiro proxecto que aborda a conservación destes animais dende unha perspectiva tan ampla”.

Publicidade

Trátase de incrementar o coñecemento arredor desta especie, estudar a súa distribución e os seus requirimentos ambientais, e a tolerancia aos impactos ou a tendencia das poboacións, xa que estes datos son clave “á hora de valorar correctamente o estado de conservación de cada unha delas e pór en marcha as accións necesarias para asegurar a súa conservación”, puntualiza o investigador da UVigo. Facelo é de especial relevancia xa que, como engade Ferreira, o mexillón de auga doce “ten unha especial relevancia para o mantemento da saúde dos ríos, xa que polas súas elevadas taxas de filtración, contribúen –entre outras funcións– á depuración natural e mantemento da calidade das augas”.

Un galego lidera un estudo internacional para salvar o mexillón de auga doce

Catro grupos de traballo

O proxecto Conservación dos mexillóns de auga doce: unha visión paneuropea (Confremu, polas súas siglas en inglés) está liderado dende Polonia e divídese en catro grupos de traballo que se centrarán en estudar a distribución e taxonomía; a función que realizan destes animais nos ríos; as estratexias de conservación e, finalmente, a divulgación do coñecemento obtido.

O traballo de Noé Ferreira encádrase na segunda liña, estudando os servizos ecosistémicos que proporcionan os mexillóns nos ríos, isto é, “a contribución directa e/ou indirecta destes animais ao benestar humano, por exemplo, depurando e incrementando a calidade das augas polas súas elevadas taxas de filtración”. Xunto co investigador da Universidade de Vigo, hai outras dúas galegas involucradas, as profesoras da Universidade de Santiago de Compostela Paz Ondina, do Departamento de Bioloxía Animal e Rafaela Mª Amaro González, do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física. De feito, Noé Ferreira-Rodríguez e Paz Ondina forman parte do comité xestor e foron elixidos como representantes nacionais. O equipo de científicos complétase a nivel estatal coa participación de Miguel Clavero, da Estación Biolóxica de Doñana e de Keiko Nakamura, do Goberno de Aragón.

O 40% das especies de mexillón de auga doce están en perigo de extinción en España

Tomando como referencia a listaxe e a clasificación da Unión Internacional para a Conservación da Natureza, o 6% das especies de mexillón de auga doce xa se extinguiron e o 30% corre o risco de facelo a nivel global se non se corrixen as causas do seu declive. Pero Noé Ferreira-Rodríguez remarca que a situación en España “é incluso peor e ata o 40% das especies considéranse ameazadas de extinción”. Con todo, considera que o máis preocupante é que, a nivel global, “non sabemos o que ocorre co 15% das especies xa que non temos información sobre o seu estado de conservación”. Así, os primeiros obxectivos do proxecto Confremu serán delimitar o número de especies e coñecer o seu estado de conservación para, con esta información, “propor medidas encamiñadas á súa conservación, dende a programas de cría en catividade como os que xa se realizan en Galicia grazas, en parte, ao traballo das investigadoras da USC, ata a recuperación e conservación do hábitat”.

Unha investigación de Lugo estuda a conservación do mexillón de río

E é que estes moluscos dependen moito da saúde da contorna para sobrevivir, xa que unha das principais características que diferencian os mexillóns de río doutros moluscos de auga doce é a dependencia dun hóspede para completar o seu ciclo vital, “isto é, as larvas teñen que fixarse –polo xeral– ás guerlas dun peixe para completar o seu desenvolvemento”. Esta relación provoca problemas cando estes peixes tamén sofren o declive das súas poboacións, como é o caso da Margaritifera margaritifera, que depende dos salmónidos, ou a M. Auricularia, que depende do esturión, indica o científico. “No primeiro caso as poboacións están en grave declive nos ríos da península e, no segundo, hai 60 anos que os esturións desapareceron de ríos como o Miño”. Por este motivo, engade, “algunhas especies de mexillóns reprodúcense pero as larvas non conseguen completar o ciclo vital e transformarse en xuvenís, o que ocasiona problemas de recrutamento deixándonos poboacións moi envellecidas”.

Nos menús galegos séculos atrás

Sobre a explotación comercial destas especies, Noé Ferreira relata que, aínda que en España o seu uso é esporádico, no pasado empregábanse para confeccionar ornamentos coas cunchas ou para a alimentación humana, por exemplo na Idade de Bronce e posteriormente na Idade Media. En Galicia mesmo hai testemuños de banquetes onde os mexillóns “eran un prato máis non hai moitos”. Onde teñen maio peso económico e comercial é máis aló das fronteiras europeas, explica o experto, “xa que antes da aparición do plástico colleitáronse millóns de mexillóns de auga doce para fabricar botóns e, a día de hoxe, en Asia cultívanse tanto para a alimentación humana como para a obtención de perlas”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O refuxio do ameazado mexillón de río: 35.000 exemplares do ‘termómetro’ dos ecosistemas

Investigadores do campus Terra da USC leva máis dunha década traballando na protección e conservación desta especie en perigo de extinción en Galicia

Estudan o papel da troita e o salmón como dispersores do mexillón de río

O grupo de investigación CoPeMol, do campus de Lugo da USC, estuda a relación parasitaria deste molusco, en perigo de extinción, coas especies de peixe

A man humana tras o avance da invasión da ameixa asiática

Un novo estudo esixe medidas efectivas para atallar a dispersión da "Corbicula fluminea", presente xa en centos de quilómetros dos cursos fluviais

Unha investigación de Lugo estuda a conservación do mexillón de río

Unha investigación da USC desenvolve un método de xestión e conservación...