Sábado 7 Decembro 2024

Crean en Lugo unha nova bebida hospitalaria hiperproteica

Investigadores da Aula de Produtos Lácteos da USC lanzan tamén un novo iogur para previr doenzas en persoas maiores

É sempre un reto sanitario alimentar aos pacientes dos hospitais que non poden inxerir alimentos sólidos ou precisan un suplemento nutritivo. E por iso investigadores do campus de Lugo da USC lanzan unha bebida hiperproteica de uso en hospitais. E tamén un iour deseñado para persoas maiores, con achegas para previr doenzas cardiovasculares.

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do campus de Lugo da USC ultima o desenvolvemento de dous novos alimentos acaídos para mellorar a calidade de vida do público sénior, tal e como o son un iogur natural enriquecido con Omega 3 e unha bebida hospitalaria hiperproteica elaborada con hidrolizado de proteína de soro.

Publicidade

O centro universitario lugués traballa no desenvolvemento destas novas solucións alimentarias innovadoras no marco dun consorcio no que tamén participan as empresas Clun, Queizúar SL e Adventia Pharma SL, ao abeiro do proxecto europeo ‘Nutriage, solucións avanzadas para un envellecemento saudable a través da nutrición’, orientado a mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 65 anos na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través da chamada dieta atlántica.

Aula de Produtos Lácteos do campus de Lugo.

As características e propiedades funcionais destes novos produtos alimenticios responden ás singularidades da alimentación recomendada para o colectivo de persoas que conforman o chamado mercado da terceira idade, dado que se trata de alimentos de fácil deglutición e que ofrecen unha hidratación elevada, entre outras funcionalidades, segundo explicaron as xestoras do proxecto Nutriage na APLTA, María Pereda e Ana Álvarez, durante a xornada técnica de presentación de resultados deste programa europeo que conta con financiamento a través dos fondos Feder e que está coordinado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Publicidade

O iogur natural enriquecido desenvolvido pola Aula e CLUN é unha solución alimentaria innovadora fabricada con leite Únicla, leite en po desnatado, fibra, aceite omega 3 e fermentos lácticos que atopa o seu elemento diferenciador no ácido graxo omega 3. Este compoñente axuda a reducir os niveis de graxa en sangue, contribúe a previr enfermidades cardiovasculares, ao tempo que resulta beneficioso para reducir a presión arterial en persoas hipertensas, ademais de presentar outras propiedades antioxidantes que melloran a función endotelial e neuronal, segundo salientan Pereda e Álvarez.

O novo iogur natural está enriquecido con ácido graxo omega 3

Este iogur, engaden as xestoras do proxecto Nutriage na APLTA da USC, constitúe asemade unha fonte de proteínas de alta calidade que axuda a conservar a masa muscular. Daquela, como a súa inxestión vai asociada a unha mellor absorción do calcio respecto doutros alimentos que tamén conteñen este mineral, o consumo deste iogur contribúe a frear o avance da osteoporose e a previr fracturas, sobre todo en casos de traumatismos e en mulleres postmenopáusicas.

A bebida de uso hospitalario desenvolvida na Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxía Alimentarias do campus de Lugo da USC seguindo a receita proporcionada por Adventia Pharma SL ten como base un hidrolizado de proteína de soro fabricado por Queizúar SL. Este novo produto está recomendado para a poboación sénior que presenta perda de masa muscular debido, cando menos en parte, á redución de consumo de alimentos proteicos por mor de problemas de deglutición/mastigación.

Esta bebida está composta fundamentalmente por péptidos de pequeno tamaño con actividades funcionais demostradas. O seu perfil proteico é de alta calidade nutricional, dado que contén todos os aminoácidos esenciais en cantidades elevadas. A composición deste alimento e o seu sabor a vainilla fan deste bebible un magnífico suplemento para doentes hospitalarios ou persoas dependentes, comentan María Pereda e  Ana Álvarez.

Estas dúas solucións alimenticias innovadoras constitúen dúas das primeiras achegas do proxecto Nutriage, no que, ademais da APLTA, tamén están a traballar outros grupos de investigación do campus de Lugo. De feito, Nutriage é unha actuación financiada a través do programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 que contempla diversas accións. A execución destes traballos son responsabilidade dun consorcio do que forman parte a USC, a Asociación Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), a Universidade Católica Portuguesa – Centro Regional de Porto, a Associação Integralar (PortugalFoods), ANFACO-CECOPESCA (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos – Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos de la Pesca), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) e la institución Santa Casa da Misericórdia de Porto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Garantir o futuro da Herba Cheirenta en Galicia: así é o obxectivo dun proxecto da USC

O grupo ACUIGEN leva anos estudando as poboacións de árnica na comunidade coa finalidade de entender as súas dinámicas reprodutivas e preservar a súa supervivencia

Para que servía Corro dos Mouros? Estas son as dúas hipóteses dun xacemento único

Un equipo da USC retoma os traballos arqueolóxicos do 2023 coa fin de realizar dúas sondaxes e un rexistro con dron

Estes son os sitios de Galicia onde haberá treboadas este mércores

A DINA prognosticada pola Axencia Estatal de Metereoloxía afectará principalmente o interior da provincia de Lugo con fortes treboadas

Unha obra no río Miño afecta a dúas especies vulnerables e pon en alerta os ecoloxistas

A restauración dun caneiro en Acea de Olga, na cidade de Lugo, obriga a trasladar a dúas poboacións de bivalvos ameazadas