Captan por primeira vez a formación de dúas estrelas xemelgas

Unha colaboración de científicos de varios países conseguen retratar este fenómeno grazas ao instrumento ALMA, situado en Chile

Unha colaboración de científicos de varios países, entre os que se atopan investigadores Institut de Ciències de l’Espai de Catalunya, conseguiu observar por primeira vez como se forman as estrelas xemelgas, ou sistemas estelares binarios, que son a forma máis común en que as estrelas se presentan no universo. Foron, por certo, un dos principais campos de estudo do célebre astrónomo galego Ramón María Aller. O resultado, publicado estes días en Science, mostra imaxes de alta resolución obtidas desde Chile co instrumento ALMA (Atacama Large Millimetre/submillimetre Array).

Os astrónomos observaron o sistema [BHB2007] 11, o membro máis novo dun pequeno grupo de novos obxectos estelares na nebulosa escura Barnard 59, que forma parte da nube de po e gas chamada a Nebulosa da Pipa. Mentres que as observacións anteriores mostraban unha envoltura xiratoria e en colapso ao redor dun disco circumbinario, agora, as novas observacións tamén revelan a súa estrutura interna.

Publicidade

Recreación das estrelas xemelgas captadas desde Chile. Fonte: ALMA (ESO/NAOJ/NRAO), Alves et al.
Recreación das estrelas xemelgas captadas desde Chile. Fonte: ALMA (ESO/NAOJ/NRAO), Alves et al.

“Vemos dúas fontes compactas, que interpretamos como discos circunestelares ao redor das dúas estrelas xóvenes”, explica Felipe Alves, que actualmente investiga no Max Planck Institute for Extraterrestrial Physics (MPE). As estrelas crecen ao extraer materia destes discos. “O tamaño de cada un destes discos é semellante ao cinto de asteroides do noso sistema solar e a súa separación é lixeiramente menor que a do noso sistema estelar no seu conxunto”.

Protoestrelas e discos circunestelares

Ademais, tanto as protoestrelas como os seus discos circunestelares están rodeados por un disco máis grande, chamado disco circumbinario, cunha masa total dunhas 80 masas de Xúpiter, que mostra unha complexa rede de estruturas de po distribuídas en forma de espiral, que se asemella a un pretzel.

Publicidade

Os astrónomos observaron un proceso de acreción en dúas etapas. Na primeira etapa, a masa transfírese do gran disco circumbinario aos discos circunestelares. Na segunda etapa, a masa transfírese dos discos circunestelares ás estrelas.

“Grazas á potencia de ALMA logramos profundar no complexo sistema de estrelas novas binarias e obter unha mellor comprensión de como se forman estes sistemas, así como descubrir que sería posible a formación de planetas rochosos en tales ambientes. Agora podemos estudar máis sistemas similares co fin de describir mellor as condicións que permiten a formación de sistemas estelares múltiples”, declara Josep Miquel Girart, investigador do Instituto de Estudos Espaciais de Cataluña e coautor do estudo.


Referencia: Gas flow and accretion via spiral streamers and circumstellar disks in a young binary protostar (Publicado en Science).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

Begoña Vila, a astrofísica galega que contemplou tres eclipses: “É una experiencia indescritible”

A enxeñeira da NASA presenta en Santiago a rodaxe dun documental sobre a súa traxectoria e que a seguirá ata o lanzamento do telescopio Nancy Grace Roman

Un congreso da UDC pon Galicia no mapa da física solar na semana da eclipse total

O astrofísico Martín Gómez Miguez explica como o valor do fenómeno cambiou co paso do tempo e a evolución das ferramentas de observación e medición.

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas